Normas consistentes, boa nova escasa


Finaliza o Sínodo e obsérvase a diferenza entre as expectativas que crea unha figura como Francisco -e a súa proposta de reforma- e a dura realidade dun episcopado regresivo e lastrado de anos, normas e dogmas, moito del aínda na órbita ideolóxica de Xoán Paulo II.

Un tímido avance en forma de proceso de “acompañamento e discernimento caso a caso”no asunto da plena participación na comunidade cristiá dos divorciados. E un sacarse de encima temas incómodos, como por exemplo a necesaria reorientación completa no tratamento da homosexualidade, que segue a ser tratada como unha contrariedade ou unha pena coa que achantar con discreción. Escasa colleita.

Coa finalización do sínodo sobre a familia, comprobamos, logo, a pesar do que di o propio Francisco no discurso final, que a procura humilde da verdade, desde o espírito do buscador de Nazaré, non é a postura sinodal maioritaria. Persiste o convencemento de que hai unha verdade única, inamovible, cerrada que se lle colga a Cristo do pescozo. E descubrimos, con abraio, que millóns de cristiás/áns continuamos a vivir no erro, non por non lle facer caso a Xesús, ás súas actitudes básicas, senón por non escoitar aos seus intérpretes. Porque seica vai resultar que o seguimento de Xesús non é un camiño ao que somos invitados, senón un cuestionario, coas respostas marcadas, ao que teremos que responder correctamente ante un tribunal.

Hai unha Igrexa, chea de santos e beatos bispos, que pon a Verdade, con maiúscula, como referente. Hai unha Igrexa que pon a Misericordia, con maiúscula, como guía para o seu camiño. De seguro que ambas as dúas non son incompatibles, mais o día a día distánciaas cada vez máis.

Os “intérpretes da verdade” acaban de reiterar o “designio de Deus para o matrimonio e a familia”(sic). E iso a pesar do suxestivo que resulta que, no Evanxeo de Xoán, cando Pilato lle pregunta a Xesús no momento crítico «Que é a verdade?» (Xn 18, 38), atopase o silencio como resposta.

Lamentamos as conclusións do Sínodo e subscribimos as palabras finais de Francisco: “os verdadeiros defensores da doutrina no son os que defenden a letra, senón o espírito; non as ideas, senón a persoa ; non as fórmulas, senón a gratuidade do amor de Deus e do seu perdón”.

Que sexa tal que así. E non doutra maneira.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s