Entrevista con Jakson Renner – “ A corrupción toma o poder no Brasil”


IMG-20160513-WA0005Ante a situación que vén vivindo Brasil nos últimos meses, e que, desembocaron no proceso de destitución da presidenta Dilma Rousseff, quixemos coñecer de primeira man como se chegou a este punto e quen está detrás do que cada vez máis xente cualifica como golpe de estado. Por iso quixemos entrevistar a Jakson Renner, profesor da Universidade da Coruña. El é brasileiro, inmigrante na Galiza dende hai 12 anos. Activista social e que nos últimos meses foi unha voz destacada dentro da xente brasileira no noso País, na loita pola democracia no Brasil. Jakson participou activamente na creación do colectivo Brasileg@s Contra O Golpe que organizou un ciclo de mesas redondas e que aínda está para organizar máis eventos en contra do golpe en Brasil.

Que é Brasilegos contra o golpe?

Somos un grupo diverso e plural de brasileir@s e galeg@s de diversas ideoloxías que nos unimos para defender a democracia brasileira e para informar a opinión pública galega dos gravísimos feitos que están a acontecer no Brasil.

Entón, que é o que está sucedendo no Brasil?

No Brasil acaba de acontecer un golpe de estado. Desta volta non foron precisos os tanques nin os militares. Bastou que unha boa parte dos parlamentarios se visen imputados en procesos de corrupción, para que decidisen parar as investigacións da maneira máis radical: tirando a Dilma do poder, xa que foi durante o seu goberno cando se impulsaron de maneira decidida as investigacións contra a corrupción.

E a sociedade como respondeu?

Pois ben, a situación está moi difícil. A sociedade brasileira está moi dividida. Por un lado está a xente que está a favor do impeachment (destitución) da Presidenta Dilma Rousseff a calquera prezo, e polo outro, unha poboación que non está disposta a perder todos os progresos sociais que conquistaron nos últimos 13 anos. Na verdade, o proceso de impeachment da Dilma está marcado máis ben por unha discusión política que por unha discusión técnico-xurídica.

O PROCESO DE DESTITUCIÓN

Pero o que é o impeachment?

É unha figura xurídica contemplada na constitución de Brasil que significa que deputados e senadores (poder lexislativo) poden votar pola destitución da presidenta, neste caso Dilma. No entanto, esa figura só está contemplada para cando hai un crime de responsabilidade. Cando digo que a cuestión é máis política, o que quero deixar claro é que Dilma está sendo xulgada non porque cometese algún delito de responsabilidade, senón que o que están facendo é xulgala coa escusa de que non soubo administrar ben o país durante os últimos anos da crise económica e política que estamos pasando alá.

A que te refires?

A cuestión aínda é máis desbaratada do que pensamos. Dilma probou en Brasil que se pode ir sorteando esa crise que asola o mundo enteiro dende o 2008 sen facer recortes. Sen cargar ao pobo o peso que o capital quere que cargue. E non quero dicir que os bancos non fosen sempre beneficiados en Brasil (que pregunten ao Santander, por exemplo, como de ben están os seus investimentos no país). Pero o que digo é que o paro non é para nada comparable ao de países onde as receitas do FMI foron postas en práctica, só para dar un exemplo.

Entón, por que o impeachment?

En Brasil a prensa, tal cal na Galiza e en case todo o mundo, está para servir aos caprichos do capital, dos donos do mundo. Daquela, nós temos un potentísimo grupo mediático, a Rede Globo, que “mediotiza” a xente. De tantas veces que inventaron que Dilma estaba relacionada con casos de corrupción, a xente pasou a crer nesa mentira e vela coma unha corrupta máis. Cousa que é completamente falsa. Para que quede claro, Dilma non ten unha única denuncia contra ela. Nada. Ela é unha muller impoluta e foi ela quen, na verdade, favoreceu as investigacións de casos de corrupción. É dicir, os medios aproveitaron o descontentamento dunha clase media elitista brasileira,clasista, branca, moitas veces racista e xenófoba para conseguir dar un golpe con tintes democráticos. Cando che dixen que non hai crime de responsabilidade é porque Dilma non cometeu ningún crime. Nin corrupción, nin desvío de diñeiro, nin compra de deputados, nin diñeiro en paraísos fiscais, nin nada. O que esta xente está acusando a Dilma é de ter cometido “pedaladas fiscais”.

