Alexandre Bóveda na rede salesiana de centros xuvenís


A Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia está presentando, nas diferentes vilas galegas, unha edición propia dun caderno colectivo que recolle unha colección de artigos de varios autores sobre Alexandre Bóveda, poñendo o foco na súa identidade cristiá, tan marcada e definitoria na persoa de Bóveda como, por veces, esquecida. Conversamos con Xulio César Iglesias, membro da comisión Xalgarete da Asociación Xuvenil Amencer de Ourense,que coordinou esta edición.

Como é este asunto de dar unha voltiña arredor de Alexandre Bóveda nunha rede de centros xuvenís promovidos pola comunidade salesiana?

A Asociación Xuvenil Amencer da Obra salesiana de Ourense,que pertence á Federación de Centros Xuvenís don Bosco de Galicia,ten unha débeda con Bóveda desde a súa fundación hai case 30 anos.

Bóveda nace en Ourense uns poucos anos antes da chegada dos salesianos á vila das Burgas en 1903 e os Salesianos chegan, naquel momento, ás aforas da cidade ao carón da Ponte Maior en 1910.

Segundo indican os seus biógrafos, entre eles o lembrado Paco Carballo co que conversamos varias veces (e tamén o seu defunto fillo José Luís co que tivemos varios encontros), afirman que Bóveda participou de mociño no oratorio dos salesianos de Ourense en varias actividades. Do que hai máis seguridade é da perteneza ao grupo de teatro, que lle axudou a ter maior facilidade na oratoria, e que lle veu moi ben posteriormente como todos sabemos.

Por iso medio en broma, medio en serio, dicimos que Bóveda sería socio de Amencer, que ten as súas raíces no oratorio dos salesianos de principios do século XX.

De feito no Roteiro Alexandre Bóveda que creou o Club do mesmo nome hai xa bastantes anos unha das paradas é na praza don Bosco, onde se atopa na fachada, un pequeno símbolo que o lembra.

Cando,hai moitos anos,se crea a comisión Xalgarete, de Amencer,co obxectivo de achegar a lingua e a cultura galega á xente moza,creuse interesante dar a coñecer a figura dun ourensán, Alexandre Bóveda, moi descoñecido entre a mocidade, que é modelo de cristián comprometido co seu pobo, a súa cultura e a súa lingua.

Ese binomio tan interesante para nós: católico practicante-convencido, que loita por unha Galiza mellor en moitísimas frontes énos un modelo para coñecer, admirar e imitar. E queremos darllo a coñecer á xente moza ourensá e galega.

Que pasos destes?

Unha liña de actuación de Xalgarete, tratando de contaxiar a toda a Asociación Xuvenil, foi dalo a coñecer primeiro entre nós e logo a xente moza, de aí que no noso centro de recursos estamos a recompilar todo o que se publica del: libros, publicacións, audiovisuais…

Ademais, publicamos “Bóveda contado á xente nova” no 2008.Unha sinxela publicación de 20 páxina a toda cor na que o propio Alexandre se dá a coñecer cunha linguaxe accesible a todos os públicos. Iníciase cun interesante limiar de Vicente Bóveda, neto de Alexandre e antigo alumno salesiano de Ourense.

E máis recentemente “Recei contigo’. Bóveda cristián” no 2014.Unha publicación onde 14 persoas de Galiza escriben de Bóveda cristián con toda liberdade de estilo, contido e extensión. Participaron Isaac A.Estravis, Rubén Aramburu, Enrique Bande, AlfonsoBlanco Torrado, Xabier Blanco, Xosé Manuel Caamaño, Pedro Fernández Castelao, Daniel López Muñoz, Jose-MartinhoMontero, Victorino Pérez Prieto, Carme Soto, Andrés Torres Queiruga, Marisa Vidal e Engracia Vidal. Iniciase cunha breve biografía de Bóveda por Francisco Carballo e remata cunha oración de Manuel Regal e unha bibliografía sobre Bóveda.

En ambos cadernos as ilustracións son de Álvaro Muñoz, a corrección lingüística de María Xesús Sánchez e a maquetaciónde Adrián Rodríguez.

A partir de“Bóveda contado á xente nova” editouse un póster e unha exposición itinerante de 12 plotters, coa súa guía correspondente e que se pode deixar en préstamo a calquera entidade.

Sen editar por falta de recursos económicos están os proxectos “Cousas de Bóveda” onde un grupo de personalidades galegas dan unha opinión breve de Bóveda ao estilo de Cousas de Castelao, e unha “Escolma de ilustracións e caricaturas de Bóveda” que nos regalaron hai anos un grupo de ilustradores galegos.

Tamén desde o 75º aniversario da morte de Bóveda, no 2011, realizase un roteiro participando entidades culturais e sociais da nosa cidade. Faise na fin de semana arredor da súa data de nacemento, pois en Ourense queremos resaltar a data do seu nacemento deixando para Pontevedra a data da súa morte.

E desde hai tres anos tamén realizamos un roteiro infantil para dalo a coñecer aos cativos. Realízase no campamento urbano ourensán que organiza Amencer en agosto.

