Cobiza e preguiza: a actualidade de certos pecados capitais


O estado europeo no que mais medrou a desigualdade neste tempo da chamada crise financeira foi o Reino de España. Chipre vai por diante, pero dos “importantes”, España leva a medalla de ouro en desigualdade.  Os informes de OXFAM son contundentes, oportunamente escandalosos,  en plena discusión sobre o futuro goberno de Madrid. E, se se desen resultados contemplando diferenzas entre territorios e non só entre individuos , o escándalo aínda sería maior.

Non hai segredos. A liberdade para os capitais, a falta de regulación, a fiscalidade débil, leva ao que leva.  Por iso o 1% da poboación concentra tanta riqueza como o 80%. Por iso 17 das 35 empresas do IBEX non pagan polo imposto de sociedades en España e, en troques, aumentaron nun 44% o número de filiais en paraísos fiscais como as Illas Caimán. Por iso os presidentes das empresas do IBEX cobran de media 158 veces máis ca un empregado normaliño.

A cobiza é o pecado capital do Capital. Era visto. E alguén debería facer algo ao respecto.

Pero os pecados capitais son sete. E hai outro que se chama preguiza.

Resulta insólita en toda a negociación sobre pactos posibles a pobreza de propostas, ben calculadas e estruturadas, por parte dos aspirantes a gobernar. Non só agora, tamén antes, xa durante a campaña electoral. Si que se escoitan cousas que se prometen facer ou implantar; rara vez se di como se van pagar. Os efectos letais da cobiza do Capital non se van poder compensar coa preguiza das alternativas ao PP. Fálase demasiado alegremente de política social. Pero a xente sabe que na vida hai que “facer números”.  E as matemáticas –posiblemente desde a EXB- son a materia pendente dos politólogos de esquerda e líderes diversos. Hai que facer propostas asentadas en números: é unha desgraza, pero é así.

Claro que se pode reconducir esa carreira cara á desigualdade infinita: pero fan falta plans asentados en táboas de cálculo, que expliquen á xente como se financian as medidas, de onde saen os fondos, onde quito e onde recado (a quen quito), e  non só onde incremento gasto. Non é acaso na política social onde parece haber un terreo común entre PSOE e Podemos?  Pois a negociar medidas, coa calculadora e boa pedagoxía.

” Hai escasas propostas políticas, ben calculadas, para combater a crecente desigualdade”

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s