A DESCULPA: PEDALADAS FISCAIS

E que significa iso?

As pedaladas son operacións de crédito que xa fixeran outros presidentes e gobernadores no Brasil. Son prácticas moi comúns na administración pública brasileira, ata mundial. Consisten en aumentar un período de tempo entre o fornecemento do servizo por parte dos bancos e o pagamento por parte do goberno. O máis grave é que esa mesma xente que agora acusa Dilma de “pedalar”, ou maquillar as contas públicas pedindo créditos complementarios, fixo iso antes. E moitas máis veces ca ela. Imaxina só, o ex presidente da dereita brasileira, Fernando Henrique Cardoso, só no ano 2001 abriu 100 créditos coma ese que agora é “crime de responsabilidade”. Está difícil de entender o que está pasando en Brasil? Non si? (Risos).

Jakson, entón, ti antes dixeches que era unha cuestión máis política que xurídica. Que queres dicir?

Se a cuestión fose de verdade que Dilma cometeu delito de responsabilidade, ese impeachment non estaría ocorrendo. É dicir, a pedalada fiscal non é delito. Se o fose, a día de hoxe no Brasil, dos 27 estados brasileiros, 16 gobernadores deberían sufrir o mesmo destino ca Dilma. E non no digo eu, quen dixo iso foi o profesor de dereito e ex membro do Supremo, Francisco de Queiroz Bezerra Cavalcanti.

Estamos ante unha moción de censura encuberta?

Rotundamente non. É un golpe de estado. E porque digo isto? Pois ben, no Brasil, a cidadanía elixe directamente a presidenta nunha votación totalmente diferente daqueloutra na que se elixe o Parlamento. Isto non é nada exclusivo do Brasil, tamén acontece en Portugal, Estados Unidos ou Francia. Mesmo pode acontecer que o presidente non teña a maioría dos deputados nas cámaras. Pásalle a Obama. Acontece en Portugal. Porén, os parlamentarios non poden destituír o Presidente que foi elixido directamente polo pobo. Constitucionalmente iso só podería acontecer cando existan delitos de responsabilidade. E non deixa de ser curioso que unhas cámaras con máis do 60% dos parlamentarios imputados por delitos de corrupción digan agora que o déficit público/pedalada fiscal é un delito de responsabilidade. A corrupción toma o poder no Brasil.

OS PASOS DO PROCESO

Cales son os pasos impeachement?

O proceso comezou cunha denuncia contra a presidenta Dilma. Nela, a avogada Janaína Paschoal acusou Dilma de ter “pedalado”. Supostamente esa xurista fixo iso en nome do pobo, así o dixo ela. Ata que máis adiante, cando o proceso xa estaba en marcha e comezaron os acareos, a mesma Janaína admitiu que cobrara 45.000 reais do PSDB, o partido da dereita. É dicir, ela supostamente estaba traballando para o pobo pero quen lle pagou, e moi ben paga, foi o principal partido da oposición. O principal contrincante e perdedor das últimas 4 eleccións presidenciais de Brasil.

Daquela, o proceso foi lexítimo?

Non, ese impeachment non é lexítimo dende o momento en que non hai delito de responsabilidade que pese contra a Presidenta. Entón, para ser aceptada, o presidente da Cámara de deputados debe analizar o pedimento e considerar para que sexa votado no Parlamento.

Entón?

Sabes por que o presidente da cámara aceptou o pedimento do PSDB feito por esa avogada? Pois porque o PT de Dilma votou, nunha comisión interna, que se investigasen a fondo as denuncias que pesan xusto contra ese presidente do Congreso de deputados, Eduardo Cunha. O dignísimo deputado, resalto que é un fortísimo evanxélico, está imputado en máis de seis casos de corrupción. Ten diñeiro en paraísos fiscais, aparece nos papeis de Panamá e outros asuntos dos  que xa nin me acordo. É tal o absurdo que ese señor e a súa familia ten coches de luxo en nome da empresa pantasma que el creou que se chama, como non podería deixar de ser para un evanxélico, Jesus.com. É dicir, o proceso está viciado desde o comezo. Está podre, pero nin por iso a xustiza está prevalecendo aló.

