No 79 cumpreanos de Xaquín Campo Freire


Vaia isto a xeito de crónica dunha celebración familiar e gozosa. Levamos xa máis de dezasete anos con encontros semanais en Mandiá e Papoi. Tamén, por un tempo, no Rosario, en San Xoán, en Viveiro, en Narón. Foron moitos os avances e o crecemento persoal e comunitario que caladiñamente se foron operando en todos nós. Escola de Espiritualidade, acompañamento personalizado e comunitario, escoita activa, coidados e atención á saúde, etc. Aprendamos a coidarnos para mellor coidar e poder axudar. Da súa presenza no hospital, Centros de Saúde, Centros de anciáns que animou ou nos poboados xitáns non falaremos hoxe.

aniversario xaquin 1

aniversario xaquin 2

Este ano Xaquín cumpriu setenta e nove anos e entra xa nos oitenta. Os agradecementos cómpre facelos en vida. Por iso quixemos ter unha sinxela merenda de confraternización. Fixemos xuntos unhas fotografías para recordo. E recoñecémoslle con gratitude algunhas das actividades máis sobresaíntes deste curso pasado co escrito seguinte:

ESCOLA DE ESPÌRITUALIDADE

San Pedro de Marmancón – Mandiá – Ferrol, 20 de maio 2016

Que ledicia, Xaquín, festexarmos contigo un ano máis o teu cumpreanos. Outro ano cheo de vida para todos, de acontecementos e recoñecementos:

  • Esa medalla de bronce ao Mérito Social de Institucións Penitenciarias no día da Mercé polo teu labor no centro Penitenciario de Teixeiro.
  • O teu interés para conseguir que saíran internos do cárcere de Teixeiro e festexarmos xuntos a “Romaxe de  Crentes  Galegos” en Penas  de  Rodas, no setembro do ano pasado. Foi unha experiencia moi gratificante para todas e todos os que alí estivemos. Compartimos xuntos a celebración, o xantar, a festa e tomamos conciencia desta realidade de dor e sufrimentos que a todos nos incumbe.
  • A iniciativa de mandarmos felicitacións de Nadal ao cárcere dende Arxentina, Italia, Galiza, Bilbao, Madrid etc. Outra experiencia fermosa. Que ledicia as contestacións tan agradecidas e emocionantes deles!
  • A visita pastoral de doce sacerdotes de Ferrol para coñecer máis de pertiño o mundo penitenciario, intentando abrir portas de misericordia para familias, vítimas e para todos nós, porque todos precisamos conversión.
  • A presenza de dez internos, un educador e tres asistentas socias na consagración do Bispo da nosa Diocese o pasado 7 de maio en Mondoñedo. Compartimos verbas, agasallos e agarimos. Canta emoción por parte de todos. Do bispo tamén! E, xa logo, un xantar de confraternidade en Vilalba.

Todo isto demostra a loita na que te comprometes para axudares aos que están privados de liberdade. Son persoas. Persoas con familia, sentimentos e ilusións. Todos sofren. Igual ca todos nós. Que trabucaron un día a súa vida? Quen non se trabucou algunha vez? O Papa fálanos de dar segundas oportunidades.

Tamén están as vítimas que agardan unha axuda e atención solidaria. Estamos no ano da Misericordia. Grazas a Ti levámolo celebrando moitos anos. Temos en ti un exemplo a seguir. O perdón.

O traballo que fas día a día nas parroquias e en moitas outras actividades caladiñas, silenciosas. Axudas, escoitas, aconsellas, tes palabras de alento, acompañas ás familias que sofren, aos enfermos, …… Nunca tes un non por resposta. Estás as 24 horas do día ao servizo dos demais. Todo en gratuidade económica. Sabes festexar cando a vida vai ben e hai alegrías. Sempre alentando e velando. Tamén, principalmente, cando a vida vén do revés. Ti segues ai. Es un bo pastor. Coidas de todos nós.

Hoxe, día do teu 79 cumpreanos, agasallámoste cunha tarta. Un galano pequeno e sinxelo pero ben xeitoso polo valor e significación: Fixémolo nós! É da colaboración de todas pero para compartírmolo con todo o mundo, incluídos os paxariños, que algo lles vai tocar ao final.

Esta tarta, redonda, quer representar o mundo no que vivimos todas e todos.Tócanos coidalo e respectalo. Enchelo de luz e bondade. Aprender a querérmonos coma fillas e fillos de Deus, Nai-Pai.

As velas, prendidas e fixadas nesta dozura, son luz, calor, vida, fe, esperanza, xenerosidade, bondade, amizade, etc., para todas nós e cantas persoas atopas no teu camiñar no que ti vas sendo mestre.

Ao soprares, levaremos no corazón esa luz coma un sopro de alento. Encargarémonos de espallalo neste cachiño de mundo que nos tocou vivir.

Grazas. Moitísimas grazas de todas as alumnas é fregueses de Marmancón, Papoi é Mandiá.

Grazas no nome de tanta xente que te quere, que connosco están hoxe presentes: os deTeixeiro, os que están nos hospitais, os das parroquias, os que viven lonxe. Recibe de todos os mellores parabéns.

Si. Outro ano mais Grazas por estas clases na Escola de Espiritualidade. E xa van máis de dezasete. Un dia á semana onde aprendemos a encontrarmos mellor a Deus e aos demais en todo o que ten vida, para sermos mellores persoas e boas cristiás. Para sermos persoas de ben.

Si. Grazas por ensinarnos a non poñermos pechaduras nin barrotes nas nosas vidas nin na dos nosos irmáns e irmás. Arrincamos así barreiras e separacións que nos destrúen.

Que Deus te bendiza, Xaquín. Parabéns!, Que cumpras moitos mais! ÁNIMO! XA ENTRAS NOS OITENTA!

Moitos bicos:

Dora – Carmucha –Concha- Arianne – Mari Carmen –Marisol – Mª Jesús – Susa –  Ángeles –  Fina – Nieves – Teresa – Sita-  Josefa – Carmen e moitos e moitas que  non puideron estar presentes hoxe.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Uncategorized coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s