Cristalización política


Carlos Vázquez G.

Este ano que remata foi o da cristalización política dos sentimentos de indignación e das ideas e aspiracións de cambio que rebulían nas entrañas da sociedade española. Sentimentos e ideas sintetizadas en dous berros que se fixeron oír en todos os recantos do país: “Non nos representan” e “Si se pode”.

Non nos representan” non quería describir unha situación política formal de baleiro de poder ou de representación democrática, senón que expresaba un sentimento de indignación polo fracaso dos representantes e pola usurpación e deturpación da vontade real dos formalmente representados. Víñase denunciar que os dirixentes políticos pasaron de representar a cidadanía a substituíla ou suplantala, aproveitando, e mesmo estimulando, a circunstancia do desleixo e abandono da participación e da mobilización políticas da maioría dos cidadáns, que, pasados os anos da transición, lles foron endosando aos profesionais da política todo o seu exercicio. “Non nos representan” significa a volta da cidadanía ao interese por e ao debate e á participación na política, e mesmo electoral, constituíndo este regreso a clave do arco da cristalización política da indignación social e das aspiracións de cambio. A lección é clara: ou a cidadanía mantén a súa mobilización e participación ou inexorablemente será substituída e suplantada, sexan quen sexan os representantes. E isto, que xa sucedeu, pode volver a pasar.

O “Si se pode”, que encabezou as protestas e reivindicacións do 15M, de canta marea social se produciu ou de todas as loitas contra estafas e desafiuzamentos perpetrados polos bancos, non é máis que a elemental reivindicación da vontade política de facer as cousas ben, con xustiza e con equidade, e da eficacia que debe ter esa vontade política. Calquera político honesto e intelixente debería sentirse arroupado e apoiado por esta reivindicación cidadá, sobre todo se temos en conta que a gran batalla pola hexemonía, a escala global e local, líbrase hoxe (ou debería librarse) entre a política e a economía, é dicir, entre os políticos, que representan a cidadanía, e os representantes dos mercados financeiros. Se os nosos representantes rexeitan ou debilitan o poder da política, cabe preguntarse de qué lado están e a quen serven en realidade. Tamén “Si se pode” tivo o seu efecto e basta ver as cousas que fixeron, neste último ano, os mesmos que antes dicían que non se podían facer. Iso si, baixo a forte presión cidadán. Sempre eficaz.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s