“As malas políticas levan a artesanía á desaparición”


Xosé Lois Vilar

Conversa con Carlos Miguel Rodríguez Oca, artesán

Carlos Miguel Rodríguez Oca vive na aldea de Seráns, parroquia de Muro, concello do Porto do Son. Comparte teito, mesa, vida e algo do oficio con María, a súa compañeira, e entre os dous dan abeiro e alento a Miqui e Isaac, os seus fillos.

De onde che vén a túa paixón pola artesanía?

De moi atrás. Miña nai, (Berres, A Estrada), viña dunha familia de torneiros e derivou en artesá multidisciplinar chegando a crear a empresa “Carmen Oca” , adicada á marroquinaría. Meu pai, (San Mamede de Ribadulla, Vedra), comezou con 15 anos no oficio de cesteiro facendo Xerras da Ulla (actividade xa extinta e na que traballamos todos os membros da familia) e construíndo gaitas, pínfanos, requintas e outros instrumentos. Foi fundador da marca crof®, da que eu son agora titular. Teño irmáns que andan tamén na lea e mesmo tíos; un deles, Mario, foi colaborador de Isaac Díaz Pardo e fundador de Cerámica da Ulla. Máis aínda. Meu avó era torneiro, da saga dos García, familia que se adicou dende séculos á tornería, coa peculiaridade de que os García eran os encargados de producir as pezas máis delicadas, tales coma balaustres e instrumentos musicais. Existen documentos que acreditan a actividade torneira dos García dende o s. XVI e máis concretamente un documento do 1730 onde se reflicte o encargo de replicar un Traverso Barroco traído de Francia que despois en Galicia deu en chamarse Requinta. Mirando en derredor fun veciño doutros 100 torneiros da parroquia de Berres. Con todos estes vimbios puiden tecer o soño de crear a empresa ReGalicia®.

Unha empresa que reza: “Tradición artesana ancestral”.

Co noso lema proclamamos ser mesteirais. Sinala a procedencia, traxectoria e duración secular dunha saga adicada á tornería. Aquel tempo onde a vangarda da tecnoloxía era liderada polos artesáns.

E vós seguides no empeño

A xente está afeita a ir buscar un traballo, ou presentarse a unha oposición. Pero ten que haber quen faga cousas tamén. O que nós producimos non serve para alimentarse, pero serve para demostrarlle a un ser querido o amor que se lle profesa. Pode haber algo máis máxico ca iso? Ao remate, ReGalicia® vén sendo unha “fábrica” de “probas de amor”. Tampouco está tan mal, non si?
A sensación é fantástica; cando ves esa moza que nos merca un brincos para ir máis guapa, ou ese ancián que sempre quixo ter unha pulseira de coiro ou o peregrino que anda prados e montes para chegar a Santiago acompañado dunha nosa
pulseira. Se che confeso que gardamos un anaquiño de todas as pezas que creamos… Estamos no que queremos, o que nos gusta, e ofrecémolo encantados.

E non hai nin un recuncho para o verme rutineiro?

O día a día dunha empresa familiar non ten rutina. Días hai nos que nin sequera podes pasar polo obradoiro. Tendo vivido sempre nun fogar de artesáns, levamos asimilado o sistema de traballo. Por exemplo, o luns sempre se reserva para trámites administrativos, facturas, axenda semanal, pedidos, e se sobra tempo… traballar un pouquiño nalgún dos procesos en marcha. Para poñer o noso produto no mercado, o sistema de produción ten que ir moi pautado. Aínda que podemos acabar calquera artigo en calquera momento, todo se fai en procesos de centos de pezas que poden servirse en diferentes versións.

Cando facemos baquetas torneamos durante unha semana e despois personalizamos. Pero xa temos un stock de baquetas. Cando cortamos pezas para pulseiras, cortamos centos de varios modelos e logo imos rematando segundo as reposicións necesarias. Ás veces, estamos parados ou bloqueados sen poder facer nada… Unha avaría ou a falla de recursos, un proceso que estraga as pezas e a materia… Un chisco semellante ao labrego que sementa, pero que se lle vén revirado o labor, non colleita.

E así, desde unha aldea, pódese vivir deste traballo?

