SAN PAULO DE CATABOIS, ESA PARROQUIA DE CHAO DA QUE NUNCA SE FALA.


NIEVES ESPIÑEIRA MEDÍN

Entrevista a Xaquín Campo Freire

Se frecuentades Romaxes e Festas do Lume coñecedes, seguro, a Xaquín, cura galeguista, irimego de vello, escritor, ATS, diplomado en xerontoloxía social en Madrid e licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria en Roma. Co gallo do pasamento de Pepe Chao, parolamos con el.Hai poucos días deixounos D. Xosé Chao Rego, Pepe. Ti pasaches moita da túa vida moi próximo a el. Sempre falas del con gratitude e entusiasmo.

Eu de Pepe Chao só podo ser agradecido. Desde 1955, sen ser eu un dos seus “escollidos” si que fun sempre un dos “achegados”. Nós somos unha diocese pequena, un seminario pequeno. Pero tivemos catro ou cinco figuras fóra de serie: Chao, Cuco, Gabriel, Porta, García Amor, etc. Non debemos esquecer a sorte que tivemos con dous bispos: Argaya e Araújo. Se non te “achegas” aos “mestres” de vida e esperanza, perdes as poucas oportunidades que tes de formarte en serio. Sempre me seduciu a súa creatividade, o saber rexurdir dos contratempos saíndo sempre cara adiante. Aprender que vale máis acender luces qu perder o tempo en maldicir as tebras. Eu a Chao débolle formación, estudo serio, espiritualidade, amor á vida, crer nas persoas, non ser nunca rancoroso, ser respectuoso, apaixonarse pola verdade, pola bondade esencial, pola beleza da vida e do cosmos. A vida vale a pena se nós facemos que valla a pena no tempo que che toca vivir. Se deixas detrás de ti amor, bondade esencial, verdade e beleza no ser e no actuar. No compromiso vital. Iso é vida.

Cando eu cheguei a Catabois oín falar moito de D. José. Gardaban del, coma ti, unha memoria moi agradecida.

San Paulo de Catabois é unha das etapas silenciadas e tamén S. Mateu. O bispo Argaya tomou en serio a Ferrol e a súa problemática social, humana, económica, obreira, militar, migrante de acollida do rural e tamén cara a fóra. A presenza da Igrexa estaba moi reducida ao culto e ao caritativo. Pero el soñaba cunha transformación total. Necesitaba unha presenza distinta nesta bisbarra de Ferrolterra.

Pero tiña un clero moi ruralizado, pouco dominio do mundo urbanita, con reparos e medos do mundo obreiro como clase e das mesmas persoas destes ambientes. Por iso creou novas parroquias e foi metendo en Ferrol curas novos, con inquedanzas pastorais e entrega seria e con formación axeitada. E Pepe Chao veu a Ferrol para abrir camiños novos. Estaba nomeado para O Rosario. Pero o Párroco anterior tiña o dereito a elixir entre a parroquia matriz, Santa Mariña do Vilar, ou a nova. E escolleu o Ensanche, totalmente urbanizada, nas contornas do Estadio do Club Ferrol. E contra dos plans Pepe tivo de ir para Santa Mariña: Tres estradas de paso. O resto eran corredoiras, camiños e carreiros. A poboación principalmente advenediza. Logo había unha barriada de casas baratas da Obra Sindical do Fogar “As sindicais de Catabois”. Foran adxudicadas sen servizos socias ningún. Sen bierarrúas. A luz fallaba moito por non teren transformador apropiado. A auga, grazas a dúas fontes que había alí ao lado. Nun estudo sociolóxico serio contabilizaban 850 nenos en idade escolar. Sen escolas, nin médicos. Nada. Xente chegada de diversos orixes sen convivencia comunal previa. Moi boa xente. Pobres. Moi pobres en xeral. Empezaron a xurdir as “pandillas” de mozos e adolescentes. Eles mesmos se denominaron: “Sindicales: La Ciudad sin ley”, tomado dunha película da época.

Como apousou aquí Pepe Chao?

Como non había casa parroquial veu vivir unha tempadiña aquí para facerse ben coa xente e coñecer as familias na súa verdadeira realidade. Conseguiu un local social, un multiusos, misas de domingo incluídas. Aquí conformouse o Pepe Chao que logo fomos coñecendo. A pobreza, metida na súa casa e na vida, xa non sería para el un discurso teórico. Foi carne da súa carne. Encarnouse nel e el nela. Entendeu desde aquí todas as pobrezas do mundo. Tentou acender luces creando condicións de posibilidade. Abriu os corazóns da xente á solidariedade e á loita pola xustiza. O pobo empezaba a cambiar. Pero o pobo cambiouno a el.

Que queres dicir con que el tamén mudou?

Póñoche algún exemplo: adoitaba visitar enfermos a cotío e acompañaba nas horas da enfermidade e da morte. As casas eran tan pequenas que non collía nin unha cadeira. D. Xosé, pequeno e delgado, adoitaba sentar na beira da cama, collendo a man do doente. Quería transmitir neses intres vitais que non lle facía ascos. Consolaba. Emocionábase con cada un que se ía. Doíanlle. Xa eran dos seus. Como di o Principiño: Xa se deixara “domesticar” por eles. Xa o meteran na casa, na “domus”. Xa se crearan lazos.

Aquela muller aínda nova sabía ben que estaba nas últimas. —“D. Xosé: Pídolle un favor. A min fáltanme poucas horas e voume cunha pena moi grande. Que vai ser deste meu filliño. Míreme por el.

Prométoche que cando faltes recollereino para a miña casa comigo. Aos dous días desde o cemiterio o neno xa foi con Pepe. Todos o coñeceron sempre como “O fillo do cura”, sabendo moi ben o que dicían. Todos axudaron no proceso educativo daquela crianza, que pasou a ser un pouco irmán de todos. Hoxe é un home con dona e fillos.

Pensas logo que Pepe Chao non sería Pepe Chao se non estivese nesta parroquia?

Seguro que non. Deus escribe recto con regos torcidos. As circunstancias axudan a conformar as persoas. Pepe influíu en infinidade de homes e mulleres. Escribiu libros, estudou moitísimo millenta de realidades. Pero a D. Xosé fíxoo a vida de Santa Mariña, S. Mateu, e As Sindicais. Aquí viviu de bocadillo eu diría que anos enteiros e sei ben o que digo porque o compartín con el. Estou seguro. Sería outro home. En S. Paulo precisaban un cura con dedicación plena e a tempo completo, cousa que fixo excelentemente ben Antonio Martínez Aneiros. Logo seguimos unha saga xeitosa de cregos. Hoxe está Alfonso Gil. Pero esta experiencia que xa moi poucos coñecemos de pertiño, merecería poñela no seu haber con letras grandes, relatala polo miúdo e de completo, con testemuñas, antes de que desaparezamos os poucos que temos aínda a memoria viva, por exemplo nunha daquelas “Angueiras” monográficas de antes.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais, Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s