E agora?

Houbo a votación no Congreso, un circo de horrores. Era tal o niveliño dos deputados que parecía unha taberna no sitio máis remoto do mundo. Non semellaba para nada un “xulgamento xusto” con motivos contra a corrupción, contra unha presidenta criminal. Foi tal o absurdo e tal é o ambiente de impunidade no meu país que ata a ditadura e o Golpe de 1964 foron homenaxeados polas súas señorías. Entón, pasado por esa cámara, o pedimento foi para o Senado, quen tamén aceptou a admisibilidade do proceso. O senado é máis do mesmo. Ninguén esperaba algo diferente dunha casa onde un dos relatores do proceso están metido en escuras relacións co tráfico de drogas.

Poderías explicarnos isto?

Mira, o senador Zezé Perrella foi nomeado pola súa coalición para participar da análise do proceso no Senado. Imaxina, sabías que no helicóptero deste senador foron incautados case 500 kg. de cocaína pero non pasou nada. A xustiza cega non sabe de quen será a cocaína, aínda que esta sexa encontrada na facenda propiedade deste señor, que tamén é propietario do helicóptero. É indignante. Cada vez que penso quen son os “xustos” que están servindo de xuíces no impeachment só me aumenta a rabia pola impotencia de non poder facer nada. Polo tanto, decátaste como de legal ese proceso non ten moito? Son corruptos querendo que se acaben de vez as investigacións que Dilma permitiu, e fomentou, nos últimos anos no Brasil.

QUEN GOBERNA AGORA NO BRASIL?

Entón quen goberna nestes momentos Brasil?

Primeiro, que quede claro que ese é un goberno interino e ilexítimo e que iremos combater todos os actos de retroceso que del deriven ata que marchen e paguen polo golpe que deron á democracia no Brasil. A persoa que acaba de asumir ilexitimamente a presidencia é Michel Temer. Este señor está inhabilitado para concorrer a calquera elección no país durante os próximos 8 anos. Onde se viu nomear presidente a unha persoa que non se pode presentar ás eleccións?

E cos seus ministros acontece o mesmo?

O problema é moi grave: o seu corpo ministerial está formado por 24 homes. Si, son todos homes. O que é só un sinal do que podemos esperar. Hai un medio alternativo no Brasil, a Mídia Ninja, que fixo unha boa síntese dese novo goberno golpista: branco, hetero, machista, corrupto, racista, fascista e homofóbo!

Pero, se dixeches que o impeachment é contra a corrupción?

Iso é de risa. Dos 24 ministros que entran 7 estaban sendo investigados pola Lava Jato, unha grande operación anticorrupción. Eses homes de ben agora non serán máis imputados porque xa están protexidos, xa están en foro privilexiado, aforados como se di aquí. É dicir, no fondo o que os golpistas queren é protexérense uns aos outros.

E a partir de agora, que vai pasar?

Retroceso! Nas primeiras 5 horas no poder o goberno interino extinguiu os Ministerios da Cultura, das Comunicacións, das Mulleres, Igualdade racial e Dereitos humanos. É un retroceso de 30 anos. Pero tamén era de esperar. Eses 24 varóns van pensar en problemas como o feminicidio? Eses 24 homes brancos e ricos vanse preocupar polas que eles chaman de minorías raciais e sociais, cando en realidade somos a gran maioría do país? Pois, sinceramente, non! Os deputados evanxélicos que se comportan como un auténtico partido político levan anos intentando organizar a vida de Brasil dende un claro fundamentalismo relixioso. Os últimos avances como o matrimonio igualitario, a lei de protección ás mulleres maltratadas e determinados dereitos sexuais foron atacados belixerantemente por deputados evanxélicos que resultaron decisivos no apoio a este golpe. Un papel ben distinto tivo a igrexa católica, basta citar a figura de Leonardo Boff, que en todo este proceso estivo e está apoiando a presidenta Dilma. Sen contar que innumerables sacerdotes fixeron chamamentos para que o pobo saíse ás rúas en defensa da democracia.

