É insensato tirar conclusións automáticas e precipitadas do acontecido na granxa de Axulfe en Chantada ou doutros casos menores, en Boiro, e quen sabe… Do que suceda en cantos outros que poidan aparecer no futuro.
Pero teñen o valor de síntomas.Non hai unha única causa, un único factor que explique o que pasa. E menos a perturbada idea de que a cousa vai, claro e tallante, para comezar e para rematar, de maltrato animal. Un torturador anti-animalista. A por el, fillas e fillos do asfalto! Ouh, almas puras en procura dunha Causa!
Por suposto que ese non é un final digno nin merecido para o noso animal totémico, o que formou parte das familias galegas, o que aparece como pacífico escudo posto no medio de moitas simpáticas bandeiras galegas. Pero aquí hai moito máis. A agro galego era un espazo cheo de humanidade, de intensa comunidade: contraditorio, pero vivo, relacional… Todo menos anónimo. Non un paraíso, vaites, pero si algo moi humano. Cando meteron a presión o crecemento e a modernidade –ideoloxía e autoodio incluídos no paquete- e, concretamente no sector lácteo, cando se comezou a expulsar os produtores pequenos e “menos competitivos”, cando conseguiron que triunfase a tese de que o campo era atraso e que había que ser gandeiro intensivo ou fuxir tamén se retiraron por decreto os servizos de extensión agraria –cando máis falta farían para recrear e diversificar- e, despois, retiráronse todos os servizos, e todo foi paseniñamente reiterándose. Ata que, en moitas parroquias, só quedaron unha ducia de vellos, dez millóns de eucaliptos e eses tres gandeiros modernizados… illados e incomunicados. E a cousa rompeu.
Por fin arribamos ao “rural modernizado”, punteado aquí e acolá por granxas a xeito de fábricas-de-leite por xunto, cheas de débedas, vulnerables e dependentes das industrias, da distribución, da fábrica de pensos e maquinaria; con vacas permanentemente estabuladas e inzadas de antibióticos e pensos compostos. Por fin deixouse, como cómpre, o atraso, atrás, e deuse a benvida á soidade, ao estrés, ao desartellamento e á incomunicación.
A saúde mental –e a física- débenlle moito á vitalidade do sermos e sentírmonos comunidade. A dinámica da competitividade e acumulación capitalista lévase mal coa saúde colectiva. Si, habería que falar de maltrato. E habería moito que falar.
Daniel López Muñoz
[…] Orixe: E a cousa, rompeu […]
Comprendo perfectamente o que dis, quizais porque nacín na aldea nos anos da fame, ou porque cae de propio sentido común. O malo é que calquera día o país pase por xunto á man de calquera multinacional, porque este país vale moito, ben o saben eles; aquí unha hectárea produce mais que cincoenta na paioría do territorio peninsular. Ben o saben. Quizas sexa certo o que din certos vellos, que o que queren é expulsalos para quedarse coa terra toda.
Ogallá reaccionemos a tempo. Cada un de nos debería cultivar un horto, polo menos aqueles que estén menos de 50 kilómetros de algunha leira súa, porque algúns gastan mais en viaxes inútiles que ir o fin de semana mesmo saber do seu.
Seguramente me teñan algúns por atrasado, pero tempo virá.