No tempo de o demo fregar un ollo e ir cara ao outro…


Nova foto linguaChámanlle deformación profesional, seica… O caso é que nós case non podemos evitar escoitar sen analizar o que nos chega do emisor… Cada palabriña, se fai ben o plural, se lle gardou a concordancia ao feminino, se botou man dun castelanismo, ou dun hiperenxebrismo.. Non é por mal, pero évos así, por máis que nos pese, ou mal que nos pese, diredes outros e tamén outras…

E indo ó caso… Onte estabamos a falar cunha muller que cumpría os seus… 86 anos! Non está mal… De saúde, non ten queixa; a cabeciña tena no seu sitio; ansias non lle faltan; as pernas ben lixeiras… Así dá gusto… Pois o caso é que lle dixemos que era moi afortunada, que non tiña de que se queixar e… ela díxonos: “Ai, si, ho, funme moito á costa…!” E nós pensamos… “Agora si que perdeu o rumbo…” Pero preguntamos que nos quería dicir e explicounos que agora fora moito a menos, que baixara moito, que estaba algo achicada… Ai que ver…

Contounos tamén que alí no seu lugar (na súa aldea) hai dous veciños que están moi enemistados, están á mal desde unha vez que tiveron unhas palabras. Un deles seica di que por el xa se terían amañado, pero o outro quitoulle a palabra daquela e non quere saber nada de se volveren a entender. Aí un día, cadraron nunha feira e seica ata lle apartou o camiño… Cando este llo contou, ela seica dixo coa súa lingua pequena: “Cantas veces llo terás apartado ti…” A ela este tal non lle enche o ollo…, que seica é moi amigo de se gabar, é un pouco bota por ela (esaxerado para presumir), e tamén algo cara lavada (que ten pouca vergonza)…

O que tal había que non oiamos esta chea de expresións! Se tivésemos lido este parágrafo nunha novela, quizais o escritor nos resultase enxebre de máis, case excesivamente exquisito, pero escoitámolas coas nosas orelliñas, unhas a seguir das outras, todas en tempo de nada, así como quen non quere a cousa…

Lidia e Valentina

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Falando da lingua. Ligazón permanente.

One Response to No tempo de o demo fregar un ollo e ir cara ao outro…

  1. -Vaite, vaite, meu sobriño, vaite…
    A primeira vez que lle escoitei esto a un vello tío de meu pai sendo eu rapas polos cincoenta quedei sorprendido, porque non sabía a cencia certa o significado. Aparentemente parecía que te despedía, pero a súa actitude amable e agarimosa facíame pensar que a frase tiña outro significado que eu non entendía correctamente de todo.
    E así era, pois podemos traducila por vaia, vaia,meu sobriño, vaia.
    Cantas de estas expresións se terán perdido, por exemplo aquel abur/aburiño escoitado nas aldeas galegas (polo menos) do interior. Por qué non somos/son capaces (os novos) de resucitar estas verbas tan enxebres e belidas?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s