Non sei se vos pasa, pero cando lembro a alguén que non está, só teño unha imaxe del. Neste caso falo de Manuel María. A miña imaxe é de hai uns poucos anos, non moitos. Pero non podo precisar exactamente cantos nin exactamente onde. A miña imaxe é nunha romaxe por terras chairegas. Estabamos na oración da tardiña e el recitou algún poema seu. Lembro os meus pensamentos nese intre. Tiña sorte de compartir oración e lugar cun dos bos e xenerosos da nosa Terra.
Porque a Manuel María debémoslle unha aposta decidida pola súa terra. Ser chairego e ser galego era o seu xeito de ser e estar no mundo. Ser poeta era o modo no cal se comprometía. Todos coñecemos poemas del, aínda que sexan cantados.
Se cadra, moitos dos que ledes isto tamén lembrades romaxes con el. Penso que é tempo de darlle grazas a Deus de ter vivido a experiencia de rezar con el e de compartir fe e galeguidade cun poeta tan senlleiro. Eu que son imaxinativo, penso que estará con Deus no Ceo, explicándolle que non canta na Chá ninguén…