Pódese, e moi ben. Vivimos na aldea, porque nacemos na aldea. Galicia é un país rural. A despoboación á que está sometido o rural é culpa das políticas que se levaron a cabo, e as que se van levar farano peor. A artesanía non é unha industria agresiva co medio rural, máis ben podería ser a súa salvación. Pero en 43 anos que teño non vin a ninguén (dos que teñen capacidade executiva) coa visión suficiente como para desenvolver o sector e facelo rendíbel asentándose na venda do produto, non na economía das subvencións; o problema de que a artesanía non sexa hoxe en día un actor económico principal nun destino turístico como é Galicia, é debido á visión folclórica que se ten dela e ás políticas de subvención que se fan dende as institucións.

Esa recuperación precisaría, entre outras cousas, dunha rede ben tecida de artesáns

ReGalicia® ten que botar man doutros obradoiros para producir toda a gama que ofrece. Temos contacto con centos de artesáns e a algúns deles incluso lles damos traballo. Forma parte do noso ADN colaborativo. Agora xa non viaxamos tanto por feiras ou exposicións, pero estamos obrigados a manternos sempre observando posibilidades de colaboración con artesáns de todo o mundo.

A artesanía galega actual ten encetado ese camiño?

Pensamos que a política levada a cabo é errónea, e isto favoreceu que case desaparecera a artesanía tradicional, substituída por un non sei que, a medias entre a arte e artesanía… Ou sexa, nada. O que acontece en Berres débenos facer cavilar.

Como é posible que nunha aldea que levaba miles de anos torneando madeira, que fixo todo canto mango de ferramenta se consumiu en Galicia durante séculos, que torneou todos os balaústres de todas as catedrais, que produciu millóns de rulos de masa ou morteiros ou pratos de polbo, estea practicamente extinguida a actividade torneira? Como é posible que nas escolas non se lles diga aos nenos que en Galicia había unha aldea na que no cento de muíños que tiña non moía gran ningún, que deles non saía nin cunca de fariña, que deses muíños agromaban gaitas e chifres, morteiros e rocas, fusos e pínfanos, mangos e asubíos?. Eses muíños non movían unha moa, movían tornos.
Se falamos de aldeas alfareiras (Buño, Niñodaguia, Bonxe, Gundivós), a xente sabe, pero dunha aldea pioneira en todo o mundo onde os tornos non se tiñan que mover a pedaladas, senón que estaban en muíños, ninguén coñece que existiu e que se chama Berres. A mesma aldea que tiña medio cento de tornerías abertas e máis dun cento de torneiros na última década do Século XX, ten agora apenas media ducia. En cuestión dun lustro, extinguida para sempre. Como concibir que non teñamos en Berres nin o primeiro deses muíños restaurados?

A pesar disto, vós seguides na teima. Aí está ReGalicia.

ReGalicia® é un proxecto de intercolaboración entre Obradoiros. Foi concibido nun principio, en 2001, como unha comercializadora das marcas da familia, Mario Coiro, crof®, Carmen Oca, Cerámica da Ulla, Sanín… Pero muda de concepto cara un modelo que na actualidade non está culminado. Medrar dende neno dentro do sector proporciona unha visión clara e aínda que non é doado levar un proxecto adiante, sabemos que é posible.

Arte ou artesanía?

Eu non confundo arte con artesanía. É un erro que procede da visión romántica e folclórica da artesanía que eu non teño. Podes facer unha gaita que é unha obra mestra e non ser un artista. Pode que eu ao ver gaita chore de ben feita que está e ao ver tocar nela me prenda a carraxe e me entren ganas de asasinar a quen a toca, pero iso nin converte ao artesán en artista nin degrada ao músico a outra cousa. O artesán fai o instrumento e o artista tócao, esculcar en quen ten máis mérito, para min, non é importante. Pero en ReGalicia® non vendemos arte de momento. Tampouco me preocupa se consideran arte ou artesanía o noso produto. Porén, cando María, a miña compañeira, está creando os deseños, si é verdade que miro para ela e penso…, vaia artista!

Para a artesanía houbo pasado. Hai, xa que logo, futuro?

Temos unha Fundación da Artesanía e o Deseño que é unha tragadeira de recursos e fai unha xestión nefasta; toda unha testemuña de como se extinguiron diversas disciplinas nos derradeiros 10 anos permanecendo impasible. Houbo un patrimonio que se perdeu e do que xa non quedou case nada, non se considerou como tal e non hai quen dea a voz de alarma. Eu sei o que vou facer; dar exemplo co noso proxecto e achegar a miña areíña, pero sen pasarse… Meus pais xa achegaron moito.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s