Non xogar coas cousas de comer


Daniel López

Que por que son importantes estas eleccións que veñen? Pois vaia, si, disque se vai entrar nun tempo constituínte ou mesmo, se cadra, reconstituínte, coma as vitaminas. Pero ao cabo, as eleccións son importantes polo de sempre: porque non se xoga coas cousas de comer, porque hai cousas demasiado importantes como para deixalas en mans de certas mans, de certos corazóns, de certas cabezas.

Porque hai asuntos chave, prioridades de país que hai que sentilas primeiro e traballalas despois. É dicir, cousas que deben seguir o itinerario que describía Pepe Chao para o decisivo na vida: sentilo na víscera, subilo ao corazón, procesalo estratéxica e friamente na cabeza e baixalo aos pes e mans para facelo realidade.

E velaí, a semana pasada a Xunta actual remite ao Parlamento de Galicia o seu proxecto de reforma da Lei do solo. E pensar iso e na conselleira Mato ao cargo de semellante tarefa, pon os pelos de través. Que loucura! Tamos no de sempre: pode haber xente de calquera partido sobre o que podes ter dúbidas de se senten ou non o País, se lles doe, se o teñen marcado como tarefa nos seus miolos. Pero hai outra xente sobre a que non tes a máis mínima dúbida de que Galicia País, Galicia paisaxe, patrimonio, idiosincrasia, diferenza, lingua, territorio, herdanza, cultura …. interesoulles sempre tanto como a desparasitación das zarigüellas tatexas.

Fai falta un liderado de altura, Galicia esfarélase, hai que coller o mapa e comezar a consensuar unha nova visión do territorio, poñer firme a alcaldes ocorrentes e deputacións machorras, reconstruíndo as redes deturpadas, clasificando e xerarquizando as localidades e asentamentos, asegurando o acceso a servizos, xerarquizando que tipo de servizo en cada tipo de localidade, vertebrando con transporte público e non só privado.

E cómpre tomar o temón dun rural desertizado, onde terras de enorme potencial agrario se está poñendo a eucaliptos dunha maneira descontrolada, perdendo así un potencial produtivo que levou séculos conseguir. Hai que ordenar os usos do solo do 95% do territorio galego que é rural. E cando digo usos do solo non me refiro a facer footing polo paseo marítimo.

É que dan medo. Por iso son importantes estas eleccións. Para que esas cousas as fagan as persoas que senten o País. E para non ter tantos pesadelos.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s