Advento, deserto e viacrucis franciscano


A travesía do papa Francisco resulta inspiradora nas portas do chamado tempo de Advento. Tempo de deserto, de re-visitar a figura inmensa de Xoán o Bautista, vestido cunha pel de camelo e comendo lagostas –non mariñas precisamente-, raíces e mel ventureiro.

Xoán o visionario, o utópico, desde a súa radical simplicidade compartida, que advirte e arroiba os abusadores do pobo sinxelo, aqueles dignitarios espirituais que se consideraban elixidos -os que se dicían “descendentes de Abraham”. Xoán, mestre de Xesús, que lles recorda que aquí non conta o pedigree, senón os feitos e os froitos, e que a árbore que non dá froito cómpre pasala pola machada e mellor dedicala a manter o lume da lareira.

Esa imaxe do profeta no deserto contra os imperios e os seus cómplices explicaría moi ben a peripecia de Francisco á vista das novas filtracións do Vatileaks 2. O libro que as relata leva, non sen razón, o nome de Vía Crucis.

Os que tratan de torpedear as reformas franciscanas forman parte dese estado de cousasherdado da Curia, cos seus tenebrosos fillos de Abraham. Deses 5000 inmobles en Roma, das escandalosas irregularidades financeiras, dos privilexios inadmisibles.

Nos detalles está a verdade e os detalles fan a diferenza. Se en 2012, do famoso Óbolo de San Pedro (cartos para obras de caridade) resulta que se dedican 28,9 millóns a gastos da Curia, fronte a 14,1 millóns para aquelas obras caritativas; e se os curiais viven como aristócratas en pisos romanos de 200 metros cadrados…

Se da Fundación Bambin Gesú (Fundación do Neno Xesús), creada para axudar ao hospital pediátrico que xestiona o Vaticano, saíron os 200.000 € para reformar o ático do exsecretario de Estado Tarcisio Bertone, tras a su xubilación ao máis puro estilo Rouco Varela. Ou tamén cartos para a lugar un helicóptero por 23.800€…

E se o resultado dos procesos de canonizacións dependen de se os familiares ou achegados ao futuro santo pasan por Caixa para desembolsar entre 200.000 e 400.000€…

…A credibilidade de mensaxe e dos mensaxeiros recibe un –novo- golpe fatal.

Pero non foi sen aviso. E ben remoto, cando menos desde aqueles tempos convulsos dun tal Xoán, apaixonado, naturista e vital profeta no deserto. E razón levaba o Bautista, que para o inverno fai boa falla que o lume arda na lareira.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

One Response to Advento, deserto e viacrucis franciscano

  1. Ogallá vaia ben o Papa Francisco. Non o ten nada fácil nun terreo tan esvaradio como pisa, onde o poder atópase entalado debaixo das baldosas sobre as que camiña. O “proceso” pode ser lento e sibilino (os iden expeditivos procuraron mala imaxe abondo), pero seguramente comezou xa o primeiro día ou a primeira semana. Ou antes.
    A experiencia faime pesimista, nunha organización tan vella e avellentada, na que o lume aceso non pode ser gardado mais que polos “eremitas”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s