“Cada verso de Manuel María ten a Galicia como centro”


Conversa con Camilo Gómez Torres

Camilo Gómez Torres, profesor no IES Lucus Augusti durante moitos anos, é un dos maiores especialistas na obra de Manuel María. Ata tal punto é así que cando  o propio Manuel non sabía un dato dicía “preguntádelle ao Camilo”. Este amigo, estudoso e biógrafo do poeta chairego publicou numerosos traballos sobre diversos aspectos da obra de Manuel María. Con el iniciamos unha serie de entrevistas sobre un dos autores máis importantes da literatura galega de todos os tempos.

Foto_GomezTorres2

Que vinculación tivo Manuel María coa cidade de Lugo?

Despois da morte de seu pai, en 1943, Manuel María pasou a vivir co tío crego, fundador da parroquia da Milagrosa. Nesta cidade fixo o bacharelato e logo iniciou os estudos de Filosofía e Letras, como alumno libre, pola negativa do tío a sostelo en Santiago se non estudaba Dereito. Pero deixounos polas dificultades con materias como Latín e Grego.

En Lugo, ademais de ao faladoiro do café Méndez Núñez, nas que a presenza de Luís Pimentel era habitual, inicia o proxecto da edición da revista poética Xistral, imparte as súas primeiras conferencias e escribe arredor dunha ducia de poemarios, dos que Muiñeiro de brétemas foi o primeiro. E en Lugo coñece e namórase da que sería para sempre a súa compañeira e amada: Saleta Goi. En Lugo residiu ata 1958, ano no que se instala en Monforte para exercer a profesión de procurador dos tribunais.

Que o levou a vostede a se converter nun dos mellores estudosos da obra de Manuel María?

Por unha banda, a amizade que dende comezo dos sesenta compartimos e gozamos: Manuel María fora o meu profesor de Literatura española, en 4º curso de bacharelato na Academia Monforte, na que moitos monfortinos nos preparabamos para examinarnos en Lugo como alumnos libres; e por outra, a admiración que sempre sentín cara á súa obra poética, que fun descubrindo segundo ía agromando e facéndose, por mor do trato e relación de amizade que mantiven con el despois de deixar as aulas da Academia Monforte.

El inaugurou unha tendencia poética coñecida como Escola da Tebra. En que consistía?

A finais dos corenta e comezo dos cincuenta, nas duras condicións sociopolíticas derivadas da Guerra Civil e da opresión que exercen os franquistas sobre a sociedade galega, existencialismo e saudade fusiónanse, ao dicir dos estudosos, na esencia galega e propician unha liña poética coñecida como existencialismo saudoso ou Escola da tebra.

Trátase dunha poesía existencial e intimista, marcada por unha lectura pesimista do vivir e unha intensa angustia vital, que procura o achegamento e a análise do eu persoal, sempre arrodeado polas tebras dun vivir asolagado na dor do baleiro existencial.

Este achegamento á intimidade angustiada do eu, intimidade plena de negruras e pesimismos, exprésase, ora nunha linguaxe onírica, ora surrealista preferentemente.

 

A DEFENSA DA LINGUA, UNHA CONSTANTE

Que constantes sinalaría na poesía de Manuel María?

A preocupación e defensa de Galiza e a súa lingua, o galego. Cada verso, cada poema, cada poemario seu ten a Galiza como tema, eixo e centro; nin os versos nos que canta costumes, terras e xentes alleas (caso de libros de versos como Laio e cramor pola Bretaña ou A Primavera de Venus) se poden librar da galeguidade que impregna toda a súa obra poética.  

O seu monumental esforzo creativo poético, ademais de acreditar no profundo coñecemento e no inconmensurábel amor por Galiza e a súa lingua, ademais de espellar a íntima e total comuñón da súa natureza humana coa natureza telúrica, resposta a un ambicioso proxecto, íntimo e persoal, definido xa nos cincuenta, arredor de tres eixos: as ensinanzas da terra e das súas xentes, o herdo dos homes da Xeración Nós e do Partido Galeguista e a súa evolución persoal, intelectual e política que se asenta no proxecto nacionalista galego xa dende comezo dos sesenta.

E que etapas houbo nunha produción tan extensa coma a del?

Non é doado establecelas. Xa nos anos cincuenta o seu universo poético está centrado e configurado na diversidade de formas, elementos e compoñentes da realidade que chamamos Galiza, é dicir, homes, natureza, costumes, historia, eivas, traballos, xeografía, terras, etc.  E nas catro décadas seguintes agranda ese universo, ora abrindo novos espazos, ora inventariando novas formas e elementos, ora abranguendo outras áreas do saber e a cultura galegas. E non debemos esquecer, as súas tan anticipadoras como salientábeis achegas no campo da sociolingüística galega.

Que foi Manuel María para a Terra Chá?

Non foi o primeiro poeta chairego; e tampouco será o último. Mais, non é aventurado afirmar que é o poeta que máis cantou a Terra Chá, non só no poemario homónimo, senón en moitos outros, porque a Chaira viaxa por toda a súa obra: Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982),  Ritual para unha tribu capital de concello (1986), Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994) ou  Sonetos á Casa de Hortas (1997) son outros poemarios seus nos que a Chaira é a única protagonista.  Mais tamén está presente illadamente noutros poemarios como Remol (1970) ou A luz resucitada (1984).   

 

DRAMATUGRO, NARRADOR, XORNALISTA

Foi poeta pero, pero non só.versos-30_outonos

Tamén cultivou a narrativa, o teatro, os estudos literarios  e a crónica xornalística. O conto e mais o relato curto foron os subxéneros narrativos nos que mellor se desenvolveu: Contos en cuarto crecente (1952), Krikoi, Fanoi e D. Lobonís (1973) e, entre outros, a triloxía A tribo ten catro ríos (1991), Cando o mar foi polo río (1992) e Viaxes e vagancia de M. P. (1994) son algúns dos títulos que conforman a súa valiosa achega ao campo narrativo galego.

E tamén lle gustaba moito o teatro.

Si, é moi salientábel a súa achega no campo teatral, motivada polas demandas que amigos e colectivos teatrais lle fan. Temos  pezas como Barriga Verde (1968), Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo, chamada Berenguela (1979), Auto transcendental da escola tradicional (estreada en 1977) ou, entre outras, Auto do maio esmaiolado (1982). Outras obras súas, galardoadas co Premio de Teatro Abrente, foron Farsa de Bululú (1992) e A revolución de 1846 (1999).

E aínda tivo tempos para os estudos literarios e as colaboracións xornalísticas.

Como estudoso da nosa literatura, cómpre salientar traballos seus como Noticia da vida e poesía de Xosé Crecente Vega (1968), Noticia da poesía galega de posguerra (1972), O tema da emigración na poesía galega (1989) ou, entre outros moitos, A recuperación da narrativa en galego: Ánxel Fole (1997).  

Artigos xornalísticos seus teñen a parecido dende finais de 1949 en xornais e revistas como El Progreso, Faro de Vigo, La Noche, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, La Región, Vida Gallega, etc., ademais das colaboracións semanais en A Nosa Terra (1978-1989) e El Correo Gallego (1989-2004).

 

Aldegunde Quiñones

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s