Hai tarefas caladas e constantes que son o orballo da esperanza que nos fai camiñar. Se cadra, non somos conscientes e, se cadra, non se fala delas, pero cómpre que se coñezan. É ben sabido que ti coñecerás moitas, pero eu vou indicar algunhas.
Primeiro, das mulleres (e, se cadra, e oxalá, algún home) que traballan nas casas de acollida para mulleres maltratadas. Fan un labor incrible de acollida e rexeneración daquelas mulleres que sofren polo terrorismo dos homes que din amalas. Hai pouco, lin a historia dunha delas e como conseguiu erguerse coa axuda de todo o equipo que atopou nunha desas casas.
Segundo, dos mestres en xeral e dos mestres e mestras de apoio que hai nos nosos centros. É un labor calado e, se cadra, escuro pero deberiamos ser conscientes de que hai nenos e nenas que, polos motivos que sexa, non son tan áxiles coma os demais. Aí está entón o profesorado de apoio. Facendo medrar aqueles que precisan maior tempo e máis coidados. Un labor difícil que, en moitos casos, pode desesperar, xa que os resultados non se ven a simple vista. Pero xa se sabe que o esencial…
O que si se segue a ver é o traballo que se fai desde algúns centros para darlle vida á nosa lingua. Xa podemos ver o telexornal sobre Manuel María que fan os do CPI dos Dices, en Rois. Un traballo xeitoso e moi digno que, ano tras ano, chega nestas datas.
Pinguiñas de orballo que fan resucitar e darlle vida á terra. Que así sexa.