Entrevista – Asociación Vaipolorío: Organización, dignidade e fermosura para un anaquiño do noso país


O río dos Gafos parece pequeno, pero ten una historia grande, porque ten uns defensores decididos e valentes. Son menos de once quilómetros de curso, pasando por Figueirido (onde nace, na Boullosa) até desembocar no barrio das Corbaceiras, na ría de Pontevedra. Estamos diante dunha emocionante aventura de recuperación comunitaria e popular dun río que era un exemplo de abandono e vertedoiro de toda clase de lixo. Hoxe é un lugar modélico e declarado Espazo Natural de Interese Local, todo grazas ao traballo xeneroso de xente como Pablo Carro Sobral, membro fundador e da xunta directiva da asociación que protagoniza esta ilusionante iniciativa. Pablo, a quen entrevistamos aquí,  estivo con nós na Festa do Lume deste 2016.

2

Remate dun día de limpeza cun equipo de voluntarios

Como nace logo esta pequena historia? Como estaba o río daquela e que reacción se produce?

Todo comeza pola iniciativa dun ourensán aveciñado preto do curso medio do río chamado Xosé Feixó e tamén a súa dona Rosalía, nos seus paseos frecuentes pola beira do río ollaban como estaba ateigado de lixo.

Vendo isto puxéronse en contacto coas asociacións de veciños e outros colectivos interesados na limpeza do río e puxémonos mans á obra.

Van aló quince anos e o río segue a ter lixo, pero o grupo de voluntarios que comezamos a obra, aínda que lixeiramente minguado no número de persoas, seguimos arre que arre.

E… montades unha organización do máis sólido, con quen, cantos, como fostes funcionando?

Pois comezamos nos xantares dos domingos do verán, de xuño a agosto, aproveitando a baixada do caudal para poder meterse no leito do río, nos primeiros anos (sete ou oito) chegamos a estar traballando cada xornada 50 ou 60 persoas;  actualmente, despois de quince anos somos uns 15 ou 20, sen contar cos distintos colectivos que se sumaron a nós ao longo do tempo e sempre por unha soa xornada. Grupos de persoas ou colectivos coma os internos do cárcere da Lama (entre quince e vinte), rapaces internos do centro Avelino Montero (arredor dunha ducia), un grupo de alumnos discapacitados do colexio Xoán XXIII (tamén entre dez e doce) e algún que outro grupo que se achega a nós de cando en vez.

Ao comezo, facendo un escote, e ao rematar a xornada, sobre as 13:00 horas, degustabamos uns bocadillos todos xuntos e falabamos de como fora a xornada. Aquilo gustounos moito e a partir do segundo ou terceiro ano o que facemos é xantar xuntos por todo o alto.

1 -

O noso entrevistado, Pablo Carro (á esquerda) traballando no río

Na festa do lume diciádesnos que tampouco queriades caer nunha especie de fundamentalismo eccoloxista….en que sentido?

Efectivamente, cando se fala de Vaipolorío, sobre todo a prensa e os demais medios de comunicación, pónsenos a etiqueta de ecoloxistas, aínda que é certo que dentro do grupo temos persoas que senten con forza o ecoloxismo, pero non todos, a maioría somos simplemente limpadores do río dos Gafos sen ir máis aló. En realidade o noso propósito é servir coma pequeno exemplo para que todos, ou polo menos nalgún recuncho do noso país, xurdan grupos coma o noso ou similares. De cando en vez sae nalgún medio de comunicación que en tal ou cal lugar xuntouse un grupo de xente e decidiuse a limpar un monte, un río, unha praia… Cando lemos ou escoitamos algo disto pensamos que dalgún xeito están a tomar o noso exemplo e, sen dúbida, sentímonos recompensados polo noso labor.

3 -

“O que queira troitas (ou o río limpo) que molle o cu”

Por certo, impresiona a cantidade de publicacións e audiovisuais sobre o río e a súa historia, medio natural, etc… parece incrible que dea para tanto e non obstante…aí está

Efectivamente é algo sorprendente que un tema que parece insignificante dea para tanto. Despois de todo este río só ten 9 ou 10 km de lonxitude e un caudal máis ben pequeniño, pero non cabe dúbida de que é un río coma calquera outro e que a súa flora e fauna é a mesma que a de calquera río outro río máis grande ou pequeno.

De todos os xeitos, o mérito é de todos estes traballos feitos ao redor do río e do equipo directivo que ten fortes inquedanzas e dedícalle moitas horas do seu tempo a buscar persoas, ou máis ben, personalidades ou intelectuais que fagan realidade eses marabillosos traballos que agora podemos gozar  todos nós.

Temos que dicir que algúns deles son amigos e incluso se teñen ofrecido a facer traballos no eido da súa profesión ou coñecementos.

4

Dálles algún bo consello a quen se atope cun anaquiño de planeta galego (río, lagoa, monte ou o que cadre) en estado lamentable e queira facer algo máis que lamentarse ….

“O que queira troitas (ou o río limpo) que molle o cu”

Partindo de que o mellor consello é o exemplo, digo: Este país é noso, e ao dicir noso digo de todos nós, non dos políticos, non das administracións, senón de todos e cada un de nós, incluídos políticos e administracións naturalmente. Dicía Castelao algo así coma “Non virá de fóra o que nos amañe os problemas do noso país”. Así mesmo, nós, os cidadáns de a pé, non podemos ou non debemos esperar que as distintas administarcións veñan facer estas pequenas cousas, porque coma no caso do río dos Gafos non o farán nunca.

O único que poderíamos aconsellar ou mellor recomendar é que, cada un de nós (e estoume a referir a toda a poboación do noso país), empregue unha pequena parte do seu tempo (tempo de lecer) a algunha causa deste tipo e xa lle podemos asegurar que a satisfacción de logo de feito o traballo será a súa maior recompensa.

Redacción

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Entrevista – Asociación Vaipolorío: Organización, dignidade e fermosura para un anaquiño do noso país

  1. Un logro e un modelo a espallar. Cantos ríos dos Gafos quedan aínda por Galicia?- Lembro o Louro despois do Porriño, cando te achegas recibes coma unha descarga olfativa inaguantable. Eso nas cercanías da ponte (medio enterrada) chamada de San Telmo, no camiño portugués. Dende logo se o santo volvera camiñar non podería pasar o Louro sobre a súa capa, so pena de estragala de todo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s