Xosé Manuel Carballo, iluminador de amizades


PingasXosé Manuel Carballo Ferreiro, cura rural, escritor, ilusionador ilusionado, humorista empedernido, sedutor de inquedanzas, autor teatral, catequista de anceios, caneador de camiños, dinamizador de saudades, acendedor de momentos e iluso -coma todos nós! Isto último, por crer que detrás do que vemos aínda está o máis importante, o que nunca poderá ser visto, senón sentido. Amigo de cantos temos a sorte de sabelo aí, chairego e en chairego, que é o mellor xeito de exercer Galicia e ser galego. Si, con esa filosofía interior que nos é propia, non exclusiva, produto de tanto ollar ao lonxe –a Chaira  permíteo, nos extensos horizontes- e reflexionando intimamente os silencios. Está aí, xa de cando nacemos Fuxan os Ventos ou, agora, coa A Quenlla, e con Os Baluros, con Auxilia, coas Romaxes e os festivais de tantas primaveras que nos seducían soños. Naquela idea que unifica pasados compartidos e múltiples proxectos, imaxes, recendos, recantos dunha vida. A mesma que garante porvir na calidade compartida que só algunhas persoas coma el teñen, de moi difícil goberno para un abade rural.

Capacidade de provocar ledicia, xúbilo e satisfacción, cun lóstrego repentino e inesperado de maxia e misterio, brillos de amor cando se pechan vencidos por ese soño cando esvaece, para elevarnos de novo a voar fantasías e coa lembranza feliz que sempre nos redime.

Ás veces é breve e amosa a graza efémera dunha charamusca que se consome nos veloces tic tac dun reloxo impenitente. Secuencias que transportan pasado ou futuro, presentido presente, nun suspiro fugaz de pensamentos, de luz radiante, de solpor xa madurado que nos comina ao silencio. Poucas persoas teñen ese poder, esa mercé. Sedúcennos, absórbennos só con velos e producen felicidade. Por iso son tan importantes.

Entre esas persoas está Xosé Manuel Carballo, capaz de aledarnos o encontro no lembrar de persoas e amigos comúns, Roberto Michelena –tempos de Mondoñedo- compañeiro no humor e crítica fina, aguda transcendencia do inaudito. Menudo par de dous, que lles dicían! Iso si, bos coma o pan! Ou don Xosé Trapero Pardo (amigo e cómplice ata os seus últimos días), ou Darío Rivas, o chairego afincado en Bos Aires a quen coñeceu por escribir dunha rosquilleira de Rozas no libro de Don Otto de viaxe pola Chaira, que ben podería ser unha tía de Darío. Tiven a honra de presentalos e boa a fixen, ao dar luz, así, a unha fermosísima amizade desde A Abilleira, meu curro orixinal. Ou meu pai, que tamén tiña moita querenza por el e chamaba por Carballo e por Mato, no Lume Novo, para celebrar a esperada luz dos froitos. Foi Carballo quen o recibiu, nunhas emocionadas verbas que nos conmoveron a todos, no Campo Santo, vai facer cinco anos. Verbas de chuchamel en parábolas de humanidade, ditas por Carballo, o coxo –de coxear- máis elegante da Terra Chá.

As persoas que son así e falan tan ben, ao final pagan dobre peaxe, pois sofren os problemas dos outros coma propios e, tamén –non podía ser menos- os propios. Caen na foxa desa soidade negra e cruel, chea de sombras, de silencio e frío cruel. Caen de cheo e non o din. Sinto non ter ese don persuasivo do presentimento, de maxia e segredo. Non ter a variña máxica de encantador, para desatar os nobelos encerellados dos pesares, como el faría. Na impotencia de non dar coa fórmula eficaz, nin ter artimañas, nin trazos de encantamento, quedo frustrado ao non poder axudar a quen tanto axuda, poderei camiñar con el o empedrado do camiño e as pendentes do desalento.

Mudo e falto de argumentos, maniféstome agradecido por contaxiarnos a súa forza e o inesgotable humor coma agasallo, no credo de transmitir a ilusión que ilumina esta amizade compartida, a nosa complicidade. Agardo a continuación de “Don Otto” cando volva á Chaira, personificado nun fillastro que vexa desesperado que a casa da Rosquilleira de Rozas é agora un “puticlub” e aluma vermello polas noites, un reclamo de afectos cuantificados en euros e outras moitas trapalladas!

Grazas, Xosé Manuel, por ser como es e por estar connosco a pesar de nós. No teu bo facer sempre confiamos!

Baldomero Iglesias Dobarrio [Mero]

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Pingas de orballo coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s