Desde os campos de refuxiados de Lesbos (V e final)


Admiro a actividade e a fortaleza de moitas compañeiras e compañeiros. Pola mañá souben que foron seis, e non cinco, os que marcharon esta mañá para Macedonia: en transbordador hasta Kavalla (Grecia) e logo por estrada ata a fronteira, Idomeni. Esther, que sempre me recorda porque fun o primeiro hispano co que se atopou cando chegou a Lesbos marcha pasado mañá. Botou quince días. Deulle tempo a ir nunha expedición con tres furgonetas cheas de axuda para alí, para a fronteira de Idomeni. Entregaron as cousas que levaban e voltaron dous días despois. Moito frío. ACNUR está a montar un campo. Á expedición que saíu hoxe entregueilles unha achega do recollido na conta de solidariedade.

lesbos 4

A organización Olive Grove Tea Tent oferta té e petiscos aos refuxiados en tránsito . https://twitter.com/OliveGroveTea

16 de febreiro do 2016

Antonte, o domingo, estiven no campo que queda preto do aeroporto de Mytilene, que se chama Pipka, próximo a onde arribaron hoxe os botes. Están especializados en crianzas. Estiven un bo anaco. Un dos voluntarios é grego pero estivo en Guatemala e México e deféndese ben co español. Casualmente había unha sesión pedagóxica coordinada por unha profesional de fóra do campo sobre traumas infantís. Quedei. Estaban unhas quince persoas, voluntarias do campo. Entreguei á dirección do campo unha cantidade que ingresaran na conta de solidariedade fai unhas semanas.

Por certo, o grupo que leva no campo das Oliveiras o reparto de comida a todo o mundo, indican e agradecen na súa páxina, Olive Grove Tea Tent, a achega de “voluntarios da Coruña” (era “solidarias da Coruña”, pero…)

Acababa de chegar Jose, un compa de Canarias , que vén por un mes. Estivemos falando un bo anaco e leveino ata Holpe Center. Alí souben que Óscar, o meu compa de piso e máis Karina, a compañeira de Seattle marchan mañá a estar dez días en Atenas. Organizacións cristiás e Cáritas están no porto do Pireo, atendendo á xente que chega e repartindo comida. Están organizados pola rede, en quendas.

lesbos 5

Refuxiados agardando a embarcar no transbordador en Mitylene

18 de febreiro do 2016

Ao saír da casa campesiña na que vivo atópome case que todos os días unha bolsa de plástico pendurada na oliveira que teñen preto da cancela de saída, dando á estrada. No interior laranxas e pan. Durante o pasado verán arribaron moitos botes á Lesbos. A axuda estaba menos organizada que agora e a xente refuxiada botábase a andar pola estrada cara a Mitylene para coller o transbordador. Aínda hoxe pódense ver avisos con información para a xente refuxiada indicándolles os km. que hai, 65; o que pode durar a marcha, dous días; o perigo da calor, 45º.

Moitos habitantes da illa comezaron a pendurar das oliveiras das súas leiras bolsas con laranxas e pan: avituallamento en estrada. Sen que ninguén llo dixera, sen dicirllo a ninguén. Se o pan se endurece, múdanllelo. As laranxas aguantan. Aínda o seguen a facer, sobre todo cando volve a haber arribadas, coma onte: alí estaba a bolsa de plástico branca, ao alcance de quen pasase pola estrada. Antes de abrir a cancela, inclineime ante a bolsa con moito respecto.

Onte pola mañá, no Hope Center, atopei a Marta, nada en Arxentina, residente en Costa Rica. Ten 22 anos. Veu dende alá a botar unha man durante oito días. Falaba con Óscar e comigo acerca do que sería máis útil para facer. Estaba ansiosa. Falámoslle con cariño, pero coma vellos experimentados: tanta cousas que facer… onde máis e mellor te atopes… vaste decatar axiña….

