Don Darío, cura que foi de Duarría e Castro


Foto 1Este era un crego moi célebre, célebre e querido nas terras de toda a Comarca da Terra Chá, sobre todo en Castro de Ribeiras de Lea e Duarría, en Castro de Rei e arredores. Home humilde que axudaba sempre os máis pobres e mesmo compartía con eles as súas penalidades. Morreu hai xa uns anos. Era alto e aínda tiña todo o pelo na cabeza, coma un pucho feito de folerpas brancas. Falaba as verbas pensando en clave de tenrura cada sílaba, ás veces pensaba en alto e mesmo tiña o don do aloumiño oral cando se dirixía aos nenos no Catecismo ou na misa.

Chamábanlle don Darío e tanta era a dozura que poñía nas palabras que, aos maiores, facíanos rir porque resultaba unha declamación perseverante e infantil, delicadamente rara, case cómica naquel seu falar sedutor para os máis pequenos. Permitídeme que vos conte algunha anécdota del.

Lembro, na misa de Castro, un día de festa, cando, explicándolles aos nenos, quixo falarlles da sabedoría de Deus.

Vós -dicía referíndose aos que estaban nos primeiros bancos- non sabedes que Deus o sabe todo. Pero todo, todo. Se fora en bicicleta de paseo convosco, andaría moi lixeiro e prudente e sería quen de amañar calquera avaría, sería capaz de poñerlle un parche a unha picada en cousa de segundos. Non tería máis que parar, darlle a volta á bici coas rodas para arriba e nun plis-plas, sacaría a cámara e iría directamente ao lugar da picadura, co dedo parcharía sen parches nin disolución, e volta a poñerlle a cámara sen desmontables. Abriría as “palomitas” e, ala! Equilibrar, apertar e de novo pedal! Os nenos quedaban pasmados,… con cara de moitas preguntas. Pero non se atrevían. Aquela vez el abondou en explicacións: “…Si, claro que si, El non necesita disolución nin raspar coa lixa, pódeo todo e mesmo non tería porque pedalear nin porque picar. Pero debedes saber que El é home e é Deus, e quere compartilo todo e estar coa xente, ir cos nenos na bici a pasear e ver as grandes cousas que seu Pai creou! Nesas, un neno, sen agardar nin privarse da impaciencia, preguntou: “…E El podería ir en coche? Don Darío, con moita calma e talmente vivindo o soño díxolle: Siiiiiiii, El podería ir en coche, ou tamén sen coche. El está en todas partes! Se se despraza é por ir connosco e acompañarnos  polo tempo e polos lugares! O rapaz abría os ollos e, sen poder reprimirse, dixo: Pero se el está en todas partes, nin vai nin vén, porque xa está onde nós imos! Claro, Carliños–dixo Don Darío– pero El quere comportarse coma un máis de nós, e vir connosco nas nosas andainas, como é tan bó, na súa compaña non corremos perigo ningún, porque nos leva da súa man e prívanos do mal. El é moi bo, é coma “ouro mulido”. Pois daquelas, Don Darío, comigo vén pouco –dixo o neno– que o outro día pola Costa do Castro a bici embalóuseme e cando acordei non agarraron as rodas na grava e alá fun ao medio da toxeira. Sequera puido arredarme dos toxos! A xente a rir, don Darío sen palabras para falar co Carliños, o fillo da carniceira, que xa fixera a primeira comuñón. Trataría o tema fóra da misa, sobre todo lonxe de tanta xente e da misa da festa do Santo Patrón! Que xa levaba de prédica un bo pedazo e había que darlle traza á tarde! Querían ensaiar as orquestras e a banda agardaba para facer a procesión ao redor da igrexa e do cruceiro, os fogueteiros xa estaban preparados!

Foto 2

Chamábanlle don Darío e era todo bondade, tanta era a tenrura que poñía nas súas palabras que, aos maiores, facíanos rir. Pobres de nós. A tenrura só se pode explicar en galego e así facía. Tiña aquel acento meloso e veraz da fala nosa. Cando tentaba falar castelán, cambiaba o rostro e o acento moi brevemente e, sen se dar conta, pero rapidamente, volvía ás nosas modulacións. Aínda hoxe acordamos del. Falaba pensando as verbas en cada sílaba, ás veces pensaba en alto e dicía historias da bondade sagradas, de esperanza, do recto proceder en situacións de dúbida ou de pranto… Mesmo tiña ese don do aloumiño oral cos diminutivos, construía ceos de soños e soños de ceos, nos que non existía ningún inferno. Era alto e aínda tiña todo o pelo na cabeza, coma un pucho feito de folerpas brancas. Un santo!

Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero)

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Pingas de orballo coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

One Response to Don Darío, cura que foi de Duarría e Castro

  1. Soamente averiguei o nome completo de aquel D. Marcial, párroco de Gresande (Lalín) de quen vos falara. Chamábase D. Marcial Diéguez Vales e era natural de Camba (Rodeiro), non sei se de S. Salvador de Camba ou do Salto. O cura actual que rexenta estas parroquias, ou calquera das de Camba, debería podería intentalo, pois D. Marcial coido que merece, alomenos, unha semblanza. O mesmo que Baldo, do que tamén vos falei, hoxe imposibilitado e residente na casa diocesana da Guía en Vigo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s