Usando o texto como pretexto…


Lidia e Valentina

Normalmente relémonos antes de escribir cada artigo para ver se estaría ben enfialo co anterior, ou sería mellor comezar cun tema novo. Esta semana tiñamos na idea empezar tema, pero relendo demos naquilo de “beber unha fecha” e quixemos insistir en que a “fecha” é unha pequena cantidade de líquido, pero non é unha palabra exactamente sinónima doutras que seguro que vos veñen á cabeza: chopo, chingo, chope, grolo, gurrucho, gulapo, papado, sorbo, trago…, xa que todos estes termos teñen un pequeno matiz: indican pequena cantidade de líquido que se pode beber dunha vez, cando “fecha” é só pequena cantidade de líquido, sen ese matiz de “bebible dunha vez”.

Tamén existen termos similares cando pensamos en sólidos, no lugar de líquidos. Cando falamos de comida, vénnos á cabeza “petisco”, que é unha porción pequena de algo que se toma para probar. Tamén existe “cinasco”, aínda que esta palabra xa non ten como referencia exclusiva a comida, si se emprega moito para referirse a ela, sobre todo nunha frase feita: non deixar cinasco ou non quedar cinasco, cando non se deixa ou non queda nada de comer. Mais tamén se pode referir a unha parte pequena de algo, sen máis matices.

O que non sabemos é se existirá un termo, ou se o teremos que inventar nós, para indicar unha cantidade pequena de grallas que se coan nos artigos. Porque relendo, relendo… vimos que deixamos unha coma entre un suxeito e un verbo, aínda que ben sabemos que o suxeito non pode ir nunca separado do verbo, por moi longo que sexa ese suxeito, por unha coma, salvo que o que se meta entre comas sexa unha explicación a ese suxeito. Daquela será “Os máis vellos din que aquelas sopas de cabalo cansado, con ese viño catalán, sabían que rabeaban”; ou con dúas comas, ou con ningunha, pero o que non podemos é ter unha soa despois de “catalán”.

E se queremos poñernos puristas coa puntuación, tampouco é correcto poñer punto despois dos signos de admiración nin de interrogación, estes xa funcionan como puntos. Se cadra atopades algún fallo destes, pero non imos remexer máis.

E como xa non queda espazo para introducir nada novo, continuamos pulindo cousiñas. Ás veces temos dúas solucións para un mesmo elemento gramatical. Estamos pensando en “ó” e mais “ao” para a contracción da preposición a  co artigo masculino o. Son correctas as dúas formas, pero debemos ser coherentes, escoller o uso dunha ou doutra, non mesturar as dúas no mesmo texto. Ás veces, escápannos, pronunciamos dun xeito, recoméndase da outra… En fin, xa vai alá! Hoxe cremos que procede pechar co sorriso que nos sacou a frase que sempre di un bo amigo: “Teño aprendido tanto dos meus erros, que ando a pensar en cometer algún que outro máis”…

Gozade dos magostos!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Falando da lingua. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s