Conversamos con Pablo Veiga López, voceiro da asociación Masa Crítica, colectivo que leva oito anos fomentando o uso da bicicleta na cidade de Lugo e demandando un aumento da seguridade no tráfico ciclista urbano que humanice as nosas cidades.
Que é a Masa Crítica?
É unha “conciencia organizada” de ciclousarios que se reúnen unha vez ao mes para dar un paseo grupal en bicicleta. É un fenómeno que naceu hai máis de vinte anos e que se celebra en multitude de cidades do mundo. No caso de Lugo, ten lugar o último xoves de mes.
Como naceu en Lugo?
Foi en xaneiro de 2008. A raíz dunha marcha, en bici e a pé, organizada por unha asociación ecoloxista, algúns participantes explicaron en que consistía o movemento Masa Crítica, que tiña lugar noutras cidades galegas e doutras autonomías. E así se iniciou. Na primeira edición acudiron medio cento de persoas en cadansúa bicicleta.
Cales son os fins da Masa Crítica?
O obxectivo principal é divulgar e promover o uso da bicicleta como medio de transporte, facendo fincapé no seu carácter barato, ecolóxico e eficaz.
En segundo termo, pretendemos crear nas nosas respectivas cidades condicións necesarias para o uso seguro da bicicleta. Tamén apostamos por actuacións que potencien os medios públicos de transporte.
Cinguíndonos a Lugo, anhelamos que a nosa cidade se una á rede de cidades pola bicicleta.
Que actividades se desenvolveron ata a actualidade?
Todos os últimos xoves de cada mes, ás 20:15 horas, a Masa Crítica lucense, sae desde a Praza Maior e realiza un percorrido amable e lúdico duns seis quilómetros por distintas rúas e avenidas. Adoitamos finalizar coa correspondente caña ou viño crítico, onde ten lugar un foro de debate.
Nestes oito anos, a Masa Crítica de Lugo organizou a Masa Crítica galega –unha xornada enteira con diversas actividades- e participou nas masas a nivel mundial celebradas en Madrid, Bilbao e Valladolid.
Que proxectos ten a Masa Crítica lucense de cara ao futuro?
O primeiro, seguir existindo. É motivo de satisfacción que esta “coincidencia organizada” tivese lugar na nosa cidade nos últimos cen meses, incluso o día de Nadal ou en fin de ano.
En segundo termo, atraer a novos ciclousuarios/as a este movemento, ademais de demandar unha mesa de mobilidade na que esteamos presentes, así como outros colectivos.
Que logros estimas ti que conseguistes nestes oito anos?
Relacionado co sinalado anteriormente, que cada último xoves de mes se celebre este evento polas rúas da cidade ten como resultado que se nos teña en conta á hora de falar de mobilidade e que cada vez sexamos un movemento máis coñecido, aínda que queda moito camiño por pedalear.
Cantas persoas participan na Masa Crítica lucense e cal é o perfil?
Ten habido xoves de trinta ou máis participantes. Outras veces, fomos tres ou catro. O normal é que ande polos vinte ciclousuarios. En canto ao perfil, do máis variado en canto ás idades, sexos ou profesión. Únenos a todos a devoción pola bicicleta.
Que medidas cres que cómpre adoptar para favorecer o uso da bici? Existe un debate moi aberto onde non caben nin posturas únicas nin dogmáticas. Constituír unha mesa de mobilidade onde estean presentes diversos actores, como asociacións de veciños e comerciantes, que se escoite a voz das persoas con distintas discapacidades, técnicos/as e responsables políticos, parécenos de vital importancia.
Medidas que propoñemos irían encamiñadas a reducir a velocidade máxima, crear uns aparcadoiros para bicicletas seguros e restituír o proxecto de bicis de aluguer na cidade, unha iniciativa que sería de utilidade non só para os propios lucenses, senón tamén para os turistas.
Entendes que a bicicleta debe integrarse no tráfico rodado…
Sen dúbida. A bici é un elemento máis do tráfico, pero moi vulnerable que precisa a comprensión de condutores de vehículos a motor. No entanto, tamén sería interesante deseñar unha rede de carrís bicis que conectasen distintas zonas da cidade.
Que lles dirías a aqueles que sinalan a Lugo como unha localidade non apta para manexarse en bici pola climatoloxía adversa ou as excesivas pendentes?
As condicións climáticas de aquí non son máis hostís que no centro e norte de Europa; un paseo por cidades holandesas, alemás, belgas ou dinamarquesas vencen ese argumento. En canto á orografía, Lugo atópase nun outeiro, onde reside a maioría da poboación, cun desnivel dunha punta a outra de apenas cincuenta metros.
Os ciclousuarios identificádesvos con aqueles afeccionados e practicantes do ciclismo de ruta?
Por suposto. Somos a voz daqueles que andan en bicicleta, sexa por núcleos urbanos ou en vías interurbanas e temos problemas similares, sobre todo no concernente á seguridade.
Razóns para utilizar a bicicleta na cidade
Os membros da Masa Crítica adoitamos facer roteiros urbanos, moitas veces de noite, aproveitando que hai menos tráfico. Sinceramente, ir en bicicleta dá unha perspectiva diferente e permite coñecer recunchos singulares que temos na cidade. Tamén dá unha sensación de liberdade e relax.
En traxectos inferiores a dez quilómetros, a bicicleta é un medio de transporte rápido e eficaz, supoñendo un aforro en combustible e sendo respectuoso co medio ambiente.
Como animarías á xente a converterse en ciclousuaria?
Utilizamos varios lemas que retratan o auténtico espírito da Masa Crítica:
Eu pedaleo e non me cabreo. Con respecto e con coidado, a bici a calquera lado. Nin contamina, nin gasta gasolina. Andar en bicicleta, mellora a silueta.
A Masa Crítica quere convidar os lugueses e luguesas a sumárense a esta coincidencia organizada, ven celebralo unha vez ao mes.
Sobran os motivos
Valentín Arias