Puxo unhas luvas e debuxou un corazón na parede co seu nome e a tarefa inmediata: raspado da parede dun dos cuartos. Non contei que unha das paredes da entrada está chea de pequenos corazóns, debaixo de cada un, o nome e, no seu interior, a tarefa por capítulos: limpeza, pintura, carpintería, arredores, saída, creativo, xardinería, selado, xeral… Cando deixas de traballar cruzas o corazón cunha raia.

Onte pola noite fun levar a Óscar e Karina a Mitylene, ao transbordador que saía ás oito da tarde. Embarcaron xunto con 1.200 persoas refuxiadas que chegaran a véspera. Gusto moito de estar no peirao, cando chega a xente, dende a mañá, ata á hora de saída. A partir das seis ou sete da tarde, póñense en ringleira e comezan a entrar polo portón inmenso da popa do transbordador, con moita tranquilidade, coma nunha procesión, ordenada, nunha fila as mulleres e crianzas, noutra, os homes. Eu camiño polo medio. Miro para os grupos. Como se os fotografase e tratando de inserilos dentro de min. Alí están, antes da ringleira, as familias bulindo, xuntándose con outras no espazo do peirao, abrindo e pechando bolsas,comendo algo. Nais sentadas no chan ou nun muriño, onde poden, cos meniños nos brazos, mentres o día empardece. Tamén adoita haber persoas voluntarias. Unha das que máis vexo leva a camiseta co lema you are me.

Óscar e Karina estaban enviando a Atenas o seu rexistro de voluntarias. Preto, unha seis persoas con grandes caixas de cartón no chan repartindo roupa, como se fose un mercado. As refuxiadas achegábanse, sobre todo con rapaciñas, miraban, probaban por riba, escollían e levaban. Achegueime e notáronme acento. De onde es? Da Coruña. Ah! pues nosotras catalanas; viñemos un grupiño pola nosa conta e dedicámonos a ir ao almacén de Ática, pedimos roupa e traémola ata aquí en caixas porque algunha xente aínda a precisa antes de embarcar. Parou un momentiño e díxome: non podemos quedar así, algo temos que facer, non é? Eu tamén parei: claro compañeira, algo temos que facer, e moito que recibir, ocurréuseme dicir.

Un grupo de holandeses, cunha furgoneta que pon Christian Refugee relief están incansables na limpeza das praias e noutras cousas. E non son os únicos. Pero impresionoume onte cando me acheguei á praia, preto de Eftalou, e pareceume outra praia diferente á que vira o día anterior pola mañá. A municipalidade indicoulles o sitio onde levar os restos todos. E onte estaban cargando a furgoneta e facendo viaxes. A xente non para.

Onte antes de saír para Mitylene estivemos un bo anaco na casa de Pilippha e Eric. Chegaron a Lesbos hai máis de dezaseis anos, buscando vida alternativa. Mercaron unha casa con terreo de oliveiras preto da praia de Eftalou. Vivían,creo, da exposición e venda das fermosas pezas de madeira de oliveira que fai Eric. Hai un ano cando comezaron a chegar botes, mercaron o hotel vello que tanta veces teño citado e comezaron o proxecto Hope Center. Meteuse tamén de cabeza no proxecto unha muller que se chama Cooki, e entre as dúas o dinamizan e coordinan moi ben.

Comecei pola mañá, e agora xa é mediodía. En corenta e oito horas atoparémonos en Barajas. E iremos dixerindo xuntos todo isto, facéndoo esperanza, e seguindo.

Alfonso Mascuñana

Nota da redacción: Estas crónicas foron escritas polo noso 
colaborador Alfonso Mascuñada durante a súa estancia como 
voluntario na illa de Lesbos. O campo de Moria e outros campos
que cita son os que, algo mais dun mes despois, e tras o vergoñento
acorto entre a UE e Turquía, son noticia nos medios, convertidos
desta volta en campos de concentración controlados pola policía,
previos á deportación dos refuxiados.
Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s