Pepe e o soño de tres xeracións


Josecho de la Torre

O petoAló polo mes de xullo do pasado ano, Pepe Chao era homenaxeado na súa Vilalba natal polos membros de Xermolos e a Irmandade Manuel María. Foi a última vez que algúns vimos a Pepe Chao, no Paseo dos Soños do Muíño do Rañego, nas beira do río Madalena.

Cunha boa presenza da familia irimega diante do noveno Hectómetro Literario dedicado a el, alguén dos participantes reparou en que alí estaban presentes tres xeracións de irimegos. Tres xeracións e un soño. Pepe foi un home que, renunciando a unha carreira persoal brillante, soñou e logrou estender o seu soño ata hoxe. Nesas dúas máximas que Xabi Blanco, bo coñecedor da súa figura e gran amigo, adoita subliñar repetidas veces cando se refire a el, afincou o soño: a fe e a galeguidade. Foi unha grandes figuras no eido da teoloxía e a antropoloxía, pero, sobre todo, unha persoa enxeñosa e impulsora, desas que, por desgraza, escasean hoxe. De aí os seus impulsos nas súas parroquias, que o recordan de forma especial; en Encrucillada e Irimia; nas revistas e na Romaxe. Helena Villar Janeiro lembra que para preparar a I Romaxe Pepe abriu a porta da “Chouzana”, a casa que tiña en Vilalba. Como homenaxe a ese momento, escribiu este poema publicado no libro “A Romaxe de Crentes Galegos na voz de A Quenlla”:

A casa da Chouzana, igual que na pasaxe de Emaús, ía eu cara a Chouzana cun Xesús escondido en solemnes roupaxes e pregos de artificio. Alí Pepe espurgábamo da metáfora escura e tomaba o sentido que perdera nos libros alterados. Eu sentíao entre nós, que viña presidir a mesa da palabra nunha liturxia viva en fraternal convivio falando a nosa lingua, sentindo a nosa chuvia, a calor ou o frío. Tamén estaba no verdor dos nabos ou no esplendor do trigo, na caída das follas e no espido. Dicía un “ecce mulier” tremecente e contaba comigo para ir falar da nova ao pedregal de Irimia, nacencia do pai Miño e devolver aos crentes a frescura do rito. A casa da Chouzana, o mesmo que Emaús, é lugar bíblico.

Moitos participantes na primeira Romaxe, recollen na memoria persoal e colectiva a vivencia de cada unha das Romaxes, dende o Pedregal de Irimia a Punta Couso, en Aguiño, seguindo pola Lagoa de Castiñeiras… E así un camiño de case corenta anos que Pepe, xunto a outra boa xente, impulsou. Case nada. Tamén estaba a pegada na revista Irimia; un trae á cabeza aquela sección na que facía crónica xenial da actualidade en verso, algo á altura de moi poucos; algo que presenciaba a Festa do Lume coa súa participación. Tiña un sentido do humor fabuloso e contaxioso; creaba iso que se di agora do bo rollo, pero do verdadeiro. A súa presenza era única, inédita. Pepe Chao Rego si é daqueles que Bertolt Brecht definiu como imprescindibles, que loitan toda a vida. Dende outra xeración, tan afastada como achegada, da man de Irimia, vaia o agradecemento de todos nós. Ata sempre.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón). Ligazón permanente.

4 Responses to Pepe e o soño de tres xeracións

  1. Non sei se me repito, pero gostaría que alguén intentara investigar algo sobre un cura chamado Don Marcial, que exerceu de párroco na Parroquia de Gresande (Lalín) non anos anteriores, nos da guerra civil e nos da posguerra. Seguramente non fora un erudito nin destacara intelectualmente, pero mostrou, a dicir dos veciños ( e non solo dos que ían á misa senón dos que estiveron presos varios anos no Lazareto de San Simón), unha conducta valente e intachable, algo dende logo non moi habitual naqueles anos de plomo. Era natural de Camba (Rodeiro), non lembro ben se da parroquia de San Xoán de Camba ou da do Salto (nunha delas está enterrado), e aínda teño escoitado que dunha aldea chamada Ferreiro, Ferreiroa ou algo así.
    Non lembro os apelidos, pero coido que non sería tan dífícil localizalo, pois estudaría no seminario de Lugo antes da guerra, onde sería ordenado, e haberá algunha relación nos arquivos. Pola miña parte tratarei de averiguar algo mais.
    Unha aperta.

    • irimegos di:

      Boas. Se che parece ben publicamos a túa petición, como carta, na revista Irimia e a ver se alguén che sabe responder. Por favor, confírmanos que estás de acordo.

      • Por suposto que estou de acordo, pois sempre me doeu que ninguén se lembre das boas persoas que pasaron facendo o ben polos demais. Na revista A Trabe de ouro (creo que o nº 102) tamén falo del, inda que pouco mais aporto.
        O cura que exercía (ou exerce) en Río-Rodeiro fai dez ou doce anos, participante nas Xuntanzas de Creentes Galegos, podería enterarse de mais datos, pois esta parroquia queda moi próxima a aquela na que naceu D. Marcial. Seguramente o coñezades ben, pero agora non me lembro do seu nome, pero acadareino.
        Unha aperta.
        F. X. Nogueira

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s