DOMINGO 29 DE MAIO. FESTIVIDADE DE CORPUS


A PALABRA. Lc 9, 11b-17

Naquel tempo, faláballe Xesús á xente do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle: «Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.» Mais el replicoulles: «Dádelles vós de comer.» Eles contestaron: «Mais se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.» Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles aos seus discípulos: «Colocádeos en grupos de cincuenta.» Dixéronllelo, e sentaron todos. El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas.

A CLAVE

En Corme o Santísimo Sacramento celébrase o último domingo de agosto. Sempre me resultou estraño aquel paseo da Custodia baixo palio polas rúas, as dobres xenuflexións, as alfombras de flores, o incenso na Praza do Pan, …

Como cambiou o simbolismo cristián!! O que Lucas representaba como un xantar no campo, compartindo pan e peixes, nun relato que prefigura a Eucaristía e onde cada detalle (por suposto os números!) ten tanto que nos dicir, nós convertémolo nunha custodia dourada baixo un palio.

En que momento da Historia perdemos a pista do Reino?

As nosas igrexas, no día de Corpus, sacan brillo aos seus tesouros: grandes custodias de ouro e pedras bonitas. O pasado 15 de maio bautizouse e confirmouse na miña parroquia Mónica, unha muller nixeriana cunha dura historia de sufrimento e resilencia, e penso que serei máis feliz, que sentirei á Igrexa máis divina, o día que vexa en procesión polas rúas, sentada nun trono ás moitas Mónicas que chegan cada día ao noso país; o día que sexamos quen de facer un xigantesco palio alfombrado de flores que abrigue e conduza a tantos refuxiados e refuxiadas que foxen de países arrasados pola fame e as guerras.

Que queredes?? A min o día de Corpus dáme por ser utópica!

Marisa de Corme

O ECO

Na miña parroquia esta é unha das lecturas favoritas na celebración das Primeiras Comuñóns. Ata os nenos decátanse de que Xesús non era un mago que sacase do sombreiro cestos de comida. E saben que cando hai unha necesidade o que nos toca é compartir. Se cada quen pon o seu pouquiño hai para todos e aínda sobra. Ben o comprobamos cada vez que nos xuntamos nun xantar e poñemos o que trae cada un na mesa: a miña tortilla, a túa empanada, o seu biscoito, etc., abonda para todos e todas, mesmo para quen chegou tarde e coas mans valeiras. O meirande milagre é deixar de pensar so en min, pasar do individualismo ao comunitario, ampliar a familia máis aló da casa.

E, falando disto, non sei se coñecedes a historia dun antropólogo que realizou unha proba cos nenos dunha tribo africana: preparou unha cesta chea de froita e díxolles que o que chegara primeiro gañaría toda a froita. Cando deu o sinal todos os nenos colléronse das mans, correron xuntos e despois sentaron xuntos a comer a froita. Cando el lles preguntou por que correran así, se un so podía gañar todas as froitas, respondéronlle: como un de nos podería ser feliz se todos os demais están tristes?

Olga Álvarez

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

One Response to DOMINGO 29 DE MAIO. FESTIVIDADE DE CORPUS

  1. Hai Mónica, se souberas canta parafernalia indigna de Cristo teñen ollado as xeracións precedentes. Fusiles gardando a Cristo, cancións, diurnas e nocturnas, pedindo perdón a Deus por supostos pecados colectivos, frades portando caveiras aterrorizando a xente naquelas sagradas “misións” pola xeografía galega. Un país de misións (fíxate nas datas das cruces commemorativas das fachadas das igrexas rurais). Curas dando certificados de boa conducta para calquera oposición ou traballo. Ou censurando previamente calquera acto público ou as películas que se proxectaban no cine das vilas.
    A ver se non volve, que non o teño tan claro…inda que sexa de outro xeito.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s