Europa e a súa delicada moral


A moral de Europa está mancada, en delicada situación. O principal síntoma, para non variar, é a eclosión de partidos xenófobos e neofascistas. Quen non coñece e traballa ben a súa propia historia está condenado a repetila.

Pero nunca nada se repite da mesma maneira. Non é a Falange, nin son as xuventudes hitlerianas, nin os camisas negras fascistas cos seus proxectos totalizantes e o seu parafernal paramilitar.

Pero, dependendo das familias, teñen trazos inconfundibles. Os groseiros de Amencer Dourado, en Grecia serían os máis claramente neofascistas, coa súa violencia, co seu odio ao estranxeiro e o seu “labor social” só para os da casa. Pero despois aparecen os recendos nacional-católicos de Polonia, utilizando o conservadorismo relixioso como tapadeira. E, por fin, está o populismo de dereita dos franceses do clan Le Pen, capaces de formular un discurso de dereitos dos individuos, de antisistema, de libertarios defensores do fortín europeo fronte aos invasores.

Esa nova dereita que, segundo os expertos, atopa eco entre a clase obreira e as mulleres, con ser variada, coincide nun motivo central: o ataque ao inmigrante (ou refuxiado, pouco máis ten), a creación de odio na opinión fronte ao estranxeiro, que, ademais, é distinto.

Quitado o caso de Polonia, pouco apoio está a atopar esa corrente no discurso relixioso, singularmente no católico. De maneira moi contundente o papa Francisco, faille fronte: “todos os muros caen, hoxe, mañá, ou dentro de cen anos, pero todos caen. Non é unha solución. O muro non é unha solución. O problema permanece. E permanece con máis odio”

Quizais non está na man dos individuos solucionar todo, pero si hai algo: evitar a extensión do prexuízo, evitar alimentar a propagación dos comentarios xenófobos e alternativamente nutrir unha opinión compasiva, nobre e realista coa nosa propia historia de pobo emigrante. A moral colectiva nutrímola no bar, na perruquería, no posto de traballo. A opinión pública sementámola na parroquia, na ANPA,  ou no sindicato. Non podemos chocar o ovo da serpe nos nosos ambientes. Aí si que vale o da liña vermella.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s