Daniel López Muñoz
Nun dos institutos de ensino medio que frecuentaron os meus rapaces, era unha práctica habitual que os alumnos – ben, acepto, determinados alumnos e alumnas- enchesen os váteres de papel, cartón e outros materiais, coa graciosa intención de atoalos e inutilizalos. Tamén romperon, á mantenta, o ascensor para o acceso dos discapacitados. Si, literalmente roto. En xeral, todo o rompible acababa rompido, a moi curto prazo: cadeiras, papeleiras, mobiliario exterior. Todo. Coma un fado, un destino indefectible. Aceptado con resignación pola chamada comunidade educativa.
A corrección do discurso democrático-liberal-laico-progresista, mantíñase no profesorado: a paz no día da paz,a muller o día da muller, e as letras na semana das letras. E sobre todo o dos dereitos do neno e da nena. Dereitos que nunca falten. Pero internamente a toalla da intervención educativa estaba bastante tirada. E a rendición tamén tiña o seu discurso: educa o medio, educa e familia, educa a televisión e o videoxogo e, sobre todo, educa o grande hipermercado global da publicidade invasiva e do desexo, variado e sobreestimulado, que cómpre satisfacer sen dilación. Aí se moldea “a cidadanía” que o Mercado precisa. Así se fan fillos monstro que ninguén quere ter.
Si, non lles faltaba razóns para desesperar. É duro confrontar o fascismo da satisfacción inmediata, como escribiu o xenial Rafael Argullol, nun artigo impagable de 2006. Esa confusión do desexo co dereito: teño dereito ao o que me apetece…e xa! Reivindicación de dereitos sen deberes. É o sacrificio, no altar liberal, de calquera principio sagrado, mesmo do sagrado irrenunciable: que o “nós” prevaleza sobre o “eu”. E por veces hai unha esquerda líquida que entrou por aí.
A BBC difundiu nas redes recentemente que os escolares xaponeses varren, fregan e limpan os baños das súas escolas (que despois “repasan” os profesionais da limpeza). É unha práctica que chaman o-soji. “Na escola un alumno non só estuda as materias, tamén aprende a coidar o que é público e a ser un cidadán máis consciente”, explica o profesor Toshinori Saito.
É evidente. Pero que sería do equipo educativo que intentase algo así neste curruncho do planeta? Imaxinade…, non xa aos alumnos, …cal sería a reacción das nais e pais, a interpretación dos medios, …e os sindicatos? Interviría algunha ONG defensora dos dereitos dos infantes?
Na Compañía de María en Santiago levan toda a vida facendo isto, os rapaces e rapazas recollen a aula, limpan a pizarra, baleiran a papeleira, pasan unha vasoira daquela maneira e, de momento, non houbo ningún asalto ao centro polo civil nin polo penal.
Mentres o estimado público, en xeral, non se ofenda ( o mellor unha parte oféndese, pero hoxe non hai maneira de sabelo) coa maioría dos anuncios dos medios, immediatamente despois de calquera noticia abraiante sobre guerras e fames, hai pouco que facer. Como consolo direi que o botón que mais amo do mando electrónico e o que pon MUTE, polo menos permite salvar toda clase de publicidade. Non sei como os deixan fabricar as multinacionais!.