Grupo parlamentario galego


Pedro Pedrouzo Devesa

A vindeira lexislatura promete ser a máis relevante desde a Transición. Que mesmo Rajoy amose a súa dispoñibilidade para afrontar cambios constitucionais estanos indicando que os nosos vindeiros representantes parlamentarios afrontarán unha lexislatura clave.

O Senado, as deputacións provinciais, a independencia xudicial ou a propia monarquía son varios dos aspectos que prometen ser revisados. Sen ser propiamente temas constitucionais, o financiamento dos partidos ou a corrupción política parece que tamén serán temas relevantes. Pero sen dúbida, o tema máis trascendente será o desenlace do problema catalán.

De aí o enorme desencanto que produce o desencontro nacionalista en Galicia. Que forzas con programas idénticos sexan incapaces de confluír nunha candidatura única ás eleccións xerais é incomprensible. Un divorcio que se repite a nivel estado entre Podemos e IU.

O enorme impulso que as mareas recibiron da cidadanía, dándolles todo o protagonismo nos cambios políticos de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, facía presupoñer que para unhas Xerais habería encontro entre aqueles que durante tantos anos remaran na mesma dirección. Pero non. E estamos falando da posibilidade de acadar o grupo parlamentario, ao que parecía que se renunciara hai anos.

A enorme miopía que presentan ANOVA e o BNG agrávase se pensamos nas provincias do interior de Galicia, onde sería posible acadar o quinto escano que posibilitase a creación do grupo parlamentario galego; algo ao que as dúas forzas parecen renunciar, precisamente cando máis necesario vai ser contar cunha voz propia nun parlamento moi fragmentado, no que as maiorías serán caras.

Son estas, as Xerais, unhas eleccións nas que sempre tivo moita xustificación votar nacionalista para defender de forma independente os intereses de Galicia no Congreso, e, curiosamente, son as eleccións nas os resultados nacionalistas son sempre máis pobres. Vendo o panorama, tampouco é que pareza preocupar moito. O nacionalismo, como Galicia, é minifundista. Unha vez máis, as dúas provincias do interior partimos a estas eleccións sabendo da imposibilidade de acadar representación nacionalista no Congreso. Moitos levamos demasiados anos arrastrando o voto inútil porque cremos na posibilidade do cambio, dun cambio que a moitos parece darlles medo.

Por primeira vez, nas vindeiras eleccións non contaredes co meu voto. E dígoo con amargura.

En 2016 haberá eleccións galegas, unhas eleccións que se afrontarían cuns ánimos ben distintos se se partise dun grupo parlamentario propio. O goberno estaría moito máis próximo do que parece, pois sería posible mesmo superar a un PSOE que, á vista do que fai en Lugo e Ourense, está abonado á autolesión continua.

E moitos aínda se preguntan por que gaña o PP. Pois é evidente: teñen bastante máis sentidiño electoral ca todos os demais xuntos. Hai demasiados políticos que se encontran máis cómodos na oposición, como ben se desprende dos últimos acordos municipais. Quen sae a empatar, perde.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s