Voluntariado cos refuxiados na Illa de Lesbos


A situación dos refuxiados que tratan de cruzar desesperadamente o Mediterráneo é a maior chamada de atención ás conciencias solidarias das sociedades occidentais. A pesar da confusión creada, da desconfianza alimentada, dos incidentes diversos… o drama humanitario segue aí. Diversas iniciativas solidarias nacen arredor do lugar de Moria,na Illa de Lesbos, un dos puntos de chegada e rexistro de refuxiados máis colapsado de Europa. Falamos con Alfonso Mascuñana, que marcha a Lesbos como voluntario.

Como é todo este plan dunha viaxe tan especial a un sitio chamado Moria?

Pois é así de simple: marcho pola miña conta a Lesbos.  Tiven que empregar moito tempo en ver que podería facer, onde aterrar, con quen contactar. Todo un cursiño que me terían dado, se fose asociado a algunha organización.Axudáronme algúns contactos de persoas que estaban por alá, por exemplo de Causas Comúns (“Proyecto Muros”), algún blog de xente que estivo e que conta e dá información en páxinas e enlaces de Facebook.

Con que iniciativas contactaches alá?

Por exemplo “Better days for Moria”. Se vas á súa páxina web xa te das idea. Moria é un campo de rexistro,  preto da capital da illa, Myrtiene, onde a xente que atravesou o mar inicia o segundo paso:poder embarcar nun ferry que a leve a Atenas. Moita xente non colle no campo ou non quere. Acampan no contorno.Trátase, polo tanto, dunha iniciativa de base social que se controla desde a colaboración e a participación. Foi algo que medrou de maneira impresionante, pero que segue necesitando máis colaboración, mans e cabezas que garantan a súa vitalidade.

 Actividades lindas nese aspectoson servizos de comedor popular na rúa. Hai unha paxina conmovedora: koinonía cociña (está en grego pero tradúcese ao inglés).

Outro grupo que merece a pena ver a a web é Starfish Foudation, en Molybos. En facebook teñen fotos moi boas. Están cara ao mar e andan niso que vemos máis na tele do rescate e primeiros auxilio.Están ben organizados. Ofrecen traballo se estás cando menos un mes, te inscribes e aceptas recibir formación. Trabállase en quendas de sete horas. Hai traballo para todo o mundo,  creo que incluso para min. Ofrecen un certo apoio como proporcionarche aloxamento algo máis barato, din.

Todo un desafío persoal…

Alfonso nunha foto de arquivo

Falar antes de ir é algo fachendoso. Dáche a impresión de que é unha solidariedade moi internacional,  de moito corazón e de recursos de pinga a pinga. De feito eu non sei que farei. En principio levo tres noites reservadas en Mytilene. Terei un tempo para ver onde quedar. De feito, os grupos e persoas que están ou estiveron din que fai falla unha semana para orientarse. O que supón o contorno de Moria represéntomo máis como a Terra. O contorno de Molybos,  Mar. Esperemos que non falte Lume e Aire…

Lesbos é un lugar estratéxico na peripecia dos refuxiados que entran por mar. Que se fai nese punto?

Efectivamente é un lugar chave. A viaxe cara a un asilo seguro non remata coa entrada en Europa, por máis que a viaxe que remata alí, en Lesbos, perigosa e extenuante,  por mar e en condicións precarias, produza unha sensación provisional de alivio. En realidade e viaxe cara a unha existencia lexítima e segura acaba de comezar. Imaxe dun dos campos da illa de Lesbos

Despois de chegar a Lesbos os refuxiados están mollados, en risco de hipotermia. Tranpórtanos desde a praia ao campo de refuxiados de Moria, onde teñen que agardar varios días para o seu rexistro na Oficina da Axencia Europea de Control de fronteiras (FRONTEX).  Unha vez rexistrados e documentados, poden mercar un billete a Atenas para proseguir. Esa documentación úsase en cada control de fronteiras e resulta vital para a seguridade dos refuxiados e das súas familias.

Este proceso de rexistro en Moria comezou en xullo de 2015. Durante cinco meses apenas puideron ofrecer acubillo a unha manchea de refuxiados da inmensa cantidade que chegaban. Non había comida para distribuír. Varios médicos de ONG colaboraban en temas de saúde. E co inverno, evidentemente, a situación comezou a empeorar. Foi daquela cando voluntarios independentes se uniron para crear un sistema de resposta urxente que garantise un benestar mínimo aos refuxiados.

E en que se concreta?

Por exemplo, Better Days for Moria lanzou o proxecto Campo de Oliveiras (Olive Grove Project) en Novembro pasado. A súa primeira acción foi a distribución de calzado enxoito, roupa, comida. Tamén na identificación de refuxiados que precisasen de maneira urxente atención médica.

A medida que o proxecto medrou, incorporaron un centro de información, unha pequena clínica, un sistema de distribución de comida quente, un área infantil, unha tenda de te, lotes de leña para o lume nocturno, un cuarto de oración e váteres limpos.

Trátase de completar, non substituír a acción pública oficial.

Efectivamente, o proxecto medrou enormemente: Os servizos médicos e roupeiro están abertos as 24 horas e  actualmente fanse centos de revisións médicas ao día e distribúen cerca de 5000 comidas. Pero a idea básica é que eses servizos non substitúen, senón que complementan,  a axuda esencial que dentro do campo é subministrada por ACNUR, a axencia das Nacións Unidas para os refuxiados, e por diversas entidades públicas e ONG consolidadas.

Todos estes proxectos teñen unha base de voluntariado internacional…

Si, son voluntarios e voluntarias de todo o mundo, xente de diferente extracción social cultural e profesional. Na páxina web de Better Daysson moi expresivos neste sentido: “Somos fotógrafos activistas, alfaiates, estudantes universitarios, enfermeiras, hackers  aromaterapeutas….Somos escritores, mecánicos, camareiros, e novelistas sen emprego. Somos cristiáns, musulmáns, xudeus ou nin unha cousa nin a outra

A cousa en común é ir e estar alí colaborando. Chaman por esa colaboración porque o traballo é desbordante. E piden que como mínimo a estadía sexa de dúas semanas. Quérese evitar o turismo solidario, ir para sacarse uns poucos selfies.

Imaxe dun dos campos da illa de Lesbos

Agora Irimia vai ter un representante. Como podemos colaborar?

Pois vou alá en principio por 33 días, polo que non estarei na Festa do Lume, pero seguimos en contacto. Como vedes é unha solidariedade bastante de abaixo arriba,e en boa medida autoorganizada. A colaboración pódese facer tamén economicamente: abrimos unha conta a nome de Alfonso Mascuñana na Caixa rural, para facer achegas solidarias, que, polo que nos din, é a mellor forma de colaborar. O número da conta é:   ES13 3070 0044 5661 6241 4129.

Pois boa viaxe e unha aperta solidaria!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s