Daniel López Muñoz
Noutro trasno destes de antes das eleccións lamentaba que o esforzo de xente honesta e ben intencionada, como o caso do noso benquerido Mini, co apoio dun manifesto de noventa persoas relevantes da cultura e da comunicación en Galicia, non tivese como resultado o logro da lista única galega, con personalidade xurídica propia.
O noso argumento era simple e obxectivo: cunha lectura “non forzada” do regulamento das Cortes, indo na lista doutros non era posible conformar un grupo parlamentario galego. O demais eran andrómenas. Quen puido pensar que se ía “forzar” a letra do regulamento para favorecer a emerxencia dun grupo galego? Con que apoios exactamente?
En realidade, nunca tal grupo houbo. Ou sexa que igual algo melloramos. Houbo grupos cataláns, vascos, canarios. Galegos, non. Os deputados de forzas galegas -non estatais- batéronse bravamente desde o grupo mixto. Pero esta vez había unha oportunidade para que Galicia tivese voz, tempo, orzamento, equipo técnico… Unha boa dotación. Aos números me remito.
E hai xente que di: e para que? Cal é a diferenza? Pois cada día hai casos que ilustran esa diferenza. Non se trata dun “egoísmo de tribo”. Trátase de que un territorio “en devalo demográfico, cultural e económico” se autoorganice e se defenda. Por exemplo, “Hacienda” –que xa sabedes que xa non somos todos, que iso cambiou en Palma- acaba de adiantar parte dos fondos de participación dos concellos nos ingresos do Estado. Pois ben, cos seus criterios de reparto, os euros por habitante son nefastos para os concellos galegos, mesmo para os grandes (ver gráfico). Quen vai defender que mude unha situación que a nós nos prexudica xusto na medida en que beneficia a Barcelona, Madrid, Valencia.
Ou como cambiar un sistema de reparto de cotas de xurelo se o prexuízo causado aquí é vantaxe para outros con máis influencia. Ou un sistema de determinación do prezo final de recollida do leite que só se volve letal no territorio galego, como por ensalmo, mentres que noutros territorios un produto de menor calidade se paga mellor?
Non se trata privilexios. Trátase de igualdade. Porque a aqueles territorios que lles vai mellor, ou son as “terras do centro” ou son periféricos orgullosos, bravos e ben organizados.
E nós, pois iso, quedamos aí que nin arre nin xo. Daquela maneira.
Tan sinxelo e tan difícil de comprender. Cando falo con algún familiar ancián sobre as conversas que teñen no club de xubilados do pobo síntome trasportado a un mundo ¨máxico”, por diclo con tenrura. Circulan creenzas “milagrosas” sobre temas de actualidade, tan inverosímiles coma as que conta o propietario fundador da inversión-negocio da capela e romería da Saleta (Silleda) pola metade do XIX. Se tedes alguén coñecido de esta vila que poida facilitárvolas crédeme que son un encanto. As monxas que o gardan e rixen o Colexio téñeno seguro, así como algún que outro profesor ou ex-profesor do mesmo.
Pois ben, moitos dos nosos xubilados/as siguen mentalmente naquel tempo, dito sexa sen ánimo de burla nin rebaixe, pasaron de creer naqueles milagros fantástico-caseiros a creer en outros actuais non menos fantásticos que aqueles, inda que menos caseiros. En realidade son o mesmo, pero adaptado ó tempo actual.