Europa, terra de acollida???


José A. Martínez

Aproveitando a presentación de Europa, terra de acollida???, o Documento da Paz que presenta no 2016 a Coordinadora de Crentes Galeg@s, conversamos con Miguel Fernández Blanco, representante do Foro Galego de Inmigración e responsable do CTC de Cáritas Interparroquial de Santiago.

Mesma humanidade, mesmos dereitos”, é o lema que empregades para conmemorar o Día Mundial das persoas migrantes. As migracións son froito da falta de dereitos?

Si, dende o Foro incidimos cada vez máis no tema da defensa dos dereitos. O primeiro dereito que se conculca é o de vivir na propia terra. As políticas liberais do capitalismo provocan pobreza para unha parte importante da Humanidade. Logo, o dereito a circulación das persoas, recollida por certo na Declaración Universal da ONU. No caso actual dos refuxiados en Europa ráchase co dereito ao asilo para as persoas que foxen de países en guerra, ou perseguidos por cuestións político-relixiosas.

Amosades que hai dereitos dos que se están a privar no noso país ás persoas migrantes.

No contexto no que nos atopamos, unha primeira exclusión fundamental é o dereito ao voto. De feito, na campaña electoral que vimos de rematar o tema da inmigración estivo absolutamente ausente, a ninguén interesou. Unha vez que están aquí, un primeiro dereito fundamental do que se ven excluídos é o de se atopar nunha situación de regularidade administrativa, son “sen papeis”, que en teoría non existen. Pero existen, porque sofren os valos con arames, a persecución policial, por unha mera falta administrativa; a posibilidade do internamento nos CIE; a deportación forzosa, case sempre de forma violenta. Así, tampouco poden acceder a dereitos sociais básicos (axudas sociais, RISGA), tampouco non poden traballar de forma regular, etc. A exclusión sanitaria implantada polo último goberno do PP é o exemplo máis significativo desta eliminación de dereitos fundamentais. Agora mesmo, para os que se atopan en situación de regularidade administrativa, temos novos atrancos, como os discriminatorios informes de integración para renovar a documentación ou as probas de españolidade e as abusivas taxas implantadas para os que aspiran á nacionalidade española. O racismo, non só o “gran” racismo dos grupos de extrema dereita -que é certamente preocupante nalgúns países europeos- senón tamén os pequenos racismos cotiáns, presentes nas olladas diferenciadas, nos salarios abusivos, nas vivendas que non se alugan, nos nenos e nenas que se adscriben a cursos inferiores, etc.

As persoas migrantes preséntansenos coma “ilegais, sen papeis”, especialmente nos medios de comunicación de masas. Por que credes que non se consegue mudar este tipo de linguaxe?

Creo que ten que ver coa propia intencionalidade de indicar que estas persoas máis que vítimas dunha situación de inxustiza, son responsables da súa propia situación por non vir cos papeis en regra. Esa identificación permite considerar a estas persoas como suxeitos (obxectos), en todo caso, da nosa “caridade” e non como persoas con dereitos. Logo, nos medios, a inmediatez leva a empregar este tipo de cualificativos. Pero fagamos pedagoxía: non hai persoais ilegais ou sen papeis, hai situación temporais de irregularidade administrativa.

Non vos limitades a presentar reflexións teóricas, senón que lanzades unha serie de demandas concretas.

Efectivamente. Respecto ao dereito á libre circulación das persoas, dicimos non a FRONTEX e os seus labores de vixilancia e represión. Denunciamos a externalización da xestión das nosas fronteiras. Esiximos rutas seguras, con medidas concretas e urxentes de acceso legal e seguro ao Estado Español.

Respecto aos dereitos humanos para as persoas migrantes residentes no Estado Español e en Galicia, reclamamos a derrogación da actual Lei de Estranxeiría, un proceso de regularización para as persoas residentes sen trabas administrativas así como que as autorizacións de residencia deixen de estar condicionadas pola necesidade de ter un contrato de traballo. Tamén, o recoñecemento do dereito de voto, o restablecemento da sanidade pública, gratuíta e universal e a derrogación da reforma laboral que precarizou aínda máis os traballos das persoas migrantes.

Finalmente tamén debe acabarse co forte sistema represivo que pretende tamén amedrentar este colectivo (valos da fronteira sur, redadas racistas, detencións, ordes de expulsión, internamento en CIE, deportacións,..)

Xa van 13 anos da creación do Foro Galego de Inmigración. Neste contexto de recortes de dereitos e de reforzamento do aparato represivo contra as persoas migrantes, cal é a importancia dun Foro coma este?

En primeiro lugar tentamos agrupar o colectivo para servirmos de lugar de análise e intercambio de propostas e actuacións e, finalmente, fomos optando por unha defensa forte dos dereitos deste colectivo e pola denuncia da violación destes dereitos. Tentar representar un colectivo pequeno, disperso e diferenciado foi sempre un dos obxectivos principais. Penso que fomos quen de facer visible esta realidade en Galicia

A Coordinadora de Crentes Galeg@s invítanos a reflexionar este ano sobre as persoas migrantes. Que pode achegar a Igrexa neste eido?

Creo que xa está achegar cousas importantes. No propio Foro Galego tiveron e teñen presenza organizacións de Igrexa; redes estatais de loita polos dereitos migrantes que impulsan parroquias como a de Entrevías en Madrid; etc. Logo esta o labor asistencial que fan moitas entidades de Igrexa. O problema é sempre a denuncia: non vale só con actuar e axudar ás persoas, hai que denunciar as situacións de inxustiza flagrante. Un exemplo concreto: hai que pedir a demisión dun ministro do interior, (non queda outra) se a policía dispara sobre persoas indefensas no mar, como pasou en Ceuta en febreiro do 2014. Este paso segue a custar moito dalo, e os posicionamentos quedan así moitas veces reducidos a mera retórica. A Igrexa neste caso concreto debía ser unha voz clara e contundente contra as lexislacións que violan dereitos e contra a lamentable inacción na cuestión das persoas refuxiadas no Estado Español e no resto da UE.

Preséntase 9 propostas concretas para a acción da Igrexa. O Papa Francisco foi moi claro no deber de actuar de todas as cristiás, partindo de accións concretas para cada comunidade e diocese. Como valorades o traballo feito polas dioceses galegas?

As dioceses galegas basicamente ofreceron a súa colaboracións e puxeron a disposición recursos, sobre todo habitacionais, dos que dispuñan. Houbo iniciativa de grupos de crentes, como o que menciona o Documento dunha parroquia de Compostela, máis interesantes e concretas. Eu insisto, a voz clara e contundente contra a lamentable situación de inacción na que estamos neste tema, axigantada polo período electoral vivido no Estado Español, é o traballo fundamental que debía facer a Igrexa.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s