Crónica: Festa do Lume 2016


Aínda coas candeas quentes e co bo sabor que deixa esta data sinalada no calendario das irimegas e dos irimegos, damos aquí conta, con esta pequena  crónica, do que foi a Festa do Lume deste ano, que celebramos o 6 de febreiro en Bergondo.

 Asemblea anual

Sen a friaxe doutros invernos e cun Mosteiro de Bergondo restaurado, recollemos benvidas no recendo do café ao pé da lareira. É o momento de vernos, de sentirnos vivos, de saber que superamos algún atranco…, de que estamos alí un ano máis, e ademais facémolo para a asemblea da asociación e a Festa do Lume. Que cousa mellor ca iso?

A xornada comezou logo coa Asemblea Anual de Socios; se ben non houbo ningún cambio importante nos órganos da Asociación, sempre é un momento bo e necesario para mirarse ao espello e tomar o pulso. Tempo de reflexionar coa ollada futura que trae consigo novos retos. A xunta actual seguirá un ano máis e engade unha vogal na zona de Lugo. Comentouse a marcha da Romaxe de 2016 no escenario espectacular do Monte Seixo, co súa “porta do alén” (ver foto). Tamén se aprobou unha suba no prezo anual da revista de 5 euros para equilibrar os gastos e os ingresos que se derivan da súa edición. Josecho Barca, nun traballo conxunto con Alfonso Mascuñana –ausente nesta Festa do Lume polo seu voluntariado en Lesbos, pero moi presente no corazón–, presentou a idea e o deseño do suplemento “Debullando”, que vai neste mesmo número de Irimia por vez primeira e que terá unha periodicidade trimestral e no que se darán contidos claros para profundar e debater sobre algún tema da actualidade.

Mesa de experiencias e debate

Seguiu a interesante mesa redonda baixo o título de “Defensa ecolóxica do territorio” que moderou Lucía Santiago Díaz. Tenra experiencia a de Amaia, veciña de Bergondo, que, tras idas e voltas da vida, apostoupola produción da horta ecolóxica a través de Agreco Galiza, primeiro horta de proximidade, despois derivando cara á especialización en plantas aromáticas.

Contamos coa presenza de Pablo Carro, da Asociación Vaipolorrío, relatando e ilustrando o traballo deste colectivo veciñal diante da situación dun río degradado (o río Gafo), na contorna da Cidade do Lérez, unha situación inaceptable que se combateu con acción voluntaria, organización, constancia. A necesidade de políticas que aposten realmente pola ecoloxía, a concienciación e a micoloxía ampliaron o seu testemuño, así como o relato gráfico dos resultados finais: un espazo fluvial recuperado para uso colectivo.

Tamén de Pontevedra, contamos coa presenza de Antón Masa, Presidente da Asociación pola defensa da Ría, que, loxicamente, centrou o discurso na situación actual –de plena actualidade– na que se atopaPontevedra tras coñecerse aprórroga de 60 anos á fábrica de celulosas. Púxose en evidencia o conglomerado de intereses e mesmo de portas xiratorias no asunto de ENCE. Desacreditouse con cifras o relato oficial dos feitos. E afondouse nas consecuencias de termos unha fábrica de celulosas en Galicia, e non en calquera sitio de Galicia, senón nunha das rías baixas, nun dos mellores bancos marisqueiros da nosa costa.

Pechando esta interesante mesa redonda, contamos coa presenza de Pablo Álvarez, da cooperativa Nosa Enerxía, que presentou un sistema diferente de comercialización enerxética, baseada nun novo concepto: cooperativismo, enerxías de orixe renovable e certificada; unha acción integral contra a economía de carbono, mesmo facilitándolles aos socios o uso compartido de coches eléctricos. Unha aposta, en definitiva, por un modelo de enerxía sustentable e a prezos competitivos.

Ás presentacións seguiu un intenso debate, no que se presentaron cuestións claves en cada un dos temas expostos.

Celebrando con moita esperanza

O xantar compartido, onde se mesturaron as gastronomías caseñas e ecolóxicas dos diferentes lugares, deu para parolar, intercambiar e pasar un bo anaco de amizade e encontro espontáneo. E o xantar deu paso á celebración, lembrando a figura inmensa e entrañable de Pepe Chao, vivo na lembranza de todas e todos os alí presentes. Xaquín Campo Freire dirixiuna, á vez que fixo partícipeo ao grupo, entre textos, testemuños, momentos de agradecemento, de perdón e… luz. Luz das candeas que ambientaron o salón e o corazón de todos.

Coñecedes a Bea de Estrella? Non será aquí onde desvelemos quen é esta muller de voz máxica porque xa falamos dela no Peto, pero diremos que foi un privilexio rematar esta Festa coa súa presenza e con cada un dos temas que interpretou ao finalizar o día. E con esa sensación pracenteira que deixan no corpo os acordes de Bea, pechamos unha xornada familiar e colgamos un “ata o ano vindeiro”.

One comment

  1. Ademais da contestación e os datos que vos mandei sobre Baldo García Romero, fornecidos por un amigo común, co que Baldo colaborou na elaboración de material para a liturxia en galego, mandeivos digo, aparte, un resumen do que din/dimos averiguado sobre Baldo. Gostaríame saber se o recibístedes, pois o meu dominio de este trasto (internet) non é moi sólido.
    Unha aperta.
    F. Nogueira

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s