Agora estamos embarcados na presentación de Recei contigo que xa se realizou en Ourense na desaparecida libraría Torga, en Allariz na Fundación Vicente Risco, na Coruña no Club Alexandre Bóveda e esta última na librería don Bosco de Vigo. Queremos seguir presentando esta publicación en distintas cidades e vilas do noso país.Ademais, estamos a preparar a edición dun novo roteiro do mozo Bóveda en Ourense. Ideas temos dabondo pero, coma sempre, o que nos vai marcando o ritmo é o tema económico.


Agora que a cousa está rematada, que vos achegou a vós como equipo este pequeno proxecto? 

Desde que nos embarcamos nun achegamento intelectual e vivencial a Bóveda coido que fomos descubrindo a un home íntegro e integral que soubo unir perfectamente cristianismo e galeguismo, práctica relixiosa e compromiso político, mística e loita, oración e  entrega.

Cremos que é un modelo a seguir nunha asociación xuvenil como a nosa, Amencer, e en todas as entidades cristiás e galeguistas do noso país.


Por que pensas que unha figura como Bóveda estivo e está tan ausente na memoria e no discurso oficial da Igrexa en Galicia? Non o coñecen ou non o queren coñecer? 

Coido que Bóveda está en terra de ninguén. Non encaixa ben en certas vellas ortodoxias nacionalistas nin católicas. Non lles cadra un Bóveda republicano, galeguista e católico á vez. Parece que ten que sobrar algo desas tres características. Aínda circula por aí o mito de que non se pode ser cristián e á vez galeguista convencido e que loita polo seu pobo cunha opción política concreta.

Por iso, nós como entidade cristiá encarnada na nosa Galiza tratamos de dar a coñecer este persoeiro tan importante para os crentes galegos. O mito convértese en prexuízo ao descubrir a Bóveda, o auténtico, non o maquillado tanto por certas versións que eliminan todo o que soe a cristián como por outras que falan del sen citar a súa opción política.

Como indicamos na presentación de Recei contigo: “Gústanos recuperar a opción cristiá de Bóveda, tan silenciada en moitos escritos sobre el. Queremos dar a coñecer esta vivencia cristiá tan presente en toda a súa vida; gústanos dar a coñecer que ser galego, galeguista, nacionalista e cristián foi o que lle permitiu ser verdadeiramente universal e internacionalista.”


Que son, a que aspiran e que ofertan á xente nova os vosos centros xuvenís? 

Os centros xuvenís salesianos, inspirándose na  experiencia educativa de don Bosco e no seu sistema preventivo, configúranse na sociedade actual como oferta á mocidade dunha zona determinada, cunha proposta educativa integral no tempo libre.

A educación no tempo libre para nósabrangue toda a persoa do mozo/a e capacítao para ser protagonista do seu propio crecemento. Ademais é unha educación intencional, con fins e obxectivos, con valores, que ofrece un itinerario gradual e promove unha comunidade educativa que celebra a fe que vive. O noso estilo quere implicar o territorio no que traballa e crear unha organización dinámica, en rede.

Os programas e proxectos que ofertamos son variados e adáptanseá realidade concreta onde está radicado cada centro xuvenil. Haiprogramas de asociacionismo xuvenil;grupos de tempo libre; xuntanzas entre distintos centros; salas mozas;solidariedade; música; informática; teatro; cine; promoción da cultura e lingua galega; conciliación da vida familiar e laboral;ludotecas; bibliotecas; apoio educativo; deportes; campamentos de verán; ocio educativo de fin de semana, pontes e vacacións escolares;festas xuvenís, galegas e cristiás; formación de voluntariado; cursos de monitores de tempo libre;…En Galicia estamos en Vigo,en Abertal; na Coruña,enAbeiro, en Lugo,enAteibo, en Santiago no don Bosco e en Ourense enAmencer.

E desde ese observatorio voso, como ves a mocidade actual? Como resumirías as súas fortalezas e debilidades? 

A mocidade non é un ente á parte e independente da sociedade. Polo tanto, moito do que se diga da mocidade, dise de todos nós. Como nos lembrou un sociólogo da Fundación Santa María “os adolescentes son adultos sen censura”.Cando se fala de mocidade coidamos que os matices, o que non parece maioritario, tamén é importante e cunha forza transformadora grande.Polo tanto cremos nunha mocidadesoñadora, aínda que algúns en vez de soñar, roncan; unha mocidade solidaria, aínda que descubramos xente que só sabe conxugar os verbos en primeira persoa; tamén reflexiva e que capta o esencial, aínda que os vexamos hiperconectados, sen oasis na súa vida; desexosa de encontro, amizade, de amor, aínda que vexamos comportamentos afectivos ambiguos; que coida as súas raíces aínda que algúns confundan a globalización con uniformación; protagonista da súa vida e da sociedade, aínda que algúns prefiran vivir sempre na oposición e na dependencia; aberta á proposta do Deus de Xesús, aínda que algúns o confundan con caricaturas nada cristiás.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s