Xa nada será igual


Carlos Vázquez G.

A dereita española é a responsable das políticas desenvolvidas para afrontar a crise e o seu principal instrumento foi o Partido Popular. Os resultados destas políticas son evidentes e incontestables: incremento da pobreza crónica e da marxinación social; deterioración substancial dos servizos públicos nun xa cativo estado do benestar; nacemento do chamado “precariado” onde nin o traballo saca da pobreza;

ampliación da desigualdade xerándose máis pobres e máis pobreza e incrementándose os ricos e a riqueza, mentres se castiga e debilita as clases medias; todo iso con perda de dereitos, con restricións nas liberdades públicas e coa conseguinte mingua do exercicio da democracia. A cidadanía sentiuse orfa e indignada. Orfa, porque non se viu representada nin polos partidos do sistema, pregados aos mercados financieiros, impermeables á participación democrática ou directamente corrompidos, nin sequera amparada polas organizacións sindicais, burocratizadas, submisas e cómplices co poder. Indignada, por se ver e se saber vítima dunha crise allea, dos presuntos remedios para superala e do fracaso evidente dos instrumentos de representación e de defensa dos intereses xerais. Desde o desamparo e a indignación a cidadanía mobilízase por si mesma, organízase, planta cara, pacífica e civicamente, ás políticas e aos políticos e pon en cuestión o mesmo modelo político, apelando aos valores e principios democráticos. A presión é tanta e resulta tan eficaz que, precisamente neste ano electoral, cristaliza en novas formacións e plataformas políticas con capacidade para disputar o poder e abrir a posibilidade dun cambio político e dunha profunda reforma institucional.

Esta gran mobilización cidadá afectou, e moito, aos vellos partidos do sistema que pasaron do desprezo das mobilizacións á asunción de boa parte das propostas cívicas que, ata hai media hora, consideraban imposibles e ao recoñecemento explícito de que xa nada será igual tras o 20-D. Alarmados, tratan a marchas forzadas de recompoñer a figura para non abandonar a cadeira do mando e a fe que teñen posibilidades de conseguilo. Se se materializan os anuncios demoscópicos é posible que o PP e Ciudadanos formen goberno derrotando á vella e nova esquerda dividida e impotente, frustrando así as aspiracións daquela cidadanía mobilizada. É posible pero, aínda así, xa nada será igual e os cambios poderán tardar algo máis pero serán ineludibles se a mobilización non remite.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s