Carta ao presidente do goberno de España


Beatriz Cedrón

Señor presidente do goberno de España:

O pasado 11 de setembro estiven en Barcelona na Diada. O ano pasado, e o anterior, tamén. Como dicía Castelao: “Pois xa que o sabe, voullo dicir”. Brevemente: marchan. Pode que non este ano ou o que vén; se cadra dentro de 10, pero marchan. Había nenas e nenos, mozas e mozos, homes e mulleres máis vellas ca vostede. De todos os tamaños, formas e cores. Neoliberais, de esquerdas, de dereitas, obreiros, empresarias, feministas, futboleiros, deportistas, cataláns e catalás “de vello” e xente de aló nacida lonxe. E sabe que? Sorrían todo o tempo. Era unha festa. Non se metían con ninguén, elas e eles só celebraban. Miraban a miña bandeira (esa que merquei cando sentín que a ameazaban) e preguntaban de onde era. Deseguida sorrían e falábanme en español agradecendo a presenza na festa.

Señor Presidente, estamos pasando unha dor innecesaria. Creo que todo isto podíase ter feito doutra maneira, sen traumas, man con man. É máis, penso que en 50 anos estaremos nun lugar ao que poderiamos ter chegado agora sen dramas, sen fisuras, aforrando o sabor amargo e acedo dos días por vir ata que Catalunya diga adeu. Como pasará despois con Euskadi. E con Canarias (fartos como están -e con razón- da península e da súa xente). E xa veremos con quen máis. E algún día con Galicia, cando ata os estómagos máis agradecidos se decaten de que unha España sen elas xa non é tal. Cando as galegas e galegos que quedamos caiamos na conta de que gran parte das nosas familias, do noso talento, do noso esforzo e dos nosos corazóns están fóra e viven alí, en Catalunya. E tamén en Madrid, si; e en Euskadi, e noutros países europeos, americanos e mesmo en Oceanía, países aos que lles demos tanto e son, en parte (só en parte), o que son porque Galiza é unha extraordinaria exportadora de carne, especialmente de galegas e galegos que parimos e criamos con amor na terra para que produzan despois o mellor de si fóra dela.

Era tan fácil, señor Presidente, como habilitar espazos nos que percibir e traballar o respecto á diferencia habitando un lugar común. Onde amosar interese e non rexeitamento e desconfianza á esencia de cada pobo. Onde poñer en común e aportar fose iso, compartir, aprender e construír en conxunto, onde se valorase o que cada pobo pon para crear unha vida mellor para todas e todos. Tan simple, Presidente, como chamarlle Xan a un neno que se chama Xan, porque ese é o seu nome. Do mesmo xeito que o presidente da Xunta de Galicia se chama Alberto, e non Alberte, e o seu apelido, o de vostede, é Rajoy, e non Raxoi.

E ata eu, que son “pro”, estou triste.

One comment

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s