A media hasta


Varios concellos, que eu saiba españois, decidiron colocar a bandeira europea a media hasta como mostra de protesta polo ignominioso tratado que se pretende facer con Turquía para eludir o noso deber de outorgar asilo aos refuxiados políticos, sobre todo sirios. Contan as crónicas que este aceno de solidariedade e de denuncia política causou estupor e perplexidade entre os altos funcionarios e dirixentes da UE en Bruxelas. O que revela ata que punto os dirixentes europeos están na verza. Porque calquera europeo minimamente consciente cae na conta de que o comportamento da Unión, na chamada crise dos refuxiados sirios, está poñendo en cuestión a UE mesma e, de sosterse, sería o inicio do fracaso total do proxecto europeo, ao  ignorárense ou corrompérense definitivamente os obxectivos  cardinais da Unión. Basta ver os efectos que está a ter a crise sobre o dereito á libre circulación das persoas, por exemplo. A bandeira colócase a media hasta en sinal de loito por unha desgraza colectiva. E aquí a gran desgraza é o crime contra a humanidade que colectivamente estamos en camiño de asumir e legalizar e que, ademais da morte e do sufrimento inxusto de tantos seres humanos, traerá consigo a destrución desta patria ética que estabamos construíndo para que nela convivisen en paz e se desenvolvesen tantas patrias étnicas, que se foron conformando en Europa a través da súa historia.

É certo que o proxecto europeo comezou con acordos meramente comerciais e coa coordinación de mercados estratéxicos. Empezamos, por así dicir, polas “cousas de comer”, pero desde o inicio estiveron claros os fins e obxectivos definitorios do proxecto. Tratábase de que os pobos e nacións europeas, a punto de saíren da gran catástrofe das dúas guerras mundiais, confluísen nunha unión política para garantir á cidadanía europea os dereitos humanos universais vixentes e orixinarios da gran revolución francesa e para asegurar o benestar nunha sociedade libre e democrática. Esta debe ser a nosa nova patria ética, como diría Amin Maalouf. Ponse en cuestión se as leis e normas da UE algún día conculcan estes principios, tal como sucedería se se materializase o infame tratado con Turquía, para externalizar, como diría Iñaki Gabilondo, as obrigas colectivas que entraña o exercicio dos dereitos fundamentais en que se asenta a UE.

Poñen a bandeira de Europa a media hasta xusto para non ter que arriala definitivamente.

Carlos Vázquez G.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s