NA HUMANA FRAXILIDADE


Manuel Regal Ledo

Esta mañá é cálida, mesmo excesivamente cálida para a época do ano na que estamos. Emporiso, as súas agarimosas bafaradas non chegan para agachar a sensación de fraxilidade que cobre o meu ser despois de me asomar ao que o día, coa súa fidelidade vital, nos propón.

O meu corpo anda algo frouxo por mor dunha catarreira que me entorpece os músculos e me leva a falar con rouco son. Mal menor en todo caso.

Achégome á vila e fálanme da morte dun home novo, alcohólico, operado de cancro, que nin dera superado esta enfermidade nin a súa afección por calmar coa bebida as dores e frustracións que a precederan e acompañaran. A familia queda ferida, envolta nunha fraxilidade tal que, se Deus e nós, por mandato del, non o remediamos, moi probablemente as calamidades se sucedan. Este xa non é mal nada menor.

A casualidade fíxome bater con outra persoa con tratamento psiquiátrico ao lombo; unha máis desas que vou coñecendo no rural –supoño que nos medios urbanos pasará máis ou menos o mesmo—, que se desesperan considerándose vítimas de todo tipo de murmuracións, desconsideracións, atropelos (e algúns haberá, supoño), para as que erguerse cada mañá, dispoñerse ao traballo e á vida supón unha insuperable tarefa; para as que vivir é basicamente amargura e sufrimento, sen poder gozar da inmensidade de cousas boas, fermosas que teñen ao alcance das mans. Este tampouco non é un mal nada menor.

Consólame abrir o ordenador e ver e escoitar o vídeo NÓS, co que a candidatura galega propaga a súa aposta de Patria e País. Precioso vídeo –o rostro de Mini vale un mundo de tenruras e fidelidades– que me deixa un pouso triste, pensando –oxalá me engane— que poida que sexa unha emocionante voz non escoitada.

Consólame o anuncio do Nadal inmediato, co seu xogo de tenruras e miudezas, de fraxilidades e silencios, de poderíos fortes agochados en sinxelezas. Deus feito neno. Neno, nena, feita Deus. A apetéceme presentar esta fraxilidade humana, persoal e colectiva, da que Charo Rego falaba con tanta emoción, como ofrenda de Nadal.

E que a barafunda do reconto dos votos non silencie o clamor da vida que soña ser en historias ignoradas de pobos ignorados. Feliz Nadal.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón), Uncategorized. Ligazón permanente.

One Response to NA HUMANA FRAXILIDADE

  1. O mundo chamado rural é un grande descoñecido e esquencido. E, ademais, garda moi ben os segredos.
    Sobre o que vos dixen de D. Marcial, cura que foi de Gresande (Lalín) dame un amigo ex-sacerdote algunha feb re pista: que Sabino, cura da Portela (en Rodeiro, cerca de San Xoán de Camba e do Salto), podería saber algo. O que si se interesaría sería Aniceto Iglesias García, cura de Rodeiro, que participaba nas Romaxes, pero desgraciadamente faleceu fai algúns anos.
    Se escribides en internet Sociedade de Agricultores de Gresande, ademais dunha fotografía, podedes leer algo sobre o apoio de varios curas ás revindicacións agrarias. Non sei dende cando D. Marcial exercía nesa parroquia pero a tal Sociedade durou ata o Movemento e constituía o centro dinamizador do contorno.
    A memoria popular conta del varias anécdotas, como aquela de certo día un grupo, algo achispado, foi cunha baloira por un ventanuco da igrexa e guindou un santo do retablo, que se esnaquizou completamente. Pois aínda con eso D. Marcial non se alporizou. .
    Cando vaia polo Deza tratarei de averiguar mais.
    Unha aperta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s