XXX FORO DE ENCRUCILLADA: CRISTIANISMO SEN IGREXA?


Espido Freire pechou o foro presentando o seu ensaio Para vos nací. Un mes con Teresa de Jesús

Espido Freire pechou o foro presentando o seu ensaio Para vos nací. Un mes con Teresa de Jesús

Elvira Santos Pena

En Compostela celebrouse, o 17 de outubro, o XXX Foro de Encrucillada, co título CRISTIANISMO SEN IGREXA?

Na presentación, Santi González Avión apuntaba: “Ten sentido facerse esa pregunta? Temos unha fe que se proclama en comunidade, pero, vista a experiencia de tanta persoas, é necesario reflexionar sobre esta realidade”.

Fernando Vidal Fernández (sociólogo, profesor da Universidade Pontificia Comillas, director do Instituto Universitario da Familia e de grupos de investigación sobre exclusión, inmigración e familia) comezou o seu relatorio tamén cun interrogante. Cristiáns sen Igrexa ou cristiáns sen fogar? Con datos estatísticos sobre práctica relixiosa e confianza e valoración da Igrexa, expuxo que hai unha extensa crenza en Deus, pouca confianza na Igrexa e unha baixa valoración desta (4,6). Son as igrexas as que quedan sen cristiáns pola desconexión intelectual, estética, celebrativa e a falta dunha pastoral máis aberta, que supere a parroquialidade e reconecte coa parroquia fogar, casa aberta… Fernando concluíu: “Non creo que haxa cristiáns sen Igrexa, hai cristiáns sen fogar”.

Os retos pastorais enunciounos Pepa Torres Pérez, muller loitadora, feminista, que vive en Lavapiés (Madrid) traballando activamente polos dereitos dos inmigrantes e das mulleres en distintos movementos alternativos. Pepa é relixiosa da congregación das Apostólicas do Corazón de Xesús, licenciada en Teoloxía e profesora do Instituto Xoán XXIII.

Tras o inverno eclesial, dixo que estamos nun tempo novo, un kairós que nos anuncia que este sistema non serve. A Igrexa non escoita os berros das persoas de hoxe, que sofren o desaxuste fe-institución, sentíndose rexeitadas ou alleadas, o que as leva a buscar alternativas desde a liberdade de conciencia. Pepa falou das fendas abertas entre a Igrexa e as persoas de hoxe e das pontes que poderían pechar esas fendas.

Pechando a mañá, Víctor Naveira presentounos o seu soño: “O BASILEIA”, unha casa de acollida, oración, encontro, solidariedade e bendición para quen se queira achegar. “Aquí hai algo novo”, dicía Xosé Manuel ao presentalo. Pois si, Víctor é capaz de soñar cousas novas e facelas realidade. Parabéns e moita sorte!

O último relatorio estivo a cargo de Marisa Rodríguez Pereiro, presentada con moita orixinalidade por Marisa Vidal, que cantou á súa irmá. Marisa Rodríguez Pereiro é pedagoga, orientadora nun centro educativo e coordinadora en diferentes grupos, como Acompañamento ou Rede Miriam. O seu feminismo é vital, desde a experiencia da súa vida. Marisa comezou facendo memoria agradecida das persoas que comparten a súa vida, dos fíos que foron tecendo a persoa que hoxe é. Fíos de amor, de tenrura, de terra; fíos de compromiso, escoita, consenso; fíos de sabedoría. Dixo que as mulleres nos sentimos “residentes estranxeiras” nunha Igrexa que fala unha linguaxe que non é a nosa. E propuxo algúns dos desafíos do feminismo: recoñecer os papeis das mulleres nas súas orixes; recoñecer o corpo das mulleres como lugar sagrado; converterse nunha comunidade de iguais; incorporar a linguaxe inclusiva; abrirse á novidade da vida e aos novos xeitos de vivir a espiritualidade; ser igrexa mediadora e acompañante na salvación…

Clausurou o foro Espido Freire, autora de Para vos nací. Un mes con Teresa de Jesús. Espido acercounos a Tereixa de Ávila cunha exposición verdadeira. Falounos das súas xenialidades e contradicións, a súa forma de relacionarse, de resistir, de loitar… Contounos o que significou para ela o “Nada te turbe” de Tereixa, interpretado como “hai Algo que te está coidando”.

O próximo número de Encrucillada (195) recollerá os relatorios completos.

Ata o ano que vén!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s