Queremos volver votar…?


…ou preferimos que os nosos representantes negocien ata chegar a un acordo de goberno?

Aceptamos que todas as alternativas políticas son lexítimas e polo tanto aceptaremos calquera goberno que os nosos representantes sexan capaces de negociar… ou so lexitimamos o goberno que sintonice coa nosa ideoloxía?

Posiblemente aínda necesitemos outros vinte anos para deixar de ser ultras da política e sentir tanto amor polas nosas cores coma odio polas contrarias.

Detrás de cada partido hai unha ideoloxía, unha forma diferente de ver a cousa pública e a vida social, pero non necesariamente excluíntes. Uns intereses diferentes, particulares, pero lexítimos. Ou preferimos pensar o contrario? Que o outro é o salvaxe?

A formación da nosa democracia caracterízase por moitos aspectos positivos, pero ten dous aspectos desesperantes. O primeiro é o enrocamento simbólico de moitos dos nosos dirixentes, que teñen unha gran capacidade para conxurarnos os medos amentando cadansúa (nosa) bicha. O segundo é a nosa insatisfacción crónica, a nosa capacidade innata para o desgusto social que, carente de visión histórica, entende que as demandas cidadás se seguen vehiculando a través das continuas manifestacións, esquecendo que a característica básica dunha democracia é a existencia de canles de seu para articular as demandas existentes.

“Unha sociedade con institucións ben ordenadas e diferenciadas ….(logra) que as demandas se atendan de unha en unha. Esa sociedade asumiría a especialización institucional e non daría lugar a que as demandas insatisfeitas se simplificasen nunha demanda xeral”

As palabras son de José Luis Villacañas no seu recente libro Populismo, un mal que asola a todos os nosos partidos, porque tamén nos asola a nós. Galicia e tamén España están atravesadas pola política. Os políticos conseguiron facernos crer que os problemas e as solucións dependen deles e que é só a través deles como se arranxan as cousas. Queren ser queridos…ou temidos.

Nunha democracia consolidada as cousas non suceden exactamente así. As nosas demandas son articuladas a través da Administración pública, verdadeira conexión democrática entre os cidadáns. É a través dela desde onde se deben artellar as solucións aos problemas públicos, tanto sexa para arranxar unha fochanca que nos maltrata os amortecedores do coche, como para coñecer a lista de espera para operarme e demandar mellores prazos de resposta, ou para demandar unha praza nunha escola infantil ou nun instituto respectando e facendo transparentes os baremos para poñérllelo algo máis difícil aos listos.

Estes, claro, non son grandes temas, porque son exemplos básicos, pero a formulación é igualmente válida cando falamos de adxudicacións de vivendas protexidas, contratacións ou subvencións públicas, caducidades de sancións ou impostos non cobrados. Porque unha sociedade democrática se constrúe mediante a transparencia, sabendo como actúa un goberno e sobre todo que dereitos concretos temos e como demandar o seu cumprimento.

Todo isto vén para concretar que debemos pedir aos políticos. No canto de pintar liñas vermellas nos hemiciclos deben dedicarse a enfrontar directrices de goberno concretas. Así poderemos diferenciar se cando se levantan dunha mesa de negociación é con motivo ou por postureo, tendo sempre claro que están obrigados todos a sentar a negociar sabendo que o punto de partida debe ser, sen dúbida, acabar coa corrupción.

Pedro Pedrouzo Devesa

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s