É moi posible que cos resultados conseguidos polo PP e polo PSOE se conseguise a gran coalición, se non fose pola corrupción na política e, a medida en que esta afecta os partidos e as mesmas institución, coa conseguinte repulsa radical da cidadanía.
Corrían tempos de viño e rosas para o PSOE, con Felipe González na presidencia do Goberno, cando empezaban a agromar os primeiros casos de corrupción que afectaban principalmente a este partido. Daquela, os cachorros socialistas experimentaban toda a vertixe e a excitación de participaren do poder e das estimulantes prebendas del derivadas. Dous daqueles mozos entusiastas respondían ás críticas que se lles facían, pola deriva corrupta do seu partido, argumentando que gobernar implicaba inexorablemente moverse nas cloacas da sociedade e do Estado e que as críticas que se lles facían eran unha sorte de simple moralina sen perspectiva política. A corrupción, polo tanto, podería ser un problema ético ou moral, pero desde a política o asunto era saber xestionala, para mantela nas marxes de tolerancia que o propio sistema naturalmente establecía, e mesmo saber manexala na defensa dos intereses e obxectivos políticos que se defenden. “A corrupción é unha circunstancia que hai que tratar con criterios políticos”, sentenciaban, “por fóra de prexuízos éticos ou morais”. Así pensaban aqueles políticos novos que estreaban poder. Hoxe a ninguén se lle ocorrería semellante argumentación, pero parece que daqueles pos de pensamento, dos que estes dous mozos só eran un exemplo, veñen estes lodos de descomposición política nos que nos enzoufamos. Porque se algo non é correctamente separable, iso será a ética e a política, en tanto que están unicamente para responder ao benestar, á dignidade e ás aspiracións máis cardinais do ser humano. Tanto é así, que incluso as políticas máis inmorais teñen a necesidade de disfrazarse de principios éticos para a súa xustificación e para que sexan tragables en calquera sociedade.
Hoxe é o PP, sen dúbida, o que se engancha na fura de diante da corrupción e son as institucións democráticas e os propios partidos os que sofren a metástase deste cancro, causándolle un gravísimo dano económico e político á cidadanía, que se ve e se sente estafada, ferida e temerosa de ter que soportar una sociedade encanallada. Por iso, a rexeneración ética e política dos partidos e das institucións é hoxe prioritaria, como prioritario é pasarlle factura política á corrupción.
Carlos Vázquez G.