Entrevista con Antón Masa, presidente da Asociación para a Defensa da Ría (APDR)


 

masa

Cando o goberno central (e en funcións) decidiu anovar, por 60 anos máis, a licenza de ENCE para que poida seguir desenvolvendo as súas actividades na ría de Pontevedra, puxémonos en contacto con Antón Masa, presidente da Asociación para a Defensa da Ría (APDR), coa intención de recabar a opinión de quen ve o problema desde a outra beira.Na prórroga, até 2073, de ENCE na ría de Pontevedra, feita desta maneira, por un goberno en funcións acosado pola corrupción, non hai algo ben estraño? Mesmo quizais indicios de prevaricación?

Si, que un goberno en funcións, cun presidente desaparecido e derrotado, tome unha decisión de tanta transcendencia para o futuro da comarca de Pontevedra, semella sorprendente; non se poden argumentar razóns de interese xeral nin de urxencia. Trátase de deixar “atado e ben atado” un negocio no que o Partido Popular ten interese particular e do que tiran importantes beneficios algúns dos seus destacados militantes, membros do Consello de Administración de ENCE: é o caso da ex-ministra de Medio Ambiente, Isabel Tocino ou do ex-Conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo. Tampouco debe ser alleo que o Director da fábrica de Lourizán, Antonio Casal, estea casado coa actual Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia. Algo cheira peor que os derivados de xofre en Lourizán!

Posíbeis indicios de prevaricación? Ao noso entender, esta decisión estase a tomar a sabendas de que é inxusta e mesmo en contra do Regulamento da Lei de Costas, que indica que unha concesión non se pode prorrogar en tanto estea aberto un expediente de caducidade, situación na que se atopa a concesión de ENCE xa que nin as alegacións presentadas pola APDR nin o recurso de reposición interposto pola nosa asociación diante da Ministra García Tejerina foron respondidos. Contrariamente ao que se vén dicindo desde a Dirección Xeral de Costas do Estado, existen causas de caducidade da concesión: de acordo co título concesional do ano 1958, é causa de caducidade que os vertidos da empresa superen as 20 ppm de demanda bioquímica de osíxeno, situación que foi incumprida sistematicamente desde a chegada á nosa Ría ata polo menos o ano 2010 e que segue a selo de forma puntual na actualidade.

O presidente Feijoo, no Parlamento, defendeu a cousa contrapoñendo os postos de traballo e as familias ao incumprimento da normativa medioambiental, suxerindo novos proxectos industriais que virían coa continuidade da instalación… Semellan argumentos invencibles!

Son argumentos pouco sólidos. ENCE incumpre boa parte da lexislación ambiental en materia de vertidos á Ría, nomeadamente a directiva 91/271/CEE de Augas Residuais Urbanas. E aínda que a Autorización Ambiental Integrada permite a ENCE verter por riba das taxas fixadas pola lexislación para demanda química e biolóxica de osíxeno, sólidos en suspensión, fósforo e nitróxeno, non se pode esquecer que as leis están por riba das decisións administrativas.

En canto á chantaxe esa dos postos de traballo, queren equiparar o papel que xoga ENCE en Pontevedra co da CITROEN en Vigo, situacións para nada comparábeis. ENCE non é motor económico, é o freo ao desenvolvemento da economía da comarca e á creación de emprego. Reduce postos de traballo na fábrica e fóra indirectamente ao destruír os recursos: na Ría vivían unhas 10.000 familias antes da chegada de ENCE, hoxe só están a mariscar 400 persoas. Os cheiros, a contaminación, e a mala sona da comarca neste sentido impiden a chegada de proxectos limpos que poidan crear emprego de calidade. ENCE e creación de emprego son conceptos antagónicos. E mente o PP, esta prórroga non está condicionada a ningún investimento, nin á creación de emprego nin á toma de medidas medioambientais. No propio acordo dise que “de non cumprirse os investimentos de 61 millóns de euros” o goberno reduciría a nova concesión en 10 anos. É dicir, estánselle regalando 50 anos de prórroga a cambio de nada!

Cal sería a alternativa? Traslado? Onde?

Particularmente creo que é a empresa quen ten que decidir o seu futuro… E tivo tempo para facelo! Cando os seus actuais propietarios mercaron ENCE (por certo a prezo de saldo!) sabían que no 2018 deberían abandonar a Ría; e tiñan que ter feito, como fan todas as empresas nesas situacións, unha provisión de cartos para acometer a solución máis conveniente nese momento. O que non é de recibo é que a empresa utilice a chantaxe dicindo que un traslado é inviábel economicamente cando non fixo os seus deberes. O que é imposíbel é trasladar a Ría de Pontevedra, que ten que recuperar a súa vocación natural, que non é outra que a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, turísticos e forestais.

E como podemos imaxinar unha ría sen ENCE? Como contraargumentar con outro relato e outras cifras?

Unha Ría sen ENCE é posíbel e calquera das persoas que vivimos ao seu carón somos quen de imaxinala.

Un modelo económico alternativo, baseado no saneamento e recuperación da Ría e na creación de postos de traballo no marisqueo, na pesca e nun turismo de calidade, é posíbel. Recuperar os bancos marisqueiros hoxe estragados pola contaminación e os recheos, sanear a Ría e realizar unha explotación marisqueira máis racional, aumentando a produción, recuperando a diversidade perdida; é posíbel, en definitiva, crear novos postos de traballo e en condicións máis dignas e cunha rendibilidade económica moi superior á hoxe existente. O mesmo para o monte, hoxe limitado á explotación  do eucalipto. A diversificación nesta explotación, a recuperación doutras especies de valor forestal pero tamén a doutros usos como o dos froitos, dos cogomelos, que teñen maior valor engadido, debe ser peza fundamental dun modelo alternativo que xere maior riqueza, postos de traballo e calidade de vida.

Evidentemente, resulta difícil cuantificar. Pero un pequeno estudo realizado hai uns anos para a nosa asociación por biólogos, economistas e xente dos sectores implicados, avanzaba que nun prazo duns 10 ou 12 anos sería posíbel crear máis de 10.000 postos de traballo directos na explotación dos recursos marisqueiros, no turismo e no monte.

Redacción

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s