No fío dos días


Manuel Regal Ledo

Onte, 18, foi o día das san Lucas, as feiras máis sonadas de toda a provincia de Lugo neste mes de outono. Un día, para quen isto escribe, de moita lembranza, porque hai 55 anos o meu primo Roxelio me levaba como postulante ao mosteiro de Samos, onde había dar un paso máis, significativo, no meu itinerario persoal, humano, espiritual. Así que o fomos celebrar a Mondoñedo,

feireando con xente coñecida e descoñecida, gozando da abundancia de froitos e animais que a terra produce, cando a deixan e acompañan, e acollendo cordialmente tanta xentiña estranxeira que, como ben poden, van facendo algún cartiño para amañar as súas vidas. Cústame moito nin sequera pensar que estean seguindo a estratexia do cabalo de Troia, como afirmaba Cañizares (vaites, vaites!), e que non sexan trigo tan limpo, aruxo máis, aruxo menos, como nós a xente de aquí o somos. O día foi espléndido, calmoso, outonal, sen sol bravo nin auga feridora que impedisen saúdos e demoras. Un día cheo da graza multicolor da vida. Canto pracer!

Antonte, 17, véspera das san Lucas, xuntáranse en Mondoñedo, beiras de 250 persoas, moitas delas antigos alumnos do Seminario coas súas donas, para homenaxear esta institución diocesana que foi viveiro de vida, ciencia e convivencia humanista, humanizadora para as persoas directamente afectadas, para a cidade de Mondoñedo e, a través delas, para o conxunto de Galicia, que ben deitamos da graza poética, cultural, cocida ao quente daquelas paredes seculares. Houbo Medalla de Ouro, discursos, agradecementos, xantares, conversas cordiais, lembranzas, señardades… Aínda o 18, para quen andase co nariz, o oído e o corazón fino, as rúas ateigadas (petadas, di agora a chavalada) de xente e vida ulían a latíns e incensos, a salmos valecos e verbas soñadoras. O seminario non é o que foi. Non acolle seminaristas. Situación grave, grávida, de peso e embarazo, que apunta a tempos novos, a criaturas novas, que, coa axuda de Deus, han vir.

Antonte tamén, desta vez en Santiago, cento e pico de persoas chegadas de toda Galicia xuntabámonos para ilustrarnos e alentarnos no foro de Encrucillada. Ao final, Espido Freire, autora do ensaio sobre Tareixa de Xesús Para vos nací, engaiolounos cunha presentación carente de fofos alardes oratorios, pero tan chea de forza íntima, de paixón, de admiración pola figura de Tareixa, de bo dicir feminino, que nin un segundo da hora que lle levou quedou libre nin do seu encanto transparente nin da nosa abraiada e agradecida atención.

Canta cousa fermosa nos ofrece a vida!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón). Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s