Salvar ao soldado Sánchez


Pedro Sánchez afirmou que a única forma de que o PP se poida rexenerar é que pase á oposición. Eu creo que non sería suficiente como non o foi para o propio PSOE. Refírome, claro está, non só á recuperación ética e política por teren caído na corrupción, senón tamén a superar a profunda deterioración política que sufriron os dous alternándose. Deberán ser os dous partidos os que sexan relevados da alternancia no poder para que se poidan rexenerar. Mentres a alternancia sexa inevitable será imposible calquera tipo de rexeneración ou profundo aggiornamento nas dúas formacións.

O PSOE leva catro anos na oposición e todo o que fixo foi un mero e cativo relevo xeracional na secretaría xeral e arredores, sempre baixo a cautelosa tutela dos baróns e das vellas glorias. O fracaso deste relevo foi evidente no resultado das pasadas eleccións nas que perdeu o maior número de deputados na súa historia. Resultado que nin analizaron crítica e racionalmente nin parece que viran sequera, cegados por un pírrico segundo posto que mantiña a ficción da alternancia no horizonte. Foi a cegueira da alternancia a que presidiu a estratexia negociadora de Pedro Sánchez para formar goberno, que tamén rematou en rotundo fracaso. Tanto que ao remate da batalla, Pedro Sánchez, como o soldado Ryan, quedou tras as liñas inimigas, obrigando a un comando de vellas glorias, encabezado por Borrell, a acudir ao seu rescate.

Agora, no inicio desta campaña, a fervenza da alternancia, a piques de se converter en nostálxica, volve anubrar o cristalino dos socialistas que tentan dirixir os seus tiros cara a súa esquerda cando o inimigo ataca pola dereita. Un erro que pagarán moi caro de persistiren nel. Nestes momentos o esforzo do vello aparato socialista céntrase non tanto na supervivencia dun proxecto socialdemócrata, que foi perdendo perfil e hoxe resulta moi difícil de distinguir, canto na supervivencia do modelo bipartidista que lles permitiría exercer o poder aínda sen ter un proxecto propio, distinto e claramente alternativo. É dicir, corrupción política do propio proxecto partidario que está deixando orfos e desconcertados a tantos e tantos socialistas honorables e de boa fe. No caso socialista a súa renovación e rexeneración só será posible se se desfán da pantasma bipartidista, renuncian con claridade a este modelo e buscan alianzas na súa esquerda. Poida que teñan que atravesar algún deserto, pero de certo recuperararían o vigor da súa  historia.

Carlos Vázquez G.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s