Eleccións: terra, teito e traballo


Necesitamos un cambio. Non dependerá dos resultados destas eleccións xerais, mais o 20D é un bo momento para visualizar un punto de inflexión, comprobar que algo se move.

Estamos inmersos nunha crise económica, social, ambiental, que vai alén das estreitas fronteiras do noso país, do Estado ou da UE. É unha crise global, filla dun sistema económico depredador que só se mantén a costa da explotación do ser humano e do medio natural. O mercado, convertido en ídolo supremo, a propiedade privada como dogma absoluto, a busca do beneficio individual como obxectivo vital, son os principios que guían as nosas sociedades.

Aquí a desigualdade acrecéntase, o traballo precarízase, a corrupción asolaga a nosa clase política, comezando polo partido do goberno. Cunha xustiza politizada, cunha política xudicializada, medra o descontento e a desafección a unha Constitución, que se ben xogou un papel fundamental na Transición, non parece garantir consensos nin presentes nin futuros. E ante esta realidade, as/os candidatos profiren propostas que soan ocas, ao tempo que substitúen o debate político por un espectáculo pueril no prime time televisivo.

E todo pasa no medio dun proceso de recentralización, de reforzo da idea de nación única e reforzo dun aparato estatal ao que se lle queren devolver competencias transferidas. Os que reivindicamos o dereito á diversidade, a posibilidade de formular positiva e agradecidamente un Estado de varias nacións, non podemos baixar a garda.

O papa Francisco, na súa viaxe a África, en concreto en Kenia, propuña un xeito de actuar, de pagar as débedas cos máis pobres: as tres T, é dicir, terra, teito e traballo. “Non é filantropía”, insistía “é unha obriga de todos”. Descoñecedores, aínda, das recomendacións que a Conferencia Episcopal Española vai facer ante estas eleccións xerais, non podemos ter unha perspectiva máis clara que as tres T. Ante a desfeita provocada polo capitalismo, cómpre recuperarmos a persoa, pola no centro do sistema, apostar por recuperar a soberanía. Por moi grande que sexa o reto, sempre comeza por un pequeno paso. E isto pode acontecer o próximo 20 de decembro. Pode que non sirva de moito, mais cómpre asumir a nosa responsabilidade, para poder exercer a nosa soberanía.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial, Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s