“Moitas veces mudar non é mellorar”


Van aló cinco anos des que o New York Times publicaba un artigo no que contaba que en Ohio un tal Eddie Miller, rapaz de 23 anos, gañaba a vida cunhas ovellas de seu, alugándoas aos propietarios das zonas urbanas con céspede. Un dólar, un día, unha ovella. Era un xogo deses de “todos gañan”: o pastor , os residentes e o medio ambiente. No artigo, falando das súas ovellas, un Miller orgulloso e agudo dicía: elas ruralizan a cidade.  Aquel artigo falaba tamén de Jason Stroud, de Brooklyn, que ensinaba aos veciños a criar galiñas nos patios traseiros dos edificios.

En 2013 era a cidade de París, a que se apuntaba ás ovellas con pastor para manter os parques urbanos. E en 2015, Donosti.

Coa palurdez habitual descubre a nosa “prensa regional” o xenial invento da Deputación de Pontevedra de importar de Noian –Navarra- a idea dos compogaliñeiros: gardas nun caldeiro as lavaduras ou eslavas –segundo a zona de Galicia-, agora chamados “residuos orgánicos”- , lévanse ao galiñeiro e volves para casa con media ducia de ovos. De novo, ruralizando a cidade, todos gañan: o concello, que xestiona o lixo orgánico e composta, os veciños, o medio ambiente e os xardíns ben estercados.

E realidade o rural galego é unha mina en canto a ideas inspiradoras destas de “todos gañan”. Ademais do céspede e do lixo, están as hortas familiares –que reciclan todo, melloran o chan, producen saúde e calidade-; a xestión do toxo e xesta, no monte veciñal –co que se estran e hixienizan cortes e cortellos, xeran fertilizante da mellor calidade, limpan e evitan incendios, melloran a paisaxe e a bonitura. E así moitos máis exemplos.

Pero aínda me acordo ben cando empezaron as restricións urbanas aos tendedeiros para enxugar a roupa ao sol –ecoloxicamente- ou aquel delirio palurdo do vazquismo de perseguir os restos rurais que no territorio municipal quedaban en forma de poleiros e gando menor nas poucas casas dignas de tal nome.

O acoso e derribo do noso rural polo fetichismo modernista  ten moitas caras e un alto prezo. Benia as ideas que tratan agora de recuperar as súas solucións virtuosas! Pero máis nos valería unha estratexia de país para conservar o moito desa marabilla que aínda nos queda: iso si, cercado, desatendido, desmoralizado e, mesmo, culpabilizado.

Urbanizar o rural é a mirada simple. Ruralizar a urbe é a estratexia innovadora. O futuro, como sempre, está no equilibrio nese dobre movemento.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s