Reproducídevos


Ao ritmo que imos, isto ten moi mala pinta e tampouco parece que esteamos decididos a amañalo. Galicia envellece e despobóase cada día un pouco máis, e non somos quen de pórlle freo.

Reproducirse pasou a ser unha das tarefas máis complicadas e esgotadoras ás que se enfrontan os fértiles. Buscar emprego xa non é doado, pero a procrear parece que so están chamados os individuos máis afortunados e/ou temerarios de cada xeración, e de animarse sempre o fan de forma prudente.

Así que pode que esteamos facendo algo mal, porque se dá o paradoxo de que a situación para ter familia non mellora, tanto sexa por encontrarse desempregado, e polo tanto con inseguridade económica, como por estar empregado, xa que entón o que falla é a dispoñibilidade horaria.

A actual xornada laboral dificulta enormemente traballar e criar a un tempo. E iso significa, entre outras cousas, que as nosas pensións correrán un serio perigo. Por iso teremos que mentalizar a patronal de que a xornada partida xeralizada é inviable socialmente, e que a xornada continua é perfectamente viable en moitos negocios. Que a xornada remate entre as catro e as cinco da tarde non ten que supoñer menos horas de traballo nin menos beneficios, sobre todo cando países máis ricos ca nós a defenden, e non como un froito do seu estado de benestar, senón como estratexia empresarial e produtiva.

É máis, ningún polígono empresarial ou centro de traballo, incluídos os edificios administrativos, de máis de cen empregados debería estar aberto sen escola infantil con pediatra para os fillos dos seus traballadores. Os nenos deben poder estar cerca do traballo dos pais, coas mesmas horas de entrada e saída, e en espazos próximos. E a forma máis rápida e económica de desprazarse debe ser o transporte colectivo, evitando que centos de coches atasquen as entradas e saídas dos polígonos ás mesmas horas. Que miles de coches teñan onde aparcar non significa que nos despracemos máis rapidamente. Non estou falando de nada que sexa materialmente imposible. Se non existe, non é froito da súa imposibilidade, senón da nosa incapacidade.

Por outra banda, para evitar o despoboamento haberá que mentalizar os veciños de cada vila de que a mellor forma de manter os servizos públicos dos que están dotados (centro educativo, médico, social, farmacia, etc.) é desapegarse das casas baleiras e das leiras choídas para ofrecelas en mellorables condicións a todo aquel que queira ser novo veciño da parroquia. E non digo facelo de forma indiscriminada, pero si facelo. Por moito que nos manifestemos, as contas non saen se se despoboan as nosas vilas.  A alternativa será mala: iranse perdendo os servizos públicos antes ou despois. Igual aos alcaldes tampouco lles apetece introducir novos veciños con voto dubidoso, pero terán que mentalizarse tamén, porque antes ou despois agradecerán os servizos públicos que pode ofertar unha vila poboada.

Mentres non se facilite a compatibilidade entre o traballo e a crianza, será imposible inverter a pirámide demográfica. O resto serán parches. E se non enchemos as nosas casas baleiras de persoas que queiran vivir nos nosos pobos, Galicia desaparecerá.

Pedro Pedrouzo Devesa

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s