O PAPEL DA SOCIEDADE CIVIL

Que pensa facer a sociedade civil brasileira?

Pois como xa dixen, a sociedade está dividida. Por un lado esa sociedade branca, clasista, racista, xenófoba, homófoba que quere de volta aquel Brasil de soños. Aquel onde os aeroportos, os shoppings, as prazas nas universidades eran soamente deles. A clase alta brasileira dá noxo. Houbo quen declarou en público que os aeroportos no Brasil ultimamente parecían unha estación de autobuses (polo nivel da xente que agora pode viaxar en avión). O rapaz fillo desa clase media “vende patria” berra cando non aproba a selectividade e enfádase coa filla da negra da favela que entrou grazas ás cotas para negros, indios, estudantes da escola pública. Éche moi duro discutir avances sociais cunha xente que aínda non aceptou nin o fin da escravitude no Brasil. Sabes cal é o problema?

Cal é?

No Brasil o que hai é unha loita de clases e defender os de abaixo, os e as oprimidas non é moi ben entendido. Todo acaban sendo ofensas. A min chegáronme a dicir que eu non estaba “preparado” para opinar sobre a situación no Brasil porque estou vivindo fóra hai moito tempo.  Expliqueilles que con ignorancia non se evoluciona. Imaxina só, vivo fóra hai 12 anos e coñezo/visito máis o Brasil (do norte ao sur) que moitas das persoas que só saben falar mal dos que viñeron do Nordeste brasileiro. Eles en realidade non aceptan as melloras sociais no Brasil. Non aceptan que a xente do nordeste non teña que inmigrar si ou si para mellorar de vida. A seca xa non é o principal problema do meu pobo. Hoxe hai cisternas para que todas as familias poidan vivir no sertão. Con iso empoderouse o pobo. Agora a xente xa non se deixa escravizar por un prato de comida. Mira, a cuestión das criadas era unha constante ata hai moi pouco tempo, naquel Brasil anterior a Lula. Hoxe, con beneficios sociais como a Bolsa Familia, as mulleres teñen a capacidade económica de criar os seus fillos sen fame, e ata mesmo decidir se van querer ser explotadas en casas de xente de boa familia ou se van querer estudar ou aprender unha profesión.

Que  é a Bolsa Familia?

É un programa social que dá unha axuda de custo para que as familias poidan levar os seus fillos ao cole. O principal obxectivo é acabar coa fame no Brasil. Lula pasou fame e o primeiro grande proxecto que el puxo a rodar no Brasil foi o FOME ZERO. Só un detalle, esa clase media renega do Bolsa Familia porque iso foi un primeiro paso para empoderar as familias. A axuda é moi pouca, non chega a 175 reais ou 40 euros por mes e por familia con ata 3 fillos (irrisoria para calquera de nós). Sabes a canto está o salario mínimo? Por volta dos 850 reais. Imaxina entón o que significa esa axuda, nada, ou case nada. Pero sabes que? A clase media está adoecida. Dá lume cos dentes por ver  que o pobre teña esa axuda e non tema xa que traballar nas casas de criadas por un prato de comida. Si. Hoxe as mulleres poden decidir se queren estudar ou se queren traballar na casa de outras.

E como funciona ese programa? A xente recibe unha axuda por facer nada?

Non ho! As familias deben levar os seus fillos á escola regularmente e se a crianza falta tres días de cole o beneficio é cortado ata que a familia explique o porqué destas faltas. Outro compromiso que as familias deben ter é que deben manter actualizado o calendario de vacinas dos peques. É dicir, o programa é un investimento a longo prazo. Pero infelizmente a clase aburguesada brasileira non entende deste tipo de beneficios. Eles só entenden de bolsas de postdoutoramento ou beneficios para eles e punto final. Esa mesma xente que esbravexa contra o Bolsa Familia non di nada da axuda de residencia para funcionarios do poder xudicial brasileiro. Ti, quen cres que necesita máis de apoio, un xuíz ou un famélico? Ben, xa che digo que en Brasil hai quen defende máis que un letrado reciba unha axuda de 4.377 reais, que unha familia sen renda ningunha cobre 175 reais. Éche a meritocracia brasileira meu amigo.

