Na procura dos bos samaritanos de hoxe


“2.000 anos despois da chegada de Xesús, mudaron moitas cousas, outras non tanto. El xa daquela falaba de asuntos que hoxe están vivos: a cobiza dos ricos e poderosos que vestían roupas finas e lucían alfaias, posuían escravos e concubinas e mais respectaban as leis sabedores dos seus enguedellados labirintos… “Pondes lotes pesados sobre do lombo da xente, lotes que vós  non sodes quen de levar”… Non fagades coma eles, …”.

(AMAOS. Boletín informativo de Cáritas Parroquial de Ribeira. Xaneiro de 2015)

O día 23 de marzo morría en accidente de tráfico Luís Gaviria, un ateo confeso, anticlerical e con certificado de masón acreditado. Tamén voluntario de Cáritas de Ribeira. Non estaba estritamente ligado ás tarefas do comedor social, pero compartía cos seus compañeiros/as de Cáritas a urxencia de facer luz entre as sombras da pobreza. Porque diso se trata e por iso se traballa no equipo de Cáritas da parroquia de Santa Uxía. Desta mestura de samaritanos anónimos e crentes confesos naceu o menú diario do comedor social. Conversamos aquí co equipo de Cáritas de Ribeira: Teresa, Loli, Javier, Severino e Manolo.

samaritanos_caritas 1Como xurdiu?

Pois como deriva lóxica da crise que comeza en 2008. Un restaurante do concello ofrece a Cáritas parroquial prover de 40 menús de luns a venres, para xente necesitada.

Así, sen máis…

Ben, había e hai entre nós un voluntario que é empresario  e traballou na construción do local do restaurante. Os donos do restaurante manifestáronlle o seu desexo de actuar socialmente co que sabían facer: dar de comer. Cavilaran en ir adiante pola súa conta, mais non lles resultaba doado atinar co xeito de facelo. Sabían que el era voluntario de Cáritas e das conversas xorde unha proposta colaboradora.

Cal foi?

O grupo de Cáritas poñía a disposición un local parroquial e organizaba ao grupo de persoas para desenvolver a iniciativa: dar unha comida boa, ben feita, de luns a venres, cun menú de dous pratos e sobremesa. Un menú variado que cobre catro semanas de pratos diferentes. Para 40 persoas. O restaurante manda todo listo en bandexas quentes. Por veces mesmo con sorpresa a xeito de lagostino ou doce elaborado. Iso acontece cando no restaurante houbo algunha celebración. O equipo de voluntarios organiza o funcionamento do comedor. Son 2 persoas diferentes cada día. Agora vimos sendo catorce que imos rotando.

E quen recolle, frega…?

Os propios usuarios recollen, pasan a vasoira, limpan as mesas e colocan as cadeiras. O restaurante leva as bandexas e frégaas, xa que é un material que se volve usar no día seguinte. Así decote. Abrimos ás 13:30 e pechamos ás 14:30. O promedio de usuarios anda entre os 35 e 37 diarios.

Cal é o perfil dos usuarios/as?

Hai un pouco de todo. Persoas atrapadas no paro, ou con pensións insuficientes e persoas con adiccións que desembocan na marxinación social. A meirande parte, xente de aquí. Cando comezamos acudían familias, sobre todo de inmigrantes. Agora só acoden 2 persoas estranxeiras. Moitos marcharon. Ao primeiro tivemos incluso 12 nenos e nenas menores de 12 anos.

Tende a xente a “perpetuarse” como beneficiario?

Pasa máis na xente de aquí que son consumidores dependentes. Tamén quizais entre os que contan cunha pensión escasa. Matina ti, por un intre, nunha familia que sobrevive cunha pensión non contributiva. Se teñen asegurado un xantar diario, poden defender o alugueiro e a luz coa pensión. De non ser así, como habían facer? Os que con sorte atopan un traballo, vanse en canto xa non precisan da axuda.

samaritanos_caritas 2E o perfil do voluntario?

Tamén hai que valer. Cómpre dicir que comezamos catro e axiña veu máis xente. Buscamos voluntarios acolledores, atentos, que saiban escoitar, responsables e  discretos. Hai que saber da xente para axudala, non para andar a laretar polo rueiro.

E o da empresa?

No mundo empresarial  hai de todo. Non falamos dos grandes emporios que evaden e se lucran con prácticas ilegais. Colaboran con nós empresas pequenas e medianas  que ofrecen a partir do que teñen: un transporte, un material, un alimento…  No caso do restaurante gárdase tamén unha liña laboral coherente, tanto no trato coma nos contratos dos traballadores.

Pasádeslle á empresa algunha certificación de gasto que deixe constancia da comida que entregan?.

Non. Ni a damos nin nola solicitaron nunca. Chegaron incluso a ofrecernos un piso da súa propiedade para facer labores de acollida.

E como se selecciona aos usuarios do comedor?

Antes de acudir ao comedor pasan por Cáritas. Alí fálase coa persoa/as solicitantes,  estúdase a súa necesidade (se está censado, se está no paro, se cobra pensión…) e adminístrase a asistencia que se lle vai dar. Non hai distinción de orixe, nin relixión. Soamente o grao de necesidade é o decisivo.

Recibides achega do Banco de Alimentos para o comedor?

Non, para o comedor non. O que nos chega do banco de alimentos xestiónanse de forma independente. Algúns usuarios utilizan os dous servizos. Miramos de quitarlle o mellor proveito a todos os recursos. Incluso no comedor, se algún día sobra comida, pódena levar para a casa ou facela chegar a alguén que estaba anotado e non puido vir.

Ademais do restaurante tedes algún outro samaritano que bote unha man cando pasa por diante da vosa porta?

Si. De cando en vez pequenos establecementos fannos chegar achegas de alimentos cos que traballan. Incluso algún colexio  en días nos que celebran algunha festa cos cativos. Tampouco queren revelar a súa identidade.

Arrancastes en 2012. Ata cando?

Non hai máis futuro co presente. Se perdemos estas solidariedades anónimas nós non temos cartos para continuar. Bota contas. 40 menús diarios a 4-5 € por menú…

Doutra banda, a crise persiste, aínda chega moita xente e temos lista de agarda. As perspectivas do traballo no mar empeoran. Ademais e por desgraza, mesmo en tempos de bonanza, hai xente que a cotío cae no furado e non dá saído. Sempre haberá por quen mirar. Sentes a meirande das satisfaccións cando un dos usuarios atopa traballo e pode prescindir do comedor.

samaritanos_caritas 3

Solicitastes algunha vez axuda pública, por exemplo do concello?

Non, aínda que mantivemos algún acordo puntual. Cando deixaron de prestar  servizo de comidas na UAD (Unidade de Atención ás persoas Drogodependentes), nós asumimos a atención desas persoas. Pola volta, o concello asumiu a atención dos nosos usuarios en días nos que o restaurante non nos prestaba o servizo, por exemplo no Nadal. Polo momento iso é todo.

Sabedes dalgunha iniciativa semellante polos arredores?

En Boiro montaron un comedor social tamén. Era o concello que pagaba un servizo de comidas a unha empresa hostaleira. Mantívose un curto período de tempo e logo pechou. Non sabemos máis do asunto. Da outra banda da ría, en Cáritas de Vilagarcía manteñen un comedor cos propios fondos de Cáritas. É outro modelo. Nós así non poderiamos sostelo.

X.L. Vilar

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s