Cantos traballiños


Daniel López Muñoz

A túa filla xa será unha moza, eh? (Castelao)

Pois si, cantos traballiños e desgustos non aforrariamos se o tempo todo desta chamada democracia se aproveitara doutra maneira e non para se aproveitaren os aproveitados.

Se se usasen estes trinta e cinco anos, por exemplo, e sen ir máis lonxe, para baleirar primeiro e suprimir por fin as Deputacións. Obxectivo sempre aprazado, retrouso inútil de cada campaña electoral nova, de cada lexislatura nova.

Aforrariamos un triste final político ao pobre Cacharro Pardo, RIP, prohome irrepetible – Deo Gratias– que sentiu a chamada, e deu razón do recado, de controlar a vida, oportunidades e contratos de empresas e persoas de toda unha provincia, o seu vicerreino. Que calado sufrimento, que responsabilidade nos ombros dun único titán!

Aforrariamos o triste final de Baltar o Vello, alegría e trombón da enxebre ourensanía: a súa vergoñenta inhabilitación, xa xubilado, pola súa habelencia como xefe de recursos humanos, seleccionador de afíns agradecidos e heroe dun inexistente, pero posible, madía leva, sindicato unificado de porteiros de edificio provincial (e que menos, se nun centro con tres portas chegou a contratar 30 porteiros!, se a súa Deputación gastaba máis en nóminas ca en investimentos nun dos territorios máis deprimidos de Europa!).

Aforrariamos o bochorno da súa sucesión, do legado de pai a fillo, medieval estilo, por dicir algo. Pero para meritocracia medieval o que seica se lle escoita ao Novo nesas gravacións, nas todo indica que se xoga o xogo do sexo a cambio de empreguiño, botándolle o santo peito de afirmar que el é quen de cambiar as notas dun futuro exame de selección.

E, distinto, pero tamén ben triste, aforrariamos outras cousas. Como o sainete pola esquerda da deputación de Lugo, cainitismo en vivo e en directo, perrencha e algo máis.

As Deputacións cárgaas os demo. Son un burato negro das boas intencións políticas e un multiplicador das malas. Duplican o papel das institucións de autogoberno galego e non cumpren o seu papel de dinamizador dos territorios e concellos empobrecidos. Alimentan o peor que hai na clase política, pero tamén en nós: a aceptación de que o esforzo conta menos có enchufe e o mérito menos ca unha noite nun motel; a resignación fronte á arbitrariedade e a dominación; e mesmo a comprensión fronte a cousas tan pouco comprensibles como que dous deputados precisen sete asesores políticos de libre contratación.

Supresión xa!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno, Uncategorized coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Cantos traballiños

  1. Cando escoito (a certa xente) que hai que suprimir as deputacións e calquera outro organismo semellante coido que vai suceder con toda seguridade o contrario.
    En realidade sempre din verdade, o que hai é que entendelos; igoal que cando falan de que España vai ben e semellantes. Se no lugar de España pos, por exemplo, barrio de salamanca, todo encaixa perfectamente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s