Eleccións xerais: aritmértica, física, química… e estados de ánimo


Estas foron unha eleccións xerais, e, por suposto, admiten as dúas lecturas: a de ámbito xeral, estatal e a lectura do acontecido en Galicia.

En canto á gobernación do Estado, a raíz das eleccións falouse moito estes días da aritmética electoral. Cantos apoios fan falta para que saia elixido un presidente en primeira e segunda volta, por exemplo. E, aplicado aos resultados: se Pedro Sánchez se absterá ou non en segunda volta para que Rajoy sexa presidente. Ou se Podemos facilitará a presidencia de Sánchez, que necesitaría outros apoios extras e non moi doados.

A aritmética é relativamente sinxela e obxectiva. O que pasa é que, nisto da política, conta tamén a física e a química. Aí os cálculos son infinitamente máis complicados.

Efectivamente, na física electoral interveñen os cálculos sobre os espazos, os vectores forza de futuro, os equilibrios dinámicos en situación de inestabilidade e a ameaza constante e temible da lei de gravidade: esa que di que se perdes pé, caes máis rápido do que no seu momento subiches grazas á impredicible variación da presión e temperatura provocada polos medios de comunicación. Nese cálculo están: Pedro pregúntase, cantos votos se lle marcharán cara a Pablo se fai posible a presidencia de Mariano. Albert pregúntase algo parecido, pero máis ben mira cara ao baleiro que ten debaixo dos pés. Pablo pon liñas vermellas pouco aceptables para Pedro, quizais porque alguén lle di que o seu vector apunta cara arriba na medida en que non asume responsabilidades de goberno. Os laboratorios están hiperactivos.

E despois, está a química: pasada a confrontación electoral, con certo nivel de ofensa e provocación incluídos, como é habitual, debería chegar o momento da negociación, do pacto… E entramos na fase na que a química conta. Unha química necesaria, pero que presupón a intelixencia: moitos dos votos cambiantes, emerxentes, disputados, son votos con mensaxe: a xente que non votou PP está farta, sobre todo, de corrupción, desigualdade e dogmatismo. Eses deberían ser tres piares para un posible pacto, para un posibilismo de esquerda, para un pacto de emerxencia, non de máximos, senón de acordos mínimos: a exemplaridade na xestión e nas actitudes dos responsables da cousa pública, no seu respecto ao dereito, ao servizo público e á xustiza elemental; a xestión da saída da crise acurtando as desigualdades entre persoas e territorios e non incrementándoas, para o que é determinante unha revisión radical da fiscalidade e das súas fraudes, SICAV e descontrois; e a apertura dun debate, desdramatizado, adulto, “desmilitarizado”, sobre a pluralidade nacional do Estado e as súas consecuencias, sobre a reforma da Lei electoral ou sobre a independencia da Xustiza. Procurando o que une, marcando obxectivos compartidos e realistas, con luz e taquígrafos. Non deixando de facer o posible por esixir o inviable.

A fragmentación das Cortes –concretamente do Congreso, xa que no Senado a maioría segue no PP- non ten por que ser unha ameaza. Pode ser unha oportunidade para esa nova cultura política. Pero os cálculos da “física electoral” poden facerlle moito dano a esa posibilidade. Contra os laboratorios, insistimos, só cabe a transparencia: a xente ten que saber que se coce.

En Galicia cheira a cambio de ciclo. Agora si. E grazas á Marea. A caída do PP é impresionante, especialmente, de manterse así, nos seus posibles efectos, porque existe unha identificación moi grande no corpo electoral entre Rajoy e Feijoo: non hai físgoas, non se fan grandes diferenzas. Tamén Alberto está facendo números. Quizais, agora si tratará de marcar distancias. Ou de preparar por fin o salto á política “en serio”: a da capital do Reino. Hai que ir atrás: en 2005, con 756,562 votos, o PP non puido gobernar. Agora, aínda que se trate dunhas eleccións diferentes –aquelas galegas, estas xerais-, o total de votos dos populares foi de 605,178. En Marea, PSdeG-PSOE e BNG asociados subirían do 50% dos apoios.

A presenza de Galicia no Congreso é unha cuestión debatida. En Marea, a enxeñeira do cambio, ten grupo parlamentario propio e está chamada a exercer como a voz da identidade e do interese lexítimo de Galicia nas Cortes xerais. A composición interna do grupo é unha cuestión complexa de xestionar e será nos casos concretos onde se apreciará que prevalece na práctica.

Non era o momento de Nós-Candidatura Galega, a pesar dunha campaña meritoria e dunha calidade sobresaliente –por exemplo nos vídeos realizados. A Marea tiña moita forza e tocoulles pagar os desencontros que imposibilitaron a unidade. Son moitas as voces –ás que nos unimos- que lamentan ese resultado. No imaxinario dos votantes potenciais está aínda a asemblea de Amio e a sospeita de que, a pesar dos esforzos indubidables e honestos de Vence e de candidatos da talla moral de Mini, hai -niso que se dá en chamar o “aparato”- un espazo escuro de interese en que a división, mesmo táctica ou electoral, se manteña invariable, un cuestionable irredentismo cara ao destino final, que non parece precisamente o máis desexable. Pero como todo na historia, hase saber.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s