Pero todos pensan así?

Lóxico que non. Claro que hai xente consciente en todos os lados. Por iso estamos nas rúas loitando para que se respecte a democracia e os 54 millóns de votos que tivo Dilma nas últimas eleccións. Pero claro, como discutir cunha profesora universitaria que di que basta ser pobre para ter axuda no Brasil? Como explicar a unha profesora posdoc que protesta que se estea dando bolsas para que “calquera neno estude” mentres ela non pode gozar de máis bolsas de postdoc con todo pago? Ai, ai. Eu tiven que explicar que a pirámide mudou. Que nos últimos anos a aposta foi por democratizar a educación, desde a base, non só axudar aos xa bastante ben acomodados profesores universitarios que sempre foron mimados por uns gobernos elitistas. Que quede claro, non digo que non deba haber bolsas de posdoc, pero desde logo os nenos eses non poden ser privados de estudar mentres que a elite acapara as bolsas para ela.

E como está reaccionando a comunidade internacional?

Pois a verdade é que conseguimos moitas condenas ao golpe. A prensa internacional está denunciando o que a prensa nacional non fai. Mira, Le Monde Diplomatique, El País, a CNN,  The Guardian,  The New York Times,  The Huffington Post ou La Voix de la Libye son só algúns dos xornais onde saíron noticias alertando do que estaba pasando en Brasil. Sabes quen está axudando moito dende dentro do Brasil? O Glenn Greenwald e o fotógrafo Maurício Lima, ambos premio Pulitzer están denunciando o golpe a nivel mundial. Leticia Sabatella, Beth Carvalho, Anna Muylaerte, Sebastião Salgado, Leonardo Boff, Paulo Coelho ou Miguel Nicolelis son só algunhas das renomeadas personalidades que están denunciando o golpe en todas as partes do mundo. Da mesma forma, Unasur, ONU-Cepal, partidos galegos como o BNG e Esquerda Unida, Sortu, Podemos estatal, o Bloco de Esquerda, o SPD alemán (…), e ata sindicatos como a CIG saíron en defensa da democracia no Brasil. Claro, nós, persoas anónimas, tamén estamos facendo a nosa parte. Cada brasileira en cada recanto do mundo está pedindo apoio ao seu círculo de achegados e raio de influencia.  

E como facedes?

Mira, somos moitas brasileiras as que estamos fóra do país agora e que sabemos que só coa opinión pública internacional poderemos parar o golpe. Caoticamente organizados, decidimos pedir apoio a blogueir@s, vlogueir@s, artistas, xornalistas, escritor@s, todo tipo de xente que teña a posibilidade de levantar a voz contra esa falta de respecto a democracia no Brasil e no mundo. Aquí mesmo estamos sendo acompañadas por Pilar Aymara, unha video-blogueira activista de mil causas que nos está axudando a chegar lonxe coas denuncias. Imaxina, ela leva a denuncia ata Escocia, onde ten moitos seguidores e seguramente están sendo informados coas palabras dela.

Que actividades leva realizado Brasilegos contra o golpe durante todo ese proceso?

Somos un grupo de xente brasilega que se organizou para realizar actos moi  diversos para denunciar e informar á xente galega do que está a pasar aló no Brasil. Fixemos manifestacións, creamos unha páxina en facebook, realizamos un ciclo de coloquios, fomos convidados a dar conferencias en Coruña e Vigo, organizamos varias charlas en Santiago. Para as próximas semanas imos facer unha proxección do filme premiado internacionalmente Que horas ela volta. Logo da proxección teremos a sorte de poder establecer un diálogo coa directora Anna Muylaerte. Agardamos ter toda a axuda e colaboración da sociedade galega.

Facebook: Brasilegoscontraogolpe

Daniel Asorey

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s