Folgos micropolíticos para o aninovo


Daniel López Muñoz

Como levamos unha fartura de macropolítica que nin diola procede unha cura de xaxún, desas de desintoxicación, para volver a mirada ao que depende directamente de cada un de nós. Fagamos, para o ano novo, un apelo e un brinde a prol da micropolítica, diso que nin o nome de política merece, a pesar de ser o máis real que nos pasa e de ter efectos políticos indubidables (por máis que non se saiba, con certeza, a que prazo).

Un brinde polos que viven con nós, que merecen o acougo e a dedicación prometidas, unha preocupación despreocupada, reparadora e liberadora, sen chantaxe emocional, sen contraprestacións regradas. Por eses e esas con quen non nos vale “posar”, senón ser.

Un brinde polas persoas amigas e veciñas e a rede toda que nos sostén. Porque é ben certo iso que se di, de que máis vale perder o tempo cos amigos que perder os amigos co tempo.

Un brinde por esas grandes ou pequenas causas xustas e solidarias que apoiamos e que, sen notalo, son elas as que nos sosteñen a nós. Para que a nosa pinga non se derrame na lagoa escura do desánimo senón nun mar de grazas, como dicía a Romaxe aquela da Aguiño.

Un brinde por esta lingua brava, con raíz e popular – no bo sentido da palabra-, á que coidamos coas vitaminas da nosa palabra e as proteínas da nosa personalidade, en calquera contexto e situación, con humor resistente, que é a mellor vacina contra a esmagadora normalidade.

Un brinde pola natureza próxima que nos acolle, tan galega ela, tan maltratadiña e, con todo, tamén, tan resistente e prometedora. Por ese areal, pola fonte do barrio, polo monte amarelo de codesos e violeta de uces, pola maceira que enxertamos, as abellas que criaremos, o souto que repoboamos. Como actos de fe. Polo noso anaquiño de planeta, ese do que nos facemos responsables ou corresponsables. E polo lixo que separamos na casa, plástico por aquí, vidro por alá… a pesar do que vemos nos recipientes do lixo.

E un brinde e folgos mil pola nosa ecoloxía interior, na que podemos gobernar por maioría absoluta. Por esa capacidade asombrosa de comezar cada día de cero, sentíndonos reconciliados, por sabermos que sendo únicos non somos, por fortuna, tan importantes, e os nosos fallos son como os graíños de sal desa rica e agradecida ensalada multicolor que é a nosa vida.

Un brinde e moitos benditos folgos para 2016.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

One Response to Folgos micropolíticos para o aninovo

  1. gelen di:

    totalmente dacordo! encántame cando Irimia respira tanta positividade! SEMPRE son tempos de Esperanza
    Grazas!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s