Sirva este editorial como vacina contra o desconcerto e o desacougo, despois de tanta perplexidade polo sucedido na cousa política. E todo ás portas de dous novos procesos electorais.
Sempre sostivemos que Galicia precisa de forzas políticas propias, que se diferencien en ética e honestidade, que se instalen na utopía posible de máis igualdade, máis acollida e máis dereito, que nos devolvan a imaxe de dignidade e autoestima que o noso pobo precisa, que revitalicen este país, que fagan de Galicia un suxeito político con voz propia no contexto estatal e europeo.
Para quen vote con ánimo galeguista, o discernimento é hoxe especialmente complicado. Os que marcharon do BNG alegaron poderosos motivos, pero valorando o que pasou despois das frustradas eleccións estatais de decembro, os argumentarios teñen menos poder de convicción. É daquela cando resoa a teima de Castelao: ninguén virá de fóra que solucione os nosos problemas históricos.
Para quen vote apenas con ánimo de cambio a cousa tamén está complicada. A situación terá que irse reconducindo. Especialmente se se quere ir construíndo unha alternativa ao goberno da Xunta. O cainismo da esquerda non pode ter a última palabra. E se a ten, a dereita gañará. Pero hai sinais interesantes. E quizais o novo liderado de Leiceaga no PSOE sexa un deses sinais.
E xa en positivo. Necesitamos aferrarnos a criterios e decidir con paixón e intelixencia. Velaí van uns poucos. De cadaquén depende darlle a cada un deles o peso que considere axeitado. E despois que repase as candidaturas a ver que nota lle pon a cada unha en relación a cada criterio (por suposto esta lista de criterios é aberta, modificable e adaptable, como debe ser):
- Que Galicia avance no camiño de ter forzas propias que expresen as súas necesidades e reivindicacións, sen dependencias, comenencias nin ataduras. Que nas cortes españolas exista un grupo parlamentario galego, con peso, seriedade e rigor, e cunha voz e tempos propios que expresen e visibilicen Galicia.
- Que quen aspire a gobernar acredite un sólido e probado compromiso ético, non só para non roubar ou desviar fondos con empresas amigas ou gastos prescindibles, senón para non aplicar desde o goberno un “amiguismo enxebre”que só se diferenza do de sempre basicamente en que “agora coloco aos meus no canto de colocar aos de antes”.
- Que se defenda o noso territorio, feitura e paisaxe, con firmeza, desde aquí, desde a base, desde o amor militante, demostrado e probado na práctica e non nos discursos.
- Que se refresque e sanee a maneira de facer política para abrir as organizacións, para deixar os dogmatismos e as listas negras, para democratizar, airear, gozar do pluralismo, deixarse de tanto clixé, e ter unha concepción máis ampla e relaxada diso que se chama “os nosos”.
- Que se defenda a calidade do público (educación, saúde, servizos sociais), a súa importancia como reguladores da igualdade, para unha sociedade inclusiva.
- Que se aproveite a ocasión histórica para erradicar a fraude fiscal no Estado español, os paraísos, unha fiscalidade de amiguetes, e a cultura do presumir de non pagar impostos, por máis que iso sexa impopular.
- Que se “prometa con rigor”, só o que se pode e se sabe como financiar, sen poñer todo patas arriba, porque ao final, pagan os de sempre.
- Que Galicia non se acaba no eixo Pedrafita-Padornelo, nesta sociedade complexa e global, na que cómpre ver en cada refuxiado un irmán e non un inimigo.