Anunciabamos no anterior fachineiro unhas recomendacións de películas e libros sobre o modo de actuar do capitalismo depredador e nesa lista ten que estar Inside job, un imprescindible documental do que falamos hai tempo. Unha ollada dura -tamén menos rigorosa- pero con declaracións incribles de persoeiros que calquera persoa informada coñece dánola Capitalismo, unha historia de amor, de Michael Moore (2009).
De hai un lustro é Margin call, unha visión sobre as horas previas á crise de 2008. Xusto o ano anterior estreouse Michael Clayton que amosa como as grandes empresas poden crear, modelar ou ocultar a realidade. Non hai máis que ver o recente caso de ENCE (se tedes á man un irimego de cinco anos, podedes dicirlle que cando cobre a magra pensión que vai ter, esta empresa aínda seguirá contaminando o que quede da ría de Pontevedra).
Como son películas estadounidenses, algunhas teñen final feliz, pero non vos fiedes: o capitalismo non pode telo. Se aínda non vos amargastes abondo, probade con Techo y comida, recente filme de Juan Miguel del Castillo. E para ler temos Economía para o 99% da poboación, un manual de economía para torpes escrito Ha Joon Chan, o autor de 23 cousas que non che contan sobre o capitalismo. Aí quedan os deberes.
A.Q.
O fachineiro do neoliberalismo