Un hurra para os fisioterapeutas!!!


Hoxe oímos rumores de esperanza para a nosa lingua… e a dos rumores non é a nosa sección, pero préstanos ben: soubemos estes días que o Colexio Oficial de Fisioterapeutas elaborou uns vídeos que, ademais de xeitosiños no contido, claros e concisos, están en galego!!! Por outra parte, é algo triste ter que celebrar este feito, pero… é o que hai, e haino que valorar. Todo o que vai mal, é susceptible de empeorar, reza unha das leis de Murphy. Así e todo, as leis –especialmente as de Murphy– están aí para que logremos que non se cumpran.

Un destes vídeos fala de como soar o nariz correctamente para que non se produzan infeccións polo feito de non facer saír ben os mocos. Ollo, debemos dicir “COMO SOAR OS MOCOS”, e non “como *soarse os mocos”. E por que? Pois porque “–se” ao lado de “soar” é  un pronome reflexivo, e en galego o pronome reflexivo (me, te se, nos, vos, se) só pode ter a función de complemento directo (CD), pero nesa oración xa temos un CD: “os mocos”, e nunha oración non pode haber dous. Pola mesma razón, debemos dicir “lavar a cara”, “peitear o pelo”, “cepillar os dentes”, “poñer o xersei”. Agora ben, si diremos “Ten que soarse.”, “Lávome.”, “Peitéate.”, “Cepílládevos.”, porque neses exemplos os pronomes “se”, “me”, “te” e “vos” son o CD, son a cousa que se soa, que se lava, que se peitea, que se cepilla…

No outro contan por que non se deben estalar as articulacións. Vós estalades os dedos? Ou estraládelos? Que saibades que non se debe facer… Por algo será que non é agradable oír eses estalos, estralos… E tede coidado, non andedes a enredar, a ver se os ides descompoñer, derrancar, desortellar, desconxuntar, desensortellar, dislocar, esnogar, luxar… O que tal doe unha descompoñedura, descompostura, unha escordadura… E despois hai que ir ao amañador, compoñedor ou compostor… É certo que saes de alí amañado, pero… E postos a estalar…, tampouco é bo que vos estale unha castaña na boca… Tedes de voso esta expresión? Dise así cando alguén ten un contratempo, non lle saen as cousas como pretendía.

Lidia e Valentina

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Falando